Orde do 31 de xullo de 1997 pola que se crea a Comisión Técnica de Subministracións do Servicio Galego de Saúde.


O Servicio Galego de Saúde vén desenvolvendo un traballo de organización dos seus servicios con obxecto de conseguir unha maior eficiencia no desenvolvemento das súas competencias.

Para isto preséntase o obxectivo de mellora-los mecanismos de adquisición, homologación, subministración, almacenamento e distribución dos productos sanitarios e materiais utilizados nos seus centros, aproveitando as vantaxes económicas de escala que poidan presentarse.

Con tal fin, viñéronse desenvolvendo distintas actuacións nas que se contou coa participación de diversos centros e froito dos que se elaborou o manual de organización dos servicios de compras e aprovisionamentos do Sergas, así como a unificación de diversas familias de productos nun catálogo único de productos no organismo que continúa desenvolvéndose.

Por todo isto, considerando a conveniencia de dota-lo Sergas dun instrumento capaz de coordina-la actuación dos órganos implicados na execución das funcións mencionadas,

 

DISPOÑO:

 

1. Crea-la Comisión Técnica de Subministracións do Servicio Galego de Saúde.

 

2. Establécense como funcións desta comisión:

a) A coordinación dos órganos competentes nos procedementos de contratación de subministracións.

b) Velar polo cumprimento da normativa reguladora da clasificación, ordenación e homologación dos productos sanitarios.

c) Efectuar proposicións dirixidas á política de compras de subministracións de productos sanitarios dos centros do Servicio Galego de Saúde.

d) Efectuar propostas para a adquisición agregada de productos de utilización común.

e) Efectuar propostas de unificación da codificación de productos polo Servicio Galego de Saúde co obxectivo de manter un catálogo de productos para o organismo.

 

3. A Comisión Técnica de Subministracións estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Orzamentos do Servicio Galego de Saúde.

Vocais: os responsables de compras e subministracións dos centros hospitalarios do Servicio Galego de Saúde.

Os responsables de compras de subministracións das xerencias de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde.

Secretario: un funcionario do Servicio Galego de Saúde designado pola Dirección Xeral de Recursos Enconómicos.

O Funcionamento desta Comisión Técnica de Subministracións poderá constituír subcomi-sións para o seu funcionamento cando así o considere conveniente.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase a Dirección Xeral de Recursos Económicos para dicta-las disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

 

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.