Decreto
389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia.
O artigo 43 da Constitución española recoñece o dereito de tódolos cidadáns á
protección da saúde, e encomendando ós poderes públicos a súa organización e
tutela a través de medidas preventivas e das prestacións e servicios necesarios
e encárgalles no seu artigo 49, a realización dunha política de previsión,
tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos psíquicos ós que se
lles deberá presta-la atención especializada que requiran, amparándoos para o
goce dos dereitos que o título I outorga a tódolos cidadáns.
A Lei xeral de sanidade, do 25 de abril de 1986, determina,
á súa vez, no seu artigo 20, que conforma a totalidade do capítulo III do
título I, «Da saúde mental», a integración plena dela no sistema sanitario
xeral, indicando que a atención ós problemas de saúde mental da poboación se
realizará no ámbito comunitario, potenciando os recursos asistenciais a nivel
ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e atención a domicilio, con
reducción ó máximo posible da necesidade de hospitalización, e cubrindo os
aspectos de prevención primaria e a atención ós problemas psicosociais que
acompañan á perda da saúde en coordinación cos servicios sociais.
Correspondendo á Comunidade Autónoma, conforme o artigo 33.1
do noso Estatuto de autonomía, o desenvolvemento lexislativo e a execución da
lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, preténdese dar
resposta ós mandatos contidos nos textos legais citados, estimando que a
situación actual da saúde mental require unha regulación particular que
unifique os seus distintos aspectos e organice e racionalice tódolos recursos
como paso previo e indispensable para a súa total integración, en pé de igualdade,
no sistema sanitario xeral de Galicia.
Na terceira lexislatura do Parlamento de Galicia (1990/1993)
presentouse un proxecto de lei de saúde mental da Comunidade Autónoma que tiña
como antecedentes máis importantes o Informe da Comisión Ministerial para a
Reforma Psiquiátrica de abril de 1985 e o traballo da comisión asesora en
materia de saúde mental creada por Orde do 26 de novembro de 1986. Diversas
circunstancias aconsellaron hoxe abandona-la idea de regra-la saúde mental
cunha lei independente, así:
- O traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e
servicios do Instituto Nacional da Saúde, polo Real decreto 1.679/1990, do 28
de decembro, que culmina o proceso de transferencias do Estado á Comunidade
Autónoma en materia sanitaria.
- A modificación da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación
do Servicio Galego de Saúde, pola Lei 8/1991, do 23 de xullo.
- A posta en funcionamento do Servicio Galego de Saúde como
organismo autónomo de carácter administrativo, asumindo as funcións previstas
na devandita Lei 8/1991, do 23 de xullo, trala Lei 15/1991, do 28 de decembro,
de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992.
- A creación do Comisionado do Plan Autonómico sobre
Drogodependencias, polo Decreto 33/1993, do 19 de febreiro, unificando a
dirección de tódalas accións que se desenvolvan neste campo, seguindo as
recomendacións do dictame do 7 de febreiro de 1992, da Comisión non Permanente
do Parlamento de Galicia para o estudio das repercusións socioeconómicas e sanitarias
do narcotráfico na nosa Comunidade.
- Aprobación polo Consello da Xunta, do 24 de xuño de 1993,
e polo tanto tamén no eido da saúde mental, do Plan de Saúde de Galicia
1993/1997 que establece as liñas xerais de actuación sanitaria e senta as bases
para a elaboración dun proxecto de Lei de sanidade de Galicia, co fin de
dispoñer dun instrumento eficaz para ordenar e xestiona-los recursos e as
competencias sanitarias da Comunidade Autónoma.
Estes feitos de absoluta relevancia no eido sanitario galego
permitiron considerar que o proxecto disgregaría unha concepción integral da
saúde e a creación dun modelo que impulse as iniciativas e actuacións en
materia sanitaria, polo que, decaído este polo transcurso da lexislatura, se
procede agora, seguindo un criterio semellante á práctica totalidade das
comunidades autónomas do Estado, a promulgación dun decreto de saúde mental que
manteña o espírito do proxecto de lei e do informe da comisión asesora
referenciados, pero que non se atopa en contradicción coas novidades sanitarias
que se produciron desde a súa presentación ó Parlamento.
Neste decreto regúlanse os dispositivos que, para os seus
fins, se consideran básicos no desenvolvemento deste modelo, poñendo sempre a
énfase na atención na comunidade e para a comunidade, e superando os criterios
que centran preferentemente a atención nos hospitais. Así, as unidades de saúde
mental actuarán con orientación comunitaria cun equipo interdisciplinario que
servirá de apoio ós dispositivos de atención primaria de saúde, e a medio
camiño entre a unidade de saúde mental e as unidades de hospitalización
psiquiátrica, prevese outro dispositivo básico de gran importancia, como é o
hospital de día. Seguindo os principios básicos sinalados, a hospitalización
dos enfermos mentais realizarase en unidades de hospitalización psiquiátrica
integradas nos hospitais xerais, e de acordo co previsto no artigo 20 da Lei
xeral de sanidade e as normas básicas da atención psiquiátrica moderna,
adóptanse medidas cautelares para reduci-las necesidades de hospitalización, á
cal se debe acudir soamente cando se evidencie a súa necesidade, por achegar
maiores beneficios, que as outras modalidades terapéuticas.
Considérase, por outra banda, a posibilidade de establecer
programas específicos para trata-las situacións especiais que requiran
actuacións singulares, podendo crearse unidades específicas, temporais ou
permanentes para o seu control. De forma especial posibilítase a creación das
de saúde mental infanto-xuvenil, psicoxeriatría, alcoholismo e dependencias non
alcohólicas, por constituíren problemas actuais que necesitan dunha acción
urxente, específica e permanente, non obstante, adoptándose cautelas para
evita-lo perigo de que estas unidades poidan dar lugar á creación de redes
paralelas, o que iría en contra do espíritu que inspira este texto.
Tamén se regulan unha serie de dispositivos complementarios,
que na súa maior parte terán que provir da transformación dos actuais hospitáis
psiquiátricos e que deberán xogar un importante papel na rehabililación
psiquiátrica dos enfermos e na súa integración social. A súa actuación é
imprescindible que se desenvolva en constante cooperación coa rede de
dispositivos sociais da Comunidade Autónoma, así como as consellerías que teñan
competencias no ámbito laboral e educativo.
Por todo isto, oídas, en aplicación do artigo l30 da Lei de
procedemeto administrativo, do 17 de xullo de 1958 as asociacións, entidades e
institucións relacionadas coa saúde mental e a asistencia psiquiátrica, por
proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación
do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de decembro de
mil novecentos noventa e catro,
DISPOÑO:
1. Obxecto.
O presente decreto ten por obxecto establecer, no ámbito da
Comunidade Autónoma de Galicia, as directrices xerais de actuación na saúde
mental e na asistencia psiquátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á
promoción e protección da saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas
e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.
2. Directrices
xerais.
1.- A saúde mental e a asistencia psiquiátrica, tanto extra
como intrahospitalaria, integrarase no conxunto de plans e accións de saúde
xeral, evitando calquera discriminación con outras parcelas de saúde.
2.- Os programas preventivos, asistenciais e rehabilitadores
formarán un todo homoxéneo e garantirán a través da continuidade terapéutica
unha actuación coherente na atención da saúde mental.
3.- A actuación sanitaria en saúde mental procurará unha
orientación comunitaria potenciando os recursos asistenciais a nivel
ambulatorio, os sistemas de hospitalización parcial e a atención a domicilio,
asegurando a participación efectiva da comunidade e a utilización de tódolos
recursos desta en favor dos seus integrantes.
4.- Tódalas actuacións e tódolos programas de saúde mental
serán debidamente avaliados para adecualos ás necesidades reais da poboación e
optimiza-1a acción sanitaria neste campo, participando nela tódolos
dispositivos no nivel que lles corresponda.
5.- Tódolos dispositivos e unidades de saúde mental
participarán e realizarán actividades de investigación, formación e docencia ó
nivel que lles corresponda.
6.- Os dispositivos de saúde mental serán estructurados cun
enfoque interdisciplinario na súa composición e no seu funcionamento e basearán
a súa actividade na cooperación de tódolos seus membros.
7.- Os dispositivos de saúde mental serán organizados de
xeito que quede garantida a súa extensión a toda a poboación. A este fin
distribuiranse equitativamente segundo criterios obxectivos que terán en conta
factores xeográficos, demográficos, epidemiolóxicos, socioeconómicos, laborais,
culturais e de dotación de vías e medios de comunicación.
8.- Tódolos dispositivos de saúde mental deberán estar
acreditados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
3. Coordinación
da saúde mental.
l. Dentro da estructura administrativa dos servicios
centrais do Servicio Galego de Saúde existirá unha unidade que xestionará os plans
e programas de saúde mental da Comunidade Autónoma, co nivel orgánico que se
determine, dependendo da dirección xeral competente en asistencia sanitaria, e
coordinará os dispositivos dedicados á saúde mental.
2. En cada área de referencia de cada hospital ou complexo
hospitalario existirá un responsable que, dependendo directamente do director
xerente ou director médico de atención especializada, segundo proceda,
garantirá o adecuado funcionamento de tódolos recursos de saúde mental. O seu
nivel orgánico determinarase regulamentariamente.
O citado responsable realizará as seguintes funcións:
a) Avalia-los programas e as actividades desenvolvidas polos
distintos dispositivos e realiza-los estudios epidemiolóxicos, psicolóxicos e
sociolóxicos precisos para coñece-las actitudes da comunidade relacionadas coa
saúde mental, os índices de morbilidade psiquiátrica, as demandas obxectivas e
subxectivas en materia de saúde mental, así como as características
cualitativas e cuantitativas dos grupos de risco.
b) Própoñe-los obxectivos e actuacións en materia de saúde
mental.
c) Asegurar na área de referencia a conexión e apoio coa
atención primaria e cos servicios sociais.
d) Establecer, cos restantes servicios e unidades
hospitalarias, os programas de interconsulta e enlace pertinentes.
e) Desenvolver programas de prevención e educación sanitaria
dirixidos á población en xeral ou sectores sociais específicos.
f) Elaboración e proposta dentro do seu ámbito competencial
dos plans de intervención en situacións de crise psicosocial.
g) Exerce-las demais competencias que se determinen
regulamentariamente.
4. Dispositivos
de saúde mental.
A rede sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia estará
integrada polos seguintes dispositivos de saúde mental:
l. Dispositivos básicos.
2. Dispositivos complementarios.
5. Dispositivos
básicos.
Os dispositivos básicos de saúde mental estructuraranse en:
1. Unidades de saúde mental.
2. Hospitais de día.
3. Unidades de hospitalización psiquiátrica.
4. Unidades específicas.
6. As unidades de
saúde mental.
l. As unidades de saúde mental comunitaria serán o
dispositivo básico sobre o que se asentarán tódalas accións de saúde mental.
2. As unidades de saúde mental comunitaria situaranse dentro
da área á que pertenzan, naqueles lugares que o Servicio Galego de Saúde
determine e, preferentemente, nos edificios propios dos centros de asistencia
especializada extrahospitalaria e, alternativamente, nos centros de atención
primaria.
7. Funcións das
unidades de saúde mental.
As unidades de saúde mental terán, no seu ámbito
territorial, as seguintes funcións:
a) Atende-los pacientes que lles sexan remitidos a través
dos servicios competentes e os que se atopen en réxime de hospitalización
domiciliaria.
b) Realiza-la interconsulta e a psiquiatría de enlace nos
hospitais xerais que non dispoñan de unidade de hospitalización psiquiátrica.
c) Participar, cando sexa posible, nas decisións de ingreso
psiquiátrico, en coordinación coa unidade de hospitalización.
d) Participar na rehabilitación e integración comunitaria
dos pacientes e face-lo seguimento dos casos dados de alta nestas unidades en
colaboración cos profesionais de atención primaria.
e) Apoiar e asesora-los profesionais de atención primaria,
os servicios de urxencias e a intervención en crise.
f) Apoiar e asesora-los dispositivos sociais e educativos
relacionados coa saúde mental, os facultativos das institucións penitenciarias
e, de acordo coa normativa vixente, a autoridade xudicial.
g) Desenvolver programas de promoción da saúde mental,
prevención da enfermidade e educación sanitaria.
8. Hospitais de
día.
Os hospitais de día serán centros de hospitalización parcial
coa misión de desenvolver funcións intermedias entre as unidades de saúde
mental e as unidades de hospitalización.
9. Funcións dos
hospitais de día.
l. Os hospitais de día ofertarán tratamentos intensivos e
continuados sen separar totalmente o paciente do seu medio social e familiar.
2. Os equipos dos hospitais de día, ademais de desenvolveren
as funcións propias destes establecementos, participarán cando sexa necesario
en tódalas correspondentes ós dispositivos cos que se atopan articulados.
10. Unidades
de hospitalización psiquiátrica.
l. As unidades de hospitalización psiquiátrica son os
dispositivos asistenciais destinados ó ingreso temporal daqueles pacientes que
se poidan beneficiar desta modalidade terapéutica.
Estarán integradas nos hospitais xerais como un servicio
destes adaptando a súa estructura orgánica e funcional ás características da
súa especialización.
2. As unidades de hospitalización psiquiátrica destinaranse
a resolve-la situación de crise do paciente, sen que factores estrictamente
sociais ou variables de cronicidade do cadro sexan os determinantes básicos
para o internamento ou permanencia nelas. En todo caso, a indicación de
hospitalización farase por decisión dos equipos das unidades de saúde mental,
hospitais de día ou unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica,
segundo proceda, en colaboración cos equipos propios da unidade de
hospitalización, seguindo os criterios establecidos de derivación e de
continuidade terapéutica.
11. Funcións das
unidades de hospitalización psiquiátrica.
As unidades de hospitalización psiquiátrica terán as
seguintes funcións:
a) O tratamento dos pacientes internados, tendo sempre en
conta o principio de continuidade terapéutica e o criterio de alta hospitalaria
ó remata-la crise que determinou o ingreso do paciente.
b) A psiquiatría de enlace e a interconsulta na atención ó
enfermo hospitalizado.
c) A cobertura e o apoio ás situación de urxencia
hospitalaria.
d) A docencia e a investigación sanitaria en materia de
saúde mental.
12. Programas específicos.
Terán a consideración de programas específicos en materia de
saúde mental o conxunto de actuacións encamiñadas ó cumprimento de obxectivos
diferenciados en función das esixencias e das necesidades comunitarias xerais.
Os programas específicos estableceranse, con carácter
temporal ou permanente, para resolve-las seguintes situacións:
a) As que se presenten con carácter episódico, tales como
situacións de crise ou emerxencias.
b) Aquelas que deriven da propia natureza ou condición das
persoas implicadas, como a infancia, a adolescencia ou a senectude.
c) As que poidan presentar unha alta incidencia no
territorio ou unha gran relevancia socio-sanitaria, como o alcoholismo ou
dependencias non alcohólicas.
13. Unidades
específicas.
Para o desenvolvemento de programas específicos poderán
crearse unidades de saúde mental infanto-xuvenil, de psicoxeriatría, de
alcoholismo e dependencias non alcohólicas.
a) O establecemento de unidades específicas non implicará,
en ningún caso, a creación de redes paralelas con centros independentes ou
recursos especiais que desenvolvan a súa actividade á marxé dos programas
xerais de saúde mental e de asistencia psiquiátrica.
b) Con caráter xeral o acceso dos pacientes a estas unidades
realizarase a través das unidades de saúde mental.
14. Dispositivos
complementarios.
Os dispositivos complementarios clasificaranse en:
1. Unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica.
2. Unidades de apoio comunitario.
Estes dispositivos actuarán na área de rehabilitación e
integración comunitaria, en estreita colaboración cos servicios de atención
social e cos organismos que teñan incidencia na vida laboral
15. Unidades
hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica.
As unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica
estarán destinadas á atención de pacientes cunha patoloxía que esixa unha
actuación terapéutica activa de duración intermedia cando non estea indicado
realizala noutros dispositivos de hopitalización total ou parcial.
16. Unidades de
apoio comunitario.
1. Pisos protexidos e vivendas de transición.
Poderán habilitarse pisos protexidos, vivendas de transición
ou outras fórmulas de aloxamento alternativas co obxecto de acoller pacientes
que, con autonomía de conducta pero sin posibilidades de convivencia familiar,
requiran axuda social.
Estas unidades recibirán o apoio sanitario dos dispositivos
da área.
A atención dos pacientes acollidos nos pisos protexidos e
vivendas de transición realizaraa a unidade de saúde mental que lle
corresponda.
2. Unidades de apoio social intermedio.
Fomentarase a adquisición de habilidades sociais e laborais
que permitan a determinados pacientes o acceso a emprego protexido, formación
profesional ou emprego libre mediante cursos de reciclaxe, e centros ou
talleres ocupacionais. As unidades de apoio destinadas a esta actividade
xestionaranse polos organismos competentes na materia.
3. Unidades residenciais.
Poderán destinarse unidades residenciais a aloxar pacientes
que non precisen coidados sanitarios específicos, pero que presenten carencias
de autonomía que requiran unha atención social continuada de carácter tutelar.
Estas unidades xestionaranse polos organismos competentes e
recibirán apoio sanitario de tódolos dispositivos asistenciais da área na que
están situadas.
17. Educación
sanitaria.
A administración sanitaria fomentará a educación en saúde
mental mediante programas dirixidos á poboación en xeral ou sectores sociais
específicos e, de modo permanente, a través dos dispositivos que integran a
rede de saúde, especialmente, as unidades de saúde mental comunitaria e os
dispositivos de atención primaria.
18. Docencia.
1. Estableceranse programas de formación continuada en saúde
mental tanto para os profesionais do nivel especializado, nas súas diferentes
categorías, coma para os profesionais do nivel primario, facilitando a creación
dun substrato conceptual e técnico común a todos eles.
2. Neste labor docente será prioritaria a utilización dos
recursos humanos propios dos dispositivos de saúde mental e deberá realizarse
en coordinación coa universidade, institucións educativas e organismos
competentes da Comunidade Autónoma.
19. Investigación.
1. O Servicio Galego de Saúde fomentará o desenvolvemento da
investigación na área de saúde mental. Para tal efecto poderán establecerse
concertos coa universidade e con outras institucións implicadas no campo da
investigación.
2. A investigación en saúde mental integrarase nos plans
xerais de investigación que en cada momento a Comunidade Autónoma deseñe a
través dos seus órganos competentes.
20. Avaliación
en saúde mental.
Tódolos programas e actuacións en materia de saúde mental
serán debidamente avaliados para adecualos ás necesidades reais da poboación e
optimiza-las accións neste campo. A avaliación comportará unha apreciación
sistemática dos programas de saúde mental en relación coa súa pertinencia,
suficiencia, evolución, eficiencia, eficacia e efectos.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.- 1. As distintas funcións, programas e accións
previstas nesta norma desenvolveranse de forma coordinada polas consellerías da
Xunta de Galicia que teñan atribuídas competencias na materia.
2. Escableceranse expresamente programas de coordinación e
colaboración, en tódalas áreas de interese común, con Servicios Sociais,
Atención Primaria e Plan Autonómico sobre Drogodependencias.
Segunda.- A ordenación e os dispositivos de saúde mental
previstos no presente decreto estableceranse gradualmente en función da
definición e xerarquización de obxectivos e dos programas de actuación que fixe
o Servicio Galego de Saúde e de acordo coas dotacións que anualmente se
consignen nas respectivas leis de orzamento xerais da Comunidade Autónoma de
Galicia.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira.- l. As unidades de hospitalización psiquiátrica
poderán situarse nunha primeira fase de desenvolvemento deste decreto, nos
actuais hospitais psiquiátricos, ocupando dependencias claramente diferenciadas
das de rehabilitación ou auxiliares e coa dotación de persoal que lles
corresponda, pero integrarse funcionalmente nun hospital xeral cos mesmos
criterios de homologación psiquiátrica dos hospitais xerais.
2. As unidades de saúde mental ás que fai referencia este
decreto poderán situarse excepcionalmente anexas a unha unidade de hospitalización,
se ben deberá establecerse sempre unha suficiente diferenciación física e
funcional.
Segunda.- Para conseguir un paulatino funcionamento
integrado dos recursos públicos de saúde mental dependentes das diferentes
administracións públicas de Galicia, e mentres non se complete o proceso de
transferencias destes á Comunidade Autónoma, poderanse crear comisións
coordinadoras coas Administracións que posúan dispositivos e competencias en
materia de saúde mental.
Terceira.- No prazo dun ano, a partir da publicación do
presente decreto definiranse, regularanse e adaptaranse as estructuras de
coordinación previstas no artigo 3, así como a definición de plans funcionais
de saúde mental nas distintas áreas sanitarias, conforme as previsións contidas
no presente decreto.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango
que se opoñan ó disposto no presente decreto.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Segunda.- A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais
dictará as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta
norma.