Decreto 255/1992, do 10 setembro, polo que se establece o procedemento para a designación dos representantes das corporacións locais no Consello de Administración do Sergas.


O artigo 6 da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde (en diante Sergas), modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, prevé como membros do Consello de Administración do Sergas dous representates das corporacións locais, os cales serán designados do xeito que regulamentariamente se estableza. Pola súa parte, o Decreto 184/1992, do 18 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, vén perfilar e concreta-la composición do referido Consello.

Faise necesario, por tanto, establece-lo mecanismo regulamentario para que as corporacións locais da Comunidade Autónoma designen os dous representantes no citado órgano.

O procedemento de designación que se contén nesta disposición, parece lóxico, descansa no principio de maior representatividade das propias entidades locais, polo que serán as dúas federacións máis representativas, nas que se agrupan aquelas, as que propoñan os seus representantes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e dous.

 

DISPOÑO:

 

Único.

1.- Cada unha das duas federacións galegas de entidades locais máis representativas da Comunidade Autónoma propoñerá o seu representante para formar parte do Consello de Administración do Sergas.

2.- O nomeamento será efectuado mediante orde do conselleiro de Sanidade.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.