Orde do 27 de maio de 1992 pola que se regula o procedemento de declaración das actividades dos establecementos de distribución e venda dos productos para coidado e mantemento das lentes de contacto.

O Real decreto 1.082/1991, do 28 de xuño, establece as condicións técnicas e sanitarias dos productos para o coidado e mantemento das lentes de contacto.

Ó regula-la súa comercialización (artigo 18), obriga ós establecementos de distribución e venda -excepto as oficinas de farmacia- a realizar unha declaración de actividades mediante comunicación ós servicios competentes das Comunidades Autónomas.

O obxecto da presente orde é regula-lo procedemento para levar a cabo a citada comunicación.

Na súa virtude, ó amparo das competencias recoñecidas no artigo 33.1 do Estatuto de autonomía para Galicia, e no uso das facultades que me confiere o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e oídos o Colexio Nacional de Ópticos (6ª delegación rexional) e a Federación de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia,

 

DISPOÑO:

 

1. Os establecementos da Comunidade Autónoma galega nos que se pretenda levar a cabo a distribución e venda dos productos para o coidado e mantemento das lentes de contacto, están obrigados a declara-la súa existencia e actividade á delegación da Consellería de Sanidade da provincia onde estean situados.

 

2. Considéranse productos para o coidado en mantemento das lentes de contacto, de conformidade co disposto no artigo 2º do Real decreto 1.082/1991, do 28 de xuño, aqueles preparados utilizados con fins de limpeza, aclarado, desinfección, hidratación, conservación, lubricación e/ou calquera outro que facilite o uso das lentes de contacto.

 

3. A declaración á que se refire o artigo 1º desta orde será realizada polo titular ou representante legal do establecemento e axustarase ó modelo que se indica no anexo I. A declaración deberá ser rexistrada na delegación correspondente da Consellería de Sanidade acompañada da seguinte documentación:

- Documento acreditativo da personalidade do declarante (D.N.I.) e, se é o caso, da representación que ostente.

- Licencia fiscal e certificación de inscrición da sociedade no Rexistro Mercantil, se é o caso.

- Identificación do técnico responsable á que se lle acompañará certificación acreditativa da súa titulación.

 

4. Dos cambios efectuados na dirección técnica do establecemento, daráselle conta á delegación provincial que corresponda nun prazo non superior a un mes. Igualmente, e no mesmo prazo, debe comunicarse o cesamento da actividade de distribución e venda dos citados productos.

 

5. Os servicios de Ordenación e Inspección Sanitaria das delegacións provinciais levarán a cabo a elaboración dun rexistro de establecementos que se dediquen á distribución e venda dos productos para o coidado e mantemento das lentes de contacto, así como a instrucción dos expedientes ós que se refire o artigo 18.5 do Real decreto 1.082/1991, do 28 de xuño, no suposto de que os citados establecementos non reunisen as condicións mínimas que garantan o axeitado almacenamento, conservación e correcta distribución e venda destes productos.

 

6. Os establecementos de distribución e venda destes productos quedan sometidos á vixilancia e control da Consellería de Sanidade.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

Os establecementos de distribución e venda dos productos para o coidado e mantemento das lentes de contacto que estean en funcionamento á entrada en vigor desta orde, disporán de seis meses para efectua-la declaración á que se refire o artigo primeiro, axustada ó modelo que se indica no anexo II.

 

DISPOSICION DERRADEIRA

 

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.