Decreto 133/1989, do 6 de xullo, polo que se crea a comisión mixta coas Corporacións Locais para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios dependentes das mesmas á Comunidade Autónoma de Galicia.


O Estatuto de Autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1 e 4 que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coa materia antes expresada e que exercerá a tutela das institucións, entidades e funcións en materia de sanidade.

Pola súa parte, a Lei Xeral de Sanidade no seu artigo 4 establece:

«2. As Comunidades Autónomas crearán os seus servicios de saúde dentro do marco desta Lei e dos seus respectivos estatutos de autonomía».

Engadindo no seu artigo 50:

«1. En cada Comunidade Autónoma constituirase un Servicio de Saúde integrado por tódolos centros, servicios e establecementos da propia Comunidade, Deputacións, Concellos e calquera outras administracións territoriais intracomunitarias que estará xestionado, como se establece nos artigos seguintes, baixo a responsabilidade da respectiva Comunidade Autónoma».

A disposición transitoria primeira.1 da mesma Lei establece:

«As Corporacións Locais que na actualidade dispoñen de servicios e establecementos sanitarios que leven a cabo actuacións que na presente Lei se adscriban ós Servicios de Saúde das Comunidades Autónomas, establecerán de mutuo acordo cos gobernos das Comunidades Autónomas un proceso de transferencia dos mesmos».

Pola súa parte a Lei do Servicio Galego de Saúde na súa disposición transitoria segunda establece que á entrada en vigor da mesma procederase a dar cumprimento ó establecido na disposición transitoria primeira da Lei Xeral de Sanidade, sobre establecemento e servicios sanitarios das entidades locais.

Para tal efecto faise necesaria a constitución e a determinación do réxime de funcionamento da comisión mixta encargada de instrumentaliza-lo proceso de traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios dependentes das Corporacións Locais á Comunidade Autónoma de Galicia, prevista no artigo 5 da Lei 8/1989, do 15 de xuño, de delimitación e coordenación das competencias das Deputacións Provinciais galegas.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto no artigo 37.1.a) da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a proposta do Conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xullo de mil novecentos oitenta e nove,

 

DISPOÑO:

 

1. Créase a comisión mixta para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios dependentes das Corporacións Locais á Comunidade Autónoma de Galicia.

 

2. Correspóndelle á comisión mixta estudiar, elaborar e aproba-los acordos de traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios das Corporacións Locais á Comunidade Autónoma de Galicia.

Os acordos de traspaso adoptados pola comisión mixta establecerán o termo e condicións do mesmo, especialmente no referente a medios persoais, presupostarios e patrimoniais, consignando ademais a data de efectividade do traspaso, e terán o carácter de proposta que se someterá á aprobación do Consello da Xunta e do órgano competente da Corporación Local correspondente.

 

3. A comisión mixta integrada paritariamente por representantes da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e da Corporación Local respectiva terá a seguinte composición:

1.- Presidente: o Conselleiro de Sanidade.

2.- Vicepresidente: o presidente da Corporación Local respectiva.

3.- Vocais:

a) Pola Administración autonómica de Galicia:

_ Cinco vocais designados pola Consellería de Sanidade.

_ Un vocal representante da Consellería de Economía e Facenda, designado polo titular da mesma.

b) Pola Corporación Local respectiva:

_ Seis vocais designados polo órgano competente da Corporación Local.

A Secretaría da comisión será exercida por ambas Administracións, que designará cada unha un secretario, que terá a condición de funcionario de carreira, os cales levantarán conxuntamente actas das reunións da comisión.

 

4. A comisión mixta reunirase na sede que decida o presidente, a quen corresponderá a convocatoria, de acordo co vicepresidente.

A dita convocatoria será notificada ós vocais cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

 

5. Os acordos adoptaranse na forma establecida no artigo 5.1 da Lei 8/1989, do 15 de xuño.

 

6. O obxecto de contar coa necesaria asistencia técnica e asesoramento, a comisión poderá decidi-la constitución de ponencias técnicas sobre aspectos concretos de cada proceso de traspaso. Así mesmo, cada Administración poderá acudir ás sesións da comisión asistida polos técnicos ou expertos que estime conveniente, en función da materia que se tratará.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

A comisión mixta quedará disolta automaticamente cando conclúa o proceso de traspaso de tódolos centros, servicios e establecementos sanitarios dependentes da Corporación Local respectiva á Comunidade Autónoma de Galicia.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase ó Conselleiro de Sanidade para dicta-las normas e adopta-las medidas necesarias para a execución e desenvolvemento deste Decreto.

 

Segunda.- Este Decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.