Orde do 22 de xuño de 1994 pola que se crea a tarxeta de doador de órganos e tecidos.


A Lei 30/1979, do 27 de outubro (BOE nº 266, do 6 de novembro) e o Real decreto 426/1980, do 22 de febreiro, (BOE nº 63, do 13 de marzo), conteñen a normativa estatal en relación coa extracción e transplante de órganos humanos, asegurando o altruísmo da doazón e o acceso ó transplante.

Dada a crecente importancia que no ámbito sanitario teñen os programas de transplantes, a Orde do 8 de xuño de 1992  crea a Oficina de Coordinación de Transplantes da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo básico de concienciar e potenciar, na Comunidade Autónoma de Galicia, a doazón e extracción de órganos, así como efectua-lo seguimento e avaliación do conxunto da actividade transplantadora.

Sen dúbida os implantes de órganos e tecidos, froito dos avances cirúrxicos e inmunolóxicos, constitúen unha técnica terapéutica consolidada na última década e permiten a curación dun maior número de pacientes. Esta importante actividade representa non só o froito do traballo dun gran número de profesionais sanitarios altamente cualificados senón a consecuencia da actividade de toda a institución hospitalaria.

O transplante de órganos e tecidos é neste momento unha técnica habitual na medicina e supón a única solución diante da deterioración irreversible de determinados órganos evitando unha morte segura a curto prazo.

En consecuencia, xorde a necesidade de crear unha tarxeta de doador de órganos e tecidos como medio de sensibiliza-la poboación e fomenta-la doazón de órganos e tecidos. Na súa virtude, esta consellería,

 

DISPÓN:

 

1. Créase no ámbito da Comunidade Autónoma a tarxeta de doador de órganos e tecidos como documento que acreditará a decisión tomada pola persoa en relación coa doazón de órganos e tecidos despois da súa morte.

 

2. A finalidade da presente tarxeta é facilitarlle a xestión á Oficina de Coordinación de Transplantes da Comunidade Autónoma de Galicia, que creará un censo de doadores de órganos e tecidos, así como fomentar e sensibiliza-la poboación sobre a devandita doazón.

 

3. A tarxeta, en canto instrumento que posibilita a individualización de cada usuario, conterá os seguintes datos: nome, apelidos, nº de persoal correlativo asignado ó doador, DNI e sinatura.

 

4. A tarxeta de doador de órganos e tecidos, en ningún caso lle impedirá ó que subscribe, en calquera momento, unha manifestación en contrario, que poderá manifesta-la súa oposición expresa á doazón nos termos que establece a Lei 30/1979, do 27 de outubro, sobre extracción e transplante de órganos.

 

5. A tarxeta de doador de órganos e tecidos axustarase ó modelo que se xunta a orde como anexo e poderá solicitarse mediante petición á Oficina de Coordinación de Transplantes.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase o director xeral de Organización Sanitaria para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento e execución do disposto na presente orde.

 

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también