Decreto 28/1997, do 13 de febreiro, sobre módulos
poboacionais e ampliación de prazos para a autorización de apertura de oficinas
de farmacia.
Trala promulgación do Real decreto-lei 11/1996, do 17 de xuño, de ampliación do
servicio farmacéutico á poboación, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu a
dictar determinadas disposicións coa finalidade de atende-las previsións
contidas no devandito Real decreto lei. Neste sentido, procedéronse a
determina-las competencias e o procedemento para a autorización de apertura de
oficinas de farmacia a través do Decreto 288/1996, do 12 de xullo.
Tendo en conta a disposición transitoria única do Real
decreto-lei, para a resolución das solicitudes presentadas é necesario contar
xa cun criterio para determinar qué debe entenderse por zonas de saúde urbanas
e rurais, sen prexuízo de que tal determinación se efectúe no seu día por norma
de rango legal.
Polo demais, ó abeiro do Real Decreto-Lei e da conseguinte
recuperación resolutoria dos expedientes relativos á autorización de novas
oficinas de farmacia pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais,
formuláronse un número moi elevado de solicitudes para acceder a unha nova
oficina de farmacia, o que aconsella modificar algunhas das previsións do
referido decreto, especialmente no que atinxe ó prazo para a resolución das
solicitudes.
Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade e
Servicios Sociais, consultados os colexios oficiais de farmacéuticos de
Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do
Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de febreiro de mil
novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
Único.
1. Para efectos do establecido na disposición transitoria
única do Real decreto-lei 11/1996, do 17 de xuño, consideraranse zonas de saúde
urbanas aqueles concellos que teñan máis de 5.000 habitantes.
2. Nas zonas urbanas aplicarase o módulo poboacional de
2.800 habitantes por oficina de farmacia, conforme o previsto no artigo 1.3º do
Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño.
Nas zonas rurais, o módulo poboacional será o establecido no
Real decreto 909/1978, do 14 de abril.
3. Todo o anterior enténdese sen prexuízo das excepcións
previstas nos apartados b) e c) do número 1 do artigo 3º do Real Decreto
909/1978, do 14 de abril.
4. Os módulos poboacionais ós que alude o número 2 deste
artigo referiranse ós habitantes de cada un dos municipios que compoñen a zona
de saúde.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Amplíanse en catro meses máis os prazos previstos nos
números 2 e 3 do artigo 7º do Decreto 288/1996, do 12 de xullo, para a
tramitación das solicitudes formuladas con posterioridade á entrada en vigor do
Real decreto-lei 11/1996, do 17 de xuño, e ata a entrada en vigor do presente
decreto.
Nestes expedientes, as ampliacións de prazos que se concedan
ó amparo da disposición adicional cuarta do Decreto 288/1996, non poderán ser
superiores a catro ou seis meses respectivamente segundo se trate dos
expedientes ós que se refiren os números 2 ou 3 do artigo 7º do citado decreto.
En todo caso, conservarán a súa validez as prórrogas xa
concedidas á entrada en vigor deste decreto.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior
rango se opoñan ó establecido neste decreto.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
O
presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.