Decreto 157/1985, do 11 de xullo, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia sanitaria.

O Real Decreto 1634/1980, do 31 de xullo, transferiulle á Xunta de Galicia as competencias da Administración do Estado en materia de Sanidade, correspondéndolle, dentro do marco da planificación xeral sanitaria do Estado e no ámbito da súa actuación territorial, a organización, programación, dirección, resolución, control, vixilancia e tutela, así como a sanción e intervención, nas actividades e servicios de competencia da Administración sanitaria do Estado que se relacionan no artigo 33 do citado Real Decreto.

Realizada a transferencia e correspondéndolle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, conforme ó prescrito no artigo 33.1. do Estatuto de Autonomía, parece aconsellable delimitar nunha soa norma as accións e omisións que constitúen infraccións en materia sanitaria, calificalas segundo a súa maior ou menor gravidade e sinala-las correspondentes sancións, e isto en consonancia co disposto no artigo 19.4 do Real Decreto 1945/1983, do 22 de xuño, buscando así elevalo nivel sanitario de Galicia.

Na súa virtude, a proposta do Conselleiro de Sanidade e Consumo, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xullo de mil novecentos oitenta e cinco,

 

DISPOÑO:

 

1. Son infraccións sanitarias:

1. Específicas.

a) O incumprimento dos requisitos, condicións, obrigas e prohibicións determinadas na vixente lexislación sobre réxime sanitario das augas de bebida.

b) O incumprimento por parte dos concellos ou das empresas concesionarias do servicio das obrigas de proporcionar augas potables de consumo público, así como o incumprimento dos requisitos, condicións e obrigas establecidas no R.D. 1423/82, do 18 de xuño, polo que se aproba a Regulamentación Técnico Sanitaria para o establecemento e control de calidade de augas potables de consumo público.

c) O incumprimento dos requisitos, condicións, obrigas e prohibicións de natureza sanitaria determinados no Código Alimentario Español e nas Regulamentacións Técnico-Sanitarias con respecto ós alimentos productos, útiles, instalacións, actividades e servicios aptos para o consumo humano.

d) O incumprimento das normas sanitarias sobre producción, almacenamento, transporte, manipulación e venda de alimentos, bebidas e productos relacionados directa ou indirectamente coa alimentación humana.

e) O incumprimento das normas sanitarias sobre policía sanitaria mortuoria, condicións sanitarias dos cemiterios de Galicia, e de transporte de restos humanos e regulación de empresas funerarias.

f) O incumprimento da normativa aplicable en materia de antropozoonose.

2. Xenéricas:

a) As accións e omisións que produzan riscos ou danos efectivos para a saúde humana ou poñan en perigo a saúde pública.

b) O incumprimento ou transgresión dos requirimentos previos que formulen as autoridades sanitarias para situacións específicas co obxecto de evitaren contaminacións ou circunstancias nocivas doutro tipo que poidan resultar gravemente prexudiciais para a saúde pública.

 

2. Calificación das infraccións.

As infraccións sanitarias calificaranse como:

a) Moi graves.

b) Graves.

c) Leves.

 

3. Son infraccións sanitarias moi graves:

a) As que reciban expresamente a devandita calificación na normativa especial aplicable a cada caso.

b) A preparación, distribución, subministro, venda de alimentos, bebidas ou productos relacionados directa ou indirectamente coa alimentación humana que conteñan xermes, substancias químicas ou radiactivas, toxinas ou parásitos capaces de produciren ou transmitiren enfermidades ó home.

c) A utilización de aditivos ou substancias non autorizadas na elaboración ou conservación de productos alimenticios que produzan riscos graves e directos para a saúde humana.

d) O incumprimento, en xeral, dos requisitos, condicións, obrigas ou prohibicións establecidas na vixente lexislación en materia sanitaria ou falta de dilixencia ou precaución esixibles cando produzan un risco grave e directo para a saúde humana.

 

4. Son infraccións sanitarias moi graves:

a) As que reciban expresamente a devandita calificación na normativa especial aplicable a cada caso.

b) A utilización de aditivos ou substancias non autorizadas na elaboración ou conservación de productos alimenticios cando non produzan riscos graves e directos para a saúde humana.

c) O incumprimento, en xeral, dos requisitos, condicións, obrigas ou prohibicións establecidas na vixente lexislación de materia sanitaria, ou a falta de dilixencia ou precaucións esixibles cando pola súa duración ou outros feitos e circunstancias concorrentes impliquen un desprecio manifesto polo risco creado para a saúde humana.

 

5. Son infraccións sanitarias leves, as que conforme ós criterios establecidos nos arts. 3º e 4º non deban calificarse como graves ou moi graves.

 

6. Sancións:

1.- As infraccións leves serán sancionadas con multas de ata cen mil pesetas (100.000 pts).

2.- As infraccións graves con multas comprendidas entre cen mil unha (100.001 pts.) e dous millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000).

3.- As infraccións moi graves, multa comprendida entre dous millóns cincocentas unha mil pesetas (2.500.001 pts.) e dez millóns de pesetas (10.000.000 pts.).

4.- Nos supostos de infraccións calificadas como moi graves poderá decretarse ademais, a clausura ou cerre temporal do establecemento, industria ou empresa infractora, por un período máximo de cinco anos.

5.- Con independencia das sancións sinaladas anteriormente, os órganos competentes poderán ordenar, con carácter inmediato, que se proceda a declarar en comiso, e no seu caso á destrucción dos productos motivo da infracción, cando de non o facer, puidesen derivarse riscos para a saúde pública.

 

7. Non terán carácter de sanción a clausura ou cerre de instalacións que non conten coas autorizacións ou rexistros preceptivos para a apertura, ou a suspensión da actividade nos casos de risco grave e inminente para a saúde pública.

 

8. Órganos competentes para a imposición de sancións.

Os órganos competentes para a imposición de sancións e medidas ás que se refire o presente Decreto, sen prexuício das facultades que lles estan conferindo por outras disposicións son:

1.- Os Delegados Provinciais da Consellería de Sanidade e Consumo para a imposición de sancións a contía das cales non exceda de cen mil pesetas (100.000 pts.).

2.- O Director Xeral de Saúde Pública, para a imposición de sancións a contía das cales estea comprendida entre cen mil unha (100.001 pts.) e un millón de pesetas (1.000.000 pts.).

3.- O Conselleiro de Sanidade e Consumo para a imposición de sancións a contía das cales estea comprendida entre un millón unha pesetas (1.000.001 pts.) e dou millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000 pts.).

4.- O Consello da Xunta de Galicia para a imposición de sancións a contia das cales sexa superior a dous millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000 pts.) e clausura ou cerre temporal de establecementos.

 

9. Procedemento.

O procedemento sancionador axustarase ó establecido no Título VI, capítulo II, artigos 133 e 137, ambos inclusive, da Lei de Procedemento Administrativo; e no seu caso á lexislación específica sobre a materia.

 

10. Prescrición e caducidade.

1.- As infraccións ás que se refire o presente Decreto prescribirán ós cinco anos. O cómputo da prescrición iniciarase o día no que se cometese a infracción. A prescrición interromperase desde o momento no que se inicie o procedemento sancionador contra o presunto infractor.

2.- A acción para persegui-las infraccións reguladas polo presente Decreto caducará cando coñecida pola Administración a existencia dunha infracción pasasen seis meses sen que o órgano competente ordene incoa-lo oportuno procedemento.

A estes efectos cando existan toma de mostras ou o coñecemento da infracción esixa a realización de análises ou outras probas específicas o prazo de caducidade comenzará despois de practicado o análise ou proba pericial.

As solicitudes de análises contradictorias ou dirimentes suspenderán os prazos de caducidade ata que se efectúen.

3.- Iniciado o procedemento sancionador e transcorridos seis meses desde a notificación ó interesado de calquera dos trámites previstos na Lei de Procedemento Administrativo, sen que se impulse o trámite seguinte, producirase a caducidade do mesmo, co arquivo das actuacións.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeria.- O presente Decreto será aplicable nas infraccións cometidas con anterioridade á entrada en vigor da mesma, en canto os termos establecidos para a prescrición e caducidade.

 

Segunda.- Sen prexuízo do establecido na disposición anterior, as normas contidas no presente Decreto non serán de aplicación ós expedientes que se atopen en tramitación no momento da súa entrada en vigor.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

Primeira.- Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

- Artigo 30 do Decreto da Xunta 133/1982, do 4 de novembro (Cemiterios en Galicia).

- Artigo 20 do Decreto da Xunta 108/1983, do 14 de xullo, polo que se establecen as condicións sanitarias do transporte de restos humanos e a regulación sanitaria das empresas funerarias.

- Disposición adicional 2ª do Decreto 2263/1974, do 20 de xullo (Regulamento de Policía Sanitaria Mortuoria).

E tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido no presente Decreto, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Segunda.- Facúltase ó Conselleiro de Sanidade e Consumo para dictar tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente Decreto.

Vease también