Orde do 2 de setembro de 1986, pola que se desenvolven as normas reguladoras de inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos.

O acceso ó Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos está regulado, fundamentalmente, no Real decreto 2825/1981, do 27 de novembro, e, no non especialmente derogado por este, no Decreto 979/1985, do 21 de marzo e Orde do 18 de agosto do mesmo ano.

Transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real Decreto 1634/1980, do 31 de xullo, as competencias sobre control sanitario da producción, almacenamento, transporte e manipulación e venda de alimentos, bebidas e productos relacionados directa ou indirectamente coa alimentación humana, e correspondéndolle, de acordo co artigo 33.1 do seu Estatuto de Autonomía, o desenvolvemento lexislativo e a execución básica do Estado en materia e sanidade interior procede, sen prexuício do carácter nacional do Rexistro, adopta-las normas reguladoras, harmonizándoas e unificando criterios de actuación no ámbito galego.

En virtude do anteriormente exposto e co fin de lograr unha maior eficacia nos trámites e resolución dos expedientes que no futuro sexan presentados polos interesados, cómpre relacionar todas aquelas actividades que obrigan a estar en posesión de autorización sanitaria e do correspondente número de rexistro. Do mesmo xeito, o xeral coñecemento sobre os documentos para achegar, en cada caso, sen dúbida posibilitará notablemente axiliza-la xestión.

Por todo isto,

 

DISPOÑO:

 

1. As industrias, establecementos e instalacións a que se refire o artigo 1.º do Real Decreto 2825/81, do 27 de novembro, cunha actividade que estea comprendida entre as relacionadas no anexo I desta Orde, deberán estar inscritas no Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos e ter anotados no seu expediente os productos que elaboren, manipulen ou envasen que non estean obrigados, pola súa propia natureza, a posuír rexistro específico.

 

2. Para acceder ó Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos é preceptivo dispoñer da correspondente autorización sanitaria, que será outorgada pola Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Seguridade Social na que estea situada a industria, establecemento ou instalación.

 

3. Os productos a que se refire o artigo 1.2 do Real Decreto 2825/1981 non poderán ser utilizados nin expendidos para uso alimentario sen a previa autorización e concesión de número de rexistro específico polo organismo competente da Administración central. A autorización das augas de bebida envasada correspóndelle á Consellería da Sanidade e Seguridade Social.

 

4. As Delegacións Provinciais da Consellería de Sanidade e Seguridade Social contarán cunha oficina de Rexistro Sanitario de Industrias Alimentarias e Alimentos que se encargará da tramitación para a concesión da autorización sanitaria e do arquivo e custodia de expedientes relativos ás industrias e instalacións relacionadas no anexo I, así como da recepción e tramitación dos expedientes relativos ós productos ós que se refire o artigo 3.º

Os responsables das áreas de farmacia e veterinaria das Delegacións Provinciais estudiarán os expedientes de solicitude propios da súa competencia e elaborarán o informe previo para o outorgamento da autorización sanitaria podendo requirir para isto ós farmacéuticos e veterinarios titulares co fin de que realicen as oportunas inspeccións.

A oficina do Rexistro facilitará a estas unidades os datos ou documentación relativos ós expedientes, en trámite ou arquivados, que lle sexan requiridos.

 

5. Os cambios de localización das industrias, establecementos e instalacións alimentarias dentro da provincia, así como a cesión das mesmas ou o cambio de titularidade, non implicará a adxudicación dun novo número de rexistro, pero é obrigatoria a súa notificación á autoridade sanitaria provincial para efectos da súa anotación no expediente.

 

6. O expediente para o acceso ó Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos, anotación de novos productos, convalidacións de inscricións e anotacións e rexistro específico de productos conterá os documentos e requisitos a que se refiren os anexos II, III e IV desta Orde.

 

7. A inspección sanitaria das industrias, establecementos e instalacións de alimentación, así como as análises e control sanitario dos productos, será realizada, de conformidade co establecido nas correspondentes regulamentacións técnico-sanitarias, polos servicios das Delegacións Provincias da Consellería de Sanidade e Seguridade Social. Para estes efectos a autoridade sanitaria provincial poderá esixir que se lle faciliten as mostras suficientes de productos para comproba-la súa correspondencia coas fórmulas declaradas.

 

8. De acordo coa normativa reguladora da materia, nos envases, etiquetas, cerramentos, rótulos ou precintos dos productos alimentarios ou alimenticios, deberá figurar necesariamente o número de Rexistro Xeral Sanitario de Alimentos que corresponda á industria, establecemento ou instalación e os demais datos significativos que, coincidindo cos incorporados ó Rexistro, permitan a identificación do producto.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

Primeira.- Autorízase á Dirección Xeral de Saúde Pública para dicta-las instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento e mellor cumprimento desta Orde.

 

Segunda.- Esta Orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.