Orde do 31 de xullo de 1996 pola que se regulamenta a toma de mostras para análises clínicas polo persoal practicante, ATS/DUE, dependente do Servicio Galego de Saúde.

En Galicia o marco referencial da atención primaria da saúde articúlase no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na comunidade autónoma.

A norma de ordenación resulta evidente corolario do establecido na Constitución española, o artigo 43.1º da cal recoñece o dereito á protección da saúde, encomendando, no seu artigo 43.2º ós poderes públicos organizar e tutela-la saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servicios necesarios.

Xorde pois, de xeito constante, a necesidade de establecer e regula-las medidas que, recollendo a filosofía de mellora da xestión, ofrezan ó usuario unha asistencia máis directa e humana; á par que aproveiten ó máximo os recursos dispoñibles.

A análise de sangue e demais mostras clínicas, xunto con outras determinacións, é un dos medios de diagnóstico que, dada a súa simplicidade e fiabilidade, se utiliza de xeito máis frecuente como mecanismo de apoio ó diagnóstico, chegando a ser practicamente rutinaria a súa utilización.

A automatización do proceso de elaboración das análises clínicas, a utilización do persoal especializado, en unión a criterios de eficacia, diminución do gasto e fiabilidade técnica, aconsellan que a elaboración de mostras se efectúe de xeito centralizado.

Para iso vénse realizando un esforzo investidor en laboratorios clínicos, que por razóns de eficiencia materializáronse en laboratorios centrais sitos en hospitais e ambulatorios da rede. Iso permitiu crear e manter na actualidade laboratorios cunha importante dotación tecnolóxica, que lle garanten ó usuario as probas diagnósticas necesarias cun alto nivel de fiabilidade.

E isto non debe estar en contra de procurar que a accesibilidade á análise clínica sexa máxima para tódolos sectores da poboación, independentemente do seu lugar de residencia. E tal medida resultaría socialmente incompleta se ós usuarios afectados fisicamente destes centros non se lles ofertase a posibilidade de acceder ós laboratorios, sen desprazamentos nin gastos adicionais, mediante un sistema de recollida periférica de mostras clínicas.

É un feito que a accesibilidade do usuario ós servicios sanitarios depende, ademais da súa situación socio-laboral, do lugar onde reside. A poboación rural e a que habita no medio suburbano atopa maiores dificultades para acceder ós servicios sanitarios, polo que se ve obrigada, en ocasións, a efectuar grandes desprazamentos.

E por iso a extracción periférica de mostras clínicas, realizada de xeito centralizado nas dependencias sanitarias con tódalas garantías e, excepcionalmente, cando non sexa posible nesas dependencias sanitarias, a domicilio, é unha solución, e, en consecuencia, unha mellora, para aqueles que viven máis distantes dos centros asistenciais, con importantes beneficios sanitarios e sociais para tódolos usuarios do sistema público de saúde; cumpríndose así dúas premisas esenciais dun servicio público sanitario: calidade pola utilización de recursos tecnolóxicos axeitados e achegamento ó usuario.

Precisamente, a evolución dos servicios sanitarios, paralela ó desenvolvemento xeral da sociedade, reflíctese, no que se refire á extracción de mostras para análises clínicas, na súa xeneralización nos propios consultorios de medicina xeral. Isto débese tanto ó progreso técnico (simplificación de técnicas e xeneralización do uso de probas diagnósticas), como a cambios nas expectativas sociais.

Asumindo, pois, a finalidade de evitar desprazamentos ós usuarios e tendo en conta o mencionado progreso técnico, xorde a conveniencia de establecer servicios de extracción periférica que, residenciados en consultorios de grandes cidades, ou, en localidades rurais carentes de laboratorio, permitan que a poboación alí residente poida ter un fácil acceso a estas probas complementarias, evitando así desprazamentos inútiles.

No proceso de extracción de mostras clínicas para a determinación dos resultados, o persoal sanitario non facultativo ten un papel fundamental, toda vez que sobre el descansa o importante cometido da súa realización. Por iso, é necesario regula-la súa esencial intervención, no desenvolvemento da todas aquelas tarefas que correspondan á súa profesión sanitaria.

Con independencia das extraccións realizadas no domicilio dos usuarios, cando resultaba preciso, que era unha tarefa tradicionalmente encomendada e executada polo persoal de enfermería, a maior parte das extracción na actualidade deben ser efectuadas nos consultorios periféricos.

E, desta notable incidencia das extraccións periféricas, colíxese indefectiblemente un cambio organizativo, de carácter estructural, que impele unha regulamentación do sistema de organización do traballo, que posibilite a práctica idónea delas polos profesionais, coa lóxica habilitación das estructuras precisas.

Por outra banda, as funcións que se lles encomendan ós profesionais despréndense do contido do artigo 58 bis e 63 do Estatuto de persoal sanitario non facultativo, aprobado pola Orde do 26 de abril de 1973, en canto tales preceptos asignan, con carácter xeral, ós practicantes-ATS as funcións de asistencia ambulatoria e domiciliaria á poboación asistida, nas que se inclúe o cometido de toma de mostras. Igualmente o Real Decreto 63/1995, do 20 de xaneiro, sobre ordenación de prestacións sanitarias do sistema nacional de saúde engloba indubidablemente, dentro do contido xeral de asistencia sanitaria no nivel de atención primaria que se debe prestar á poboación asistida, a devandita toma de mostras. E a mesma prescrición colíxese do contido do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, a organización da asistencia sanitaria e, como corolario dela, a estructuración e ordenación dos servicios que a prestan, resulta unha competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, por disposición do artigo 33 do vixente Estatuto de autonomía para Galicia. E neste sentido dictouse o aludido Decreto 200/1993, do 29 de xullo, que regulamenta a atención primaria na nosa Comunidade Autónoma.

Finalmente, a citada norma de ordenación de atención primaria, na súa disposición derradeira primeira, autoriza á Consellería de Sanidade para dicta-las ordes e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución dela.

Por todo o cal,

 

DISPOÑO:

 

Único.- 1.- O persoal practicante, ATS/DUE dependente do Servicio Galego de Saúde realizará a toma de mostras de carácter ordinario para análises clínicas, tanto programadas como urxentes, nos centros sanitarios ou consultorios que se designen para o efecto.

2.- As citadas tomas de mostras efectuaranse coa periodicidade e rotación de persoal que dispoñan as xerencias de atención primaria, en función das necesidades organizativas e de atención ós usuarios.

3.- O persoal practicante, ATS/DUE, dependente do Servicio Galego de Saúde, levará a efec
to as tomas de mostras de carácter ordinario para análises clínicas, cando resulte preciso, nos domicilios dos usuarios.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Primeira.- Autorízase ós directores xerentes de atención primaria para adopta-las medidas necesarias da execución da presente orde.

 

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.