Orde do 26 de xuño de 1995 pola que se regula a normalización das memorias dos hospitais do Servicio Galego de Saúde.

O artigo 33 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior. O apartado 4 engade que a Comunidade Autónoma poderá organizar para tales fins e dentro do seu territorio tódolos servicios relacionados coa materia expresada.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece no seu artigo 23 que as administracións sanitarias, de acordo coas súas competencias, crearán os rexistros e elaborarán as análises de información necesarias para o coñecemento das distintas situacións das que poden derivarse accións de intervención da autoridade sanitaria.

O Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, establece no seu artigo 3º e), que estes quedan suxeitos á comunicación á Administración sanitaria da información que lle sexa solicitada.

Polo Decreto 198/1994, do 16 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, correspóndelle a esta consellería a función a normalización das memorias dos centros e servicios sanitarios.

Por outra parte, a Orde do 2 de setembro de 1992 da Consellería de Sanidade establece a estructura básica do sistema de información na área asistencial de atención especializada.

Tradicionalmente, tódolos hospitais do sistema nacional de saúde veñen elaborando memorias nas que publican resumos anuais dos seus principais datos de estructura e actividade, configurándose como elementos básicos de consulta.

O grao de complexidade dos datos recollidos e as diferencias de tratamento poden limita-la utilidade desta fonte de información. Por iso elabórase este modelo que servirá de base para a normalización das memorias dos hospitais, posibilitando as comparacións entre centros e os tratamentos agregados de información.

Este traballo representa un novo paso no proceso de normalización, que redundará nunha maior facilidade de consulta das memorias e no incremento da súa utilidade.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Establécese como estructura básica de normalización das memorias dos hospitais do Servicio Galego de Saúde, a que se fixa no anexo I da presente orde.

 

2. Requisitos básicos.

1. As memorias axustaranse ás definicións normalizadas nos protocolos mensuais de actividade asistencial (de actividade ordinaria, extraordinaria e centros de especialidades), referidas ó período de un ano e a todo o hospital ou complexo hospitalario.

2. Consignaranse tódolos datos dispoñibles dos establecidos na normalización.

3. Os hospitais ou complexos hospitalarios poderán amplia-la información segundo a súa iniciativa.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Organización Sanitaria para realiza-las adecuacións oportunas relacionadas co disposto no anexo da presente orde.

Vease también