O
contorno sanitario está sometido a unha continua evolución, debida ós avances
das ciencias biomédicas, ó desenvolvemento das tecnoloxías e ó perfeccionamento
das fórmulas organizativas, para unha mellora continua da calidade da
asistencia.
As
publicacións especializadas son un elemento fundamental de comunicación e posta
ó día de coñecementos dos profesionais sanitarios. Así mesmo, cómpre informa-lo
cidadán dos hábitos de vida saudables e dos xeitos de evita-los principais
riscos para a saúde, mediante a elaboración de libros e folletos específicos.
Por
estes motivos, a actividade editorial da Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais, do Sergas e das súas entidades dependentes é moi intensa e precisa
unha estreita coordinación, engarzada dentro da política de publicacións da
Xunta de Galicia.
1. Constitúese
a Comisión Asesora de Publicacións da Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais.
2. A Comisión
Asesora de Publicacións terá as seguintes funcións:
a)
Coñecer con carácter previo á súa remisión ó Consello Coordinador de
Publicacións da Xunta de Galicia o programa editorial semestral da Consellería
de Sanidade e Servicios Sociais.
b)
Coñece-las propostas de edición que se formulen con posterioridade á aprobación
semestral do programa editorial, por razóns de necesidade, debidamente expostas
nunha memoria xustificativa.
c)
Coñecer e propoñe-los criterios comúns ós que se axustarán as publicacións da
consellería e do Sergas, en canto ó seu contido, características técnicas,
financiamento, edición, distribución e comercialización.
d)
Coñece-las actividades editoriais e difusoras dos distintos centros directivos
e entidades da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e Sergas.
e)
Coñecer ou propoñe-los proxectos de normas en materia de publicacións oficiais,
relativas á consellería e Sergas.
f)
Emitir informe sobre a memoria anual de publicacións.
3. A
composición será a seguinte:
O secretario
xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que actuará de
presidente, o subdirector xeral de Información Sanitaria que actuará de
vicepresidente, un representante con nivel orgánico igual ou superior a xefe de
servicio de cada unha das direccións xerais dos servicios centrais da
consellería e Sergas, mailas delegacións provinciais da consellería e
direccións provinciais do Sergas, que actuarán como vocais; o secretario será o
representante da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais na Comisión
Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia.
Tamén
poderán ser convocados ás reunións da Comisión Asesora de Publicacións, por
decisión do presidente, ou dos responsables dos centros directivos, en calidade
de asesores, aquelas persoas, cando a súa presencia se considere necesaria.
4. A Comisión
Asesora de Publicacións reunirase, logo de convocatoria do seu presidente,
sempre que sexa necesario para o exercicio das competencias previstas no artigo
2° da presente orde. Celebraranse como mínimo catro sesións ó ano.
5. As funcións
da Secretaría da Comisión Asesora de Publicacións serán as seguintes:
a)
Prestar asistencia técnica á Comisión e executa-los acordos dela.
b)
Tramita-la solicitude da aprobación das publicacións ante a Comisión Permanente
de Publicacións da Xunta de Galicia, adscrita á Consellería da Presidencia e
Administración Pública.
c)
Emiti-las certificacións acreditativas de aprobación das publicacións por parte
da Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia, adscrita á
Consellería da Presidencia e Administración Pública, para efectos do previsto
no artigo 9 do Decreto 316/1990, do 8 de xuño, polo que se regulan as
publicacións da Xunta de Galicia.
d)
Elabora-la memoria anual de publicacións, a que se refire o artigo 1° f) da
presente orde.
f)
Actuar como secretario das actas do pleno e das comisións especializadas.
g)
Elevar ó Consello Coordinador de Publicacións da Xunta de Galicia as
programacións semestrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e
Sergas.
6. A
elaboración do programa editorial integrado da Consellería de Sanidade e
Servicios Sociais e Sergas correspóndelle á Secretaría Xeral da consellería de
Sanidade e Servicios Sociais, no ámbito competencial correspondente, igual que
as propostas que se formulen con posterioridade por razóns de necesidade.
7. Os centros
directivos e entidades da consellería e do Sergas, tanto dos servicios centrais
como periféricos, remitirán á Secretaría Xeral da Consellería, no prazo
sinalado por esta e para efectos da elaboración do programa editorial por
semestres, as propostas correspondentes ás publicacións unitarias, periódicas,
as de carácter audiovisual e informático, e outras publicacións que por razón
da difusión da actividade e dos obxectivos do departamento se considere conveniente
editar.
As
propostas irán acompañadas dunha memoria explicativa da súa finalidade e
contido, con expresa referencia ás previsións de custo, á estimación de
tiradas, destinatarios e ó calendario previsto de publicación, para efectos de
facelo constar na información que debe conte-lo programa editorial semestral.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.-
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan
total ou parcialmente ó disposto na presente orde.
Segunda.- A presente
orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de
Galicia.