Decreto
200/1991, do 13 de xuño, polo que se reestructuran os servicios veterinarios
oficiais regulados na Lei 17/1989 e se definen as súas funcións.
O Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23
de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da
Comunidade Autónoma de Galicia, establece na súa disposición adicional que os
servicios veterinarios oficiais que se regulan na dita norma serán
reestructurados e definidas as funcións que lles corresponde desenvolver no seo
das consellerías de Sanidade e de Agricultura, Gandería e Montes. Así mesmo,
considérase necesario incluír nesta reestructuración os servicios veterinarios
propios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
Con este obxecto, o Consello da Xunta de Galicia creou a
Comisión asesora para a reestructuración dos servicios veterinarios oficiais de
Galicia, que, nas reunións mantidas para o efecto, procedeu a determina-las
funcións que deben desempeña-los citados servicios oficiais, tendo en conta a
súa dependencia orgánica e as súas esferas de actuación.
Ó mesmo tempo, non hai que esquecer que o ámbito funcional
da veterinaria da saúde pública é considerado na Lei 14/1986, do 25 de abril,
xeral de sanidade, como unha actividade básica do sistema sanitario, e que os
recursos sanitarios dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia deben estar
coordinados para configurar un concepto integral da saúde (física, mental,
social ou de relación e ecolóxica ou ambiental), segundo vén disposto na Lei
1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde.
Esa coordinación leva a que os veterinarios que prestan
servicios na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia poidan
desempeñar, de forma indiferenciada, calquera posto de traballo dos previstos
no presente decreto, xa pertenzan ós Servicios Veterinarios Oficiais de Saúde
Pública, xa ós de Sanidade e Producción Animal ou ós de Pesca, posto que todos
eles teñan asignadas funcións substancialmente coincidentes no seu contido
profesional e no seu nivel técnico.
En suma, este decreto recolle os resultados dos traballos
desenvolvidos pola comisión asesora antes citada, diferenciando os Servicios
Veterinarios Oficiais de Saúde Pública, dependentes da Consellería de Sanidade,
dos Servicios Veterinarios Oficiais de Sanidade e Producción Animal, que
dependen da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e dos Servicios
Veterinarios Oficiais de Pesca, dependentes da Conselllería de Pesca, Marisqueo
e Acuicultura.
Polo tanto, en uso das atribucións que me confire o artigo
37.2 da lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu
presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 10 de outubro, logo de consulta coa
mesa sectorial de negociación do persoal sanitario, oídos os colexios
veterinarios oficiais de Galicia, por proposta dos conselleiro de Sanidade, de
Agricultura, Gandería e Montes de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co referendo
do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, na forma disposta no
artigo 4.3 do Regulamento de réxime interior do Consello da Xunta de Galicia,
aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e logo de deliberación do
Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de mil
novecentos noventa e un,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións Xerais
1. Este decreto
ten por obxecto a reestructuración orgánica e a delimitación das funcións dos
servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, regulados na
Lei 17/1989.
2. Os servicios
veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia clasificanse en:
a) Servicios Veterinarios Oficiais de Saúde Pública,
dependentes da Consellería de Sanidade.
b) Servicios Veterinarios Oficiais de Sanidade e Producción
Animal, dependentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
c) Servicios Veterinarios Oficiais de Pesca, que dependen da
Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
3. O ámbito
territorial de actuación dos postos de traballo pertencentes ós servicios
veterinarios oficiais de saúde pública será o que se fixe nas correspondentes
relacións de postos de traballo.
O ámbito de actuación dos Servicios Veterinarios Oficiais de
Sanidade e Producción Animal será comarcal.
Polo que e refire ós Servicios Veterinarios Oficiais de
Pesca, desenvolverán a súa actividade no ámbito das delegacións territoriais e
comarcais e demais centros períferícos dependentes da Consellería de Pesca,
Marisqueo e Acuicultura.
4. O persoal
facultativo integrado nos mencionados servicios realizará as funcións que se
expresan no capítulo II do presente decreto e percibirá as mesmas retribucións
que lles correspondan ós funcionarios co mesmo grupo e nivel de complemento de
destino, de conformidade co disposto nos artigos 64 a 66 da Lei da función
pública de Galicia e normas de desenvolvemento.
A súa xornada de traballo será a sinalada, con carácter
xeral, para tódolos funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, seralle de aplicación o réxime de
incompatibilidades vixente para o persoal da Administración pública da
Comunidade Autónoma.
5. As clases de
veterinarios titulares e licenciados en veterinaria que se establecen no artigo
4º. do Decreto 303/1990 poderán desempeñar indistintamente calquera posto de
traballo correspondente ós Servicios Veterinarios Oficiais de Saúde Pública, de
Sanidade e Producción Animal e de Pesca, con independencia de cal sexa o seu
procedemento de selección ou provisión.
CAPÍTULO II
Das Funcións
6. Os Servicios
Veterinarios Oficiais de Saúde Pública realizarán as seguintes funcións:
1. En materia de hixiene alimentaria de competencia
veterinaria.
1.1. Inspección e control da calidade sanitaria e condicións
hixiénico-sanitarias dos alimentos. Toma de mostras para o seu envío ó
laboratorio, así como o control analítico destas.
1.2. Vixilancia e control das condicións hixiénico-sanitarias
dos comedores colectivos, incluídos os hospitais, e do seu persoal manipulador.
1.3. Detección e control dos factores de risco das
enfermidades transmitidas por alimentos; investigación da cadea alimentaria no
estudio epidemiolóxico dos brotes das enfermidades transmitidas por alimentos.
1.4. Emisión e control dos documentos sanitarios oficiais
que amparan a circulación das materias primas e productos elaborados destinados
ó consumo humano.
1.5. Controla-la documentación dos animais de abasto que
entren no matadoiro.
Naqueles establecementos autorizados pola Consellería de
Sanidade, para o sacrificio de animais procedentes de campañas de saneamento
gandeiro, así como dos programas tendentes a controla-lo uso de substancias
prohibidas na alimentación animal, o control da documentación oficial, que
permite a súa identificación e circulación ata os ditos establecementos, será
realizado conxuntamente cos Servicios Veterinarios Oficiais da Consellería de
Agricultura, Gandería e Montes.
1.6. Inspección e emisión dos informes preceptivos previos á
concesión da autorización sanitaria de funcionamento das industrias da
alimentación, así como para a apertura de establecementos minoristas de
alimentación.
1.7. Vixilancia e inspección das condicións hixiénico-sanitarias
das industrias da alimentación, establecementos de alimentación e doutras
actividades relacionadas coa producción de alimentos; lonxas, almacéns e
transportes de peixe, así como almacéns e transportes de froitas e verduras
frescas.
1.8. Inspección e control das fases de elaboración,
almacenamento, transporte e comercialización dos productos destinados ó consumo
humano e, se é o caso, efectua-los seus controles analíticos, así como do
persoal manipulador.
1.9. Inspección ante e post-mortem dos animais de abasto,
aves e coellos; control do proceso de faenado e a súa posterior carnización.
Emisión do dictame sobre o destino das carnes e miúdos, así
como dos comisos e subproductos. Así mesmo, controlarán as condicións
hixiénico-sanitarias dos matadoiros e salas de parta de carnes de acordo co
disposto nas disposicións da CEE, nacionais e autonómicas.
1.10. Vixilancia e control sanitario das reses porcinas
sacrificadas en domicilios particulares e destinadas ó consumo familiar.
Control das reses procedentes dos espectáculos taurinos, así como dos locais
destinados á inspección post-mortem da caza e o seu dictame.
1.11. Control e vixilancia do cumprimento do Regulamento de
actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas e normas concordantes,
por parte das industrias agroalimentarias, especialmente relacionadas co medio
ambiente e a calidade de vida.
1.12. Actividades educativas para a saúde en materia de
hixiene de alimentos e medio ambiente, así mesmo, participarán nos programas de
educación para a saúde en materia da súa competencia, especialmente, os de
manipuladores de alimentos.
1.13. Participación co resto dos profesionais sanitarios na
administración, planificación e coordinación de programas de saúde pública,
establecendo un sistema de intercambio de información de intereses comúns.
1.14. As funcións previstas no artigo 23 da Lei 5/1983, do
30 de xuño, de sanidade escolar, e no artigo 27 do seu regulamento, aprobado
polo Decreto 44/1985, do 14 de febreiro.
1.15. Control de planificación e desenvolvemento dos
programas de desinfección, desinsectación e desratización nas industrias de
alimentación e establecementos de venda de alimentos para consumo humano.
2. En materia de zoonose:
2.1. Estudio e planificación dos programas de prevención e
loita contra as enfermidades transmisibles (zoonose), xa sexan desenvoltas en
exclusiva pola Consellería de Sanidade ou en colaboración con outras
consellerías, así como noutros que pola súa natureza podan ser atribuídas ós
Servicios Veterinarios Oficiais de Saúde Pública.
2.2. Estudio e planificación dos programas de educación
sanitaria tendentes a erradicar, ou a reduci-la súa incidencia nas persoas, as
enfermidades transmitidas polos animais.
7. Os Servicios
Veterinarios Oficiais de Sanidade e Producción Animal realizarán as seguintes
funcións:
1. En materia de epizootias e zoonose:
1.1. Planificación, execución e seguimento dos plans de
loita e control das epizootias e zoonoses.
1.2. Control e vixilancia sanitaria de explotacións
gandeiras.
1.3. Calificación sanitaria de explotacións gandeiras.
2. En materia de comercio pecuario e produccións animais:
2.1. Control e supervisión técnicas de feiras, mercados,
concursos, exposicións e certames de toda índole, incluídos os de animais de
compañía.
2.2. Seguimento zoosanitario dos animais importados:
2.3. Estatística gandeira.
2.4. Control técnico de circulación e transporte de gando.
2.5. Control zoosanitario das produccións animais e dos
productos zoosanitarios.
3. En materia de ordenación, mellora e fomento da gandería e
das produccións animais:
3.1. Execución de programas de reproducción, selección e
mellora xenética.
3.2. Execución, control e supervisión da inseminación
artificial e transferencia embrionaria gandeira.
3.3. Control, supervisión e seguimento dos programas de
mellora da eficacia gandeira e das liñas de axuda automáticas, estatais e
comunitarias.
3.4. Participación nos programas de formación e divulgación
gandeira.
3.5. Rexistro de explotacións.
3.6. Seguimento dos programas de apoio á gandería de montaña
e áreas desfavorecidas.
3.7. Control zoosanitario de apiarios, granxas de peletería
e de calquera outra explotación de animais útiles ó home.
3.8. Expedición, no ámbito da súa xurisdicción e
competencia, de toda a documentación oficial referida ás áreas de actuación
antes detalladas.
3.9. Participación nos programas de investigación e
experimentación animal.
3.10. Inspección e control nas fases de elaboración,
manipulación, almacenamento, transporte e comercialización dos productos
destinados á alimentación animal.
4. Outras áreas de actuación:
4.1. Control zootécnico e de calidade das produccións.
4.2. Laboratorios de sanidade e producción animal.
4.3. Aplicación e seguimento das normativas sobre o benestar
dos animais domésticos.
4.4. Control do impacto ambiental das actividades gandeiras.
4.5. Espectáculos taurinos: Control zootécnico e
zoosanitario dos animais destinados a espectáculos taurinos e dos cabalos.
4.6. Control zootécnico e zoosanitario dos núcleos
zoolóxicos, incluído o seu rexistro e autorización; centros de equitación e de
animais de compañía de tódolas especies, e dos seus animais.
8. Os Servicios
Veterinarios Oficiais de Pesca desenvolverán as súas funcións nas seguintes
materias:
1. Fomento e protección dos recursos.
2. Formación técnico-profesional en acuicultura e manipulado
e transformación de productos pesqueiros.
3. Investigación pesqueira.
4. Transferencia de tecnoloxías.
5. Controles e promoción de calidade.
9. As funcións
descritas neste capítulo, que serán desenvoltas polos Servicios Veterinarios
Oficiais da Comunidade Autónoma, entenderanse sen prexuízo das que poidan
corresponder a outras profesións.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira. (A disposición adicional primeria foi derrogada
polo Decreto 474/1997, do 12 de decembro polo que se modifica parcialmente o
Decreto 200/1991, do 13 de xuño, polo que se reestructuran os servicios
veterinarios oficiais e se definen as súas funcións.
Segunda.- Os veterinarios de Saúde Pública e Administración
Sanitaria a que se refire o presente decreto participarán nas campañas
sanitarias que se realicen nos concellos integrados na demarcación territorial
a que se refire o artigo 3.º deste decreto. Con este obxecto poderanse
subscribi-los oportunos convenios de colaboración coas corporacións locais.
Terceira.- Os postos de traballo que corresponden a cada un
dos servicios veterinarios a que se refire o artigo 2º do presente decreto
serán os que se determinen nas correspondentes relacións de postos de traballo.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Única.- En tanto non se aproben as correspondentes relacións
de postos de traballo o persoal afectado por este decreto continuará sometido a
normativa actualmete existente.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Facúltanse ós conselleiros de Sanidade, de Agricultura,
Gandería e Montes e de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictaren, no ámbito
das súas respectivas competencias, as disposicións necesarias para o
desenvolvemento e execución desde decreto, que entrará en vigor día seguinte ó
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
INTRODUCIDA POLO DECRETO
474/1997, DO 12 DE DECEMBRO.
O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante o anterior, a súa
eficacia quedará demorada ata plena operatividade das novas relacións de postos
de traballo dos servicios veterinarios oficiais de saúde pública dependentes da
Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que veñan substituí-las aprobadas
polo Consello da Xunta de Galicia do 23 de novembro de 1995, publicadas por
Resolución do 24 de novembro (D.O.G. nº 227, do 27 de novembro).