Decreto 399/1996, do 31 de outubro, polo que se regulan
programas de control sanitario de moluscos bivalvos vivos.
Coa publicación do Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro, polo que se aproba
a Regulamentación técnico-sanitaria que fixa as normas aplicables á
comercialización de moluscos bivalvos vivos, levouse a cabo a harmonización
parcial da Directiva do Consello 91/492/CEE, do 15 de xullo, na que se fixan as
normas sanitarias aplicables á producción e posta no mercado de moluscos
bivalvos vivos.
Correspondendo á Comunidade Autónoma, conforme o artigo
33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril,
o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en
materia de sanidade interior, o Decreto 116/1995, do 31 de marzo, regulou o
control de biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da
pesca, marisqueo e a acuicultura e estableceu un reparto de competencias entre
as autoridades da Administración autonómica en materia de control sanitario da
producción, transporte, manipulación e venda de moluscos bivalvos vivos,
atribuíndo á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da Dirección
Xeral de Saúde Pública, a vixilancia e control dos moluscos bivalvos, para
efectos hixiénico-sanitarios, en tódalas fases de comercialización,
trasnformación e mercados de venda e no transporte, nos supostos que o citado
decreto sinala.
Por outra parte, o Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro,
obriga ós responsables dos centros a realizar análises periódicas para
controla-la calidade sanitaria dos moluscos, antes e despois da súa
manipulación, e comproba-la eficacia da depuración.
Tamén o Decreto 116/1995, no seu artigo 9.2 sinala que os
centros de expedición, depuración e establecementos de transformación serán
responsables de que os productos por eles tratados cumpran os requisitos que
establece o dito decreto.
Dado que ás autoridades sanitarias lles corresponde velar
porque as persoas que manipulen moluscos bivalvos vivos adopten as medidas
necesarias para cumprir estas esixencias de calidade sanitaria, e co fin de
proporcionar ós consumidores as máximas garantías da salubridade, procédese á
regulación de programas de control sanitario que deben ser levados a cabo polos
centros onde se manipulen estes productos.
Na súa virtude, cumprido o trámite de información pública
previsto no artigo 130 da Lei de procedemento administrativo, do 17 de xullo de
1958, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de
deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un
de outubro de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
1. Obxecto.
O presente decreto ten por obxecto establecer garantías de
control sanitario de biotoxinas e microbiolóxico nos centros de expedición,
depuración, transformación e, en xeral, de manipulación de moluscos bivalvos
vivos.
2. Conceptos
básicos.
Para os efectos de aplicación do presente decreto
entenderase por:
1. Zona de producción ou subzona de control de biotoxinas:
as clasificadas ou declaradas como tal pola consellería competente en materia
de pesca, marisqueo e acuicultura.
2. Lote: cantidade de molusco bivalvo vivo extraído dunha
mesma zona de producción ou subzona de control de biotoxinas, destinada a ser
enviada a un centro de expedición, depuración, transformación ou manipulación.
3. Envío: cantidade de molusco bivalvo vivo da mesma
especie, envasado nun centro de expedición na mesma data ou tratado nunha
estación depuradora, destinado a un ou varios clientes.
3. Sistema de
identificación de lotes e envíos.
1. Cada lote deberá estar identificado polo número de
documento de rexistro que, para o transporte e comercialización de moluscos
bivalvos vivos, establece a Orde do 22 de febreiro de 1994, da Consellería de
Pesca, Marisqueo e Acuicultura.
2. Os envíos procedentes dun centro de depuración, levarán
unha etiqueta que certifique que os moluscos foron depurados e na que debe
consta-la súa data de expedición.
Identificaranse coa data de envasado que figura na etiqueta
sanitaria, os envíos que procedan dun centro de expedición.
4. Control de
biotoxinas.
1. Os centros de expedición, depuración e establecementos de
transformación son responsables de que os productos por eles tratados ou
elaborados, cumpran os requisitos establecidos no artigo 1º do Decreto
116/1995, do 31 de marzo, polo que se regula o control de biotoxinas en moluscos
bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura.
Para garanti-lo dito cumprimento os establecementos antes mencionados serán
responsables de que todos e cada un dos lotes manipulados, depurados ou
transformados no seu establecemento, estean avalados por un control analítico
que acredite que os niveis de biotoxinas están dentro dos límites legais
establecidos.
Os documentos a que se refire o parágrafo anterior, deberán
conservarse polo centro receptor, polo menos durante 90 días, e ser postos a
disposición das autoridades competentes cando estas o soliciten.
2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, será
admisible que as empresas aseguren as condicións que esixe o Decreto 116/1995,
do 31 de marzo, mediante programas de autocontrol que deberán ser aprobados
pola autoridade sanitaria e cumpri-las condicións que establece a normativa
vixente.
5. Control
microbiolóxico.
Os responsables dos centros de expedición e depuración
deberán garantir que se tomen e analicen periodicamente un número
representativo de mostras para exames de laboratorio, co fin de establecer un
cadro cronolóxico, en función das zonas de orixe dos lotes, da calidade
sanitaria dos moluscos bivalvos vivos antes e despois da súa manipulación.
No caso de que estas análises indicasen unha posible
variación do status sanitario da zona de producción, o responsable do centro de
expedición ou depuración informará do dito feito á autoridade competente.
6. Técnicas
analíticas.
1. As técnicas analíticas de control de biotoxinas
realizaranse segundo o establecido nos anexos I e II do Decreto 116/1995, do 31
de marzo, da Xunta de Galicia, e as técnicas de control microbiolóxico deberán
segui-las pautas establecidas na lexislación vixente.
2. As análises deberán realizarse nun laboratorio equipado
con todo o material necesario para realizalas, sexa propio do centro ou
exterior, e estarán referendadas por un técnico responsable coa cualificación
profesional suficiente.
7. Cumprimentación
de libros de control.
Os centros de expedición e centros de depuración de moluscos
bivalvos vivos, estarán obrigados a cubri-los libros de control de entradas,
saídas e de laboratorio, segundo os modelos que se recollen no anexo deste
decreto. Os datos anotaranse de xeito claro e lexible no mesmo día no que se
obteñan os resultados ou teña lugar o feito que deba rexistrarse. Os libros de
control estarán a disposición dos servicios de inspección cando estes o
soliciten.
8. Infraccións e
sancións.
As infraccións ó disposto neste decreto serán sancionadas de
acordo co establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, Lei
12/1984, do 28 de decembro, do estatuto galego do consumidor e usuario, Decreto
157/1985, do 11 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en
materia sanitaria, e demais disposicións de xeral aplicación.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- O presente decreto entrará en vigor ós 3 meses da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Segunda.- Facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais para modifica-los libros de control de entradas e saídas e de
laboratorio que se recollen no anexo deste decreto.