Decreto 27/1994, do 4 de febreiro, de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Hospital Municipal Nicolás Peña dependente do Concello de Vigo.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1º e 4º que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coa materia antes expresada e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social. 
Por outra banda, a Lei 14/1986, xeral de sanidade, establece os principios ós que se deben acomoda-las transferencias sanitarias ás comunidades autónomas e tamén, en particular, dos servicios e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais. Así na súa disposición transitoria primeira.4, enuncia que, en todo caso, mentres non entre en vigor o réxime definitivo de financiamento das comunidades autónomas, as corporacións locais contribuirán ó financiamento dos servicios de saúde daquelas nunha cantidade igual á asignada nos seus presupostos, que se actualizará anualmente, non considerando para estes efectos as cantidades procedentes de concertos co Insalud. 
O Decreto 133/1989, do 6 de xullo, crea a comisión mixta para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo para isto a súa composición, función e normas de funcionamento. 
A comisión mixta prevista no citado Decreto 133/1989, de conformidade co disposto no seu artigo 2, adoptou, na súa reunión do 17 de decembro de 1993, acordo de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Hospital Municipal Nicolás Peña, dependente do Concello de Vigo. O dito acordo, de conformidade co artigo 2 do mencionado decreto, ten carácter de proposta, e precisa aprobación do Consello da Xunta de Galicia. 
Por isto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo de deliberación do Conselllo da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de febreiro de mil novecentos noventa e catro,  

DISPOÑO:

 

1. Apróbase o acordo da comisión mixta creada polo Decreto 133/1989, do 6 de xullo, para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado o 17 de decembro de 1993, polo que se traspasa o Hospital Municipal Nicolás Peña dependente do Concello de Vigo, á Comunidade Autónoma de Galicia, e os correspondentes recursos persoais, materiais e presupostarios precisos para o exercicio daquelas, así como os demais bens previstos no aludido acordo.

 

2. En consecuencia, quedan trspasados á Comunidade Autónoma e asumidas por esta os servicios e institucións que se relacionan no dito acordo, que se inclúe como anexo do presente decreto, nos termos e condicións resultantes del, así como os medios persoais, bens, dereitos e obrigas sinalados no texto do acordo e relacións que se xuntan, así como os créditos presupostarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

 

3. De conformidade co previsto na disposición derradeira do referido acordo de transferencia, a Comunidade Autónoma poderá optar pola afectación do centro a usos asistenciais ou sociais, no marco das atribucións que lle confire a súa normativa patrimonial e das competencias que lle atribúe o seu Estatuto de autonomía nos artigos 27.23º e 33.4º.

 

4. 1. Adscríbense á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais os servicios e medios asumidos.

2. Sen prexuízo do previsto no parágrafo anterior, autorízase á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adscribir, total ou parcialmente, os medios e recursos transferidos ó Servicio Galego de Saúde.

3. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e se procede o organismo autónomo Servicio Galego de Saúde, exercerán as funcións emanadas das súas respectivas competencias, en relación os servicios transferidos.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltanse os conselleiros de Economía e Facenda e de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

 

Segunda.- O presente traspaso surtirá efecto a partir do un de xaneiro de mil novecentos noventa e catro.

 

Terceira.- Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

ANEXO

 

Francisco López Rois e Enrique Gómez García, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias, Xunta de Galicia-Concello de Vigo, prevista no Decreto 133/1989, do 6 de xullo,

 

CERTIFICAN:

 

Que no Pleno da comisión mixta celebrada o día 17 de decembro de 1993, se acordou o traspaso á Comunidade Autónoma e Galicia do Hospital Municipal Nicolás Peña, dependente do Concello de Vigo, nos termos seguintes:

 

A) Referencia ás normas estatutarias e legais nas que se ampara a transferencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1º e 4º que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coas materias antes expresadas e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguride Social.

Pola súa parte a Lei 14/1986, xeral de sanidade, no seu artigo 4 establece:

«1. Tanto o Estado como as comunidades autónomas e as demais administracións públicas competentes, organizarán e desenvolverán tódalas accións sanitarias a que se refire este título dentro dunha concepción integral do sistema sanitario.

As Comunidades Autónomas crearán os seus servicios de saúde dentro do marco desta lei e dos seus respectivos estatutos de autonomía».

Engadindo no seu artigo 50:

«1.En cada Comunidade Autónoma constituirase un servicio de saúde integrado por tódolos centros, servicios e establecementos da propia comunidade, deputacións, concellos e calquera outras administracións territoriais intracomunitarias que estará xestionado, como se establece nos artigos seguintes, baixo a responsabilidade da respectiva Comunidade Autónoma».

Pola súa vez o artigo 79.2º di:

«A participación no financiamento dos servicios das corporacións locais que deban ser asumidos polas comunidades autónomas levarase a efecto, por un lado, polas propias corporacións locais e por outro, con cargo ó Fondo Nacional de Cooperación coas corporacións locais.

As corporacións locais deberán establecer, ademais, nos seus presupostos as consignacións precisas para atende-las responsabilidades sanitarias que a lei lles atribúe».

Por outra parte a disposición transitoria primeira.1 da mesma lei establece:

«As corporacións locais que na actualidade dispoñen de servicios e establecementos sanitarios que leven a cabo actuacións que na presente lei se adscriban ós servicios de saúde das comunidades autónomas, establecerán de mutuo acordo cos gobernos das comunidades autónomas, un proceso de transferencia destes».

Por último, a disposición transitoria quinta da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, referida ó Servicio Galego de Saúde, dispuxo a iniciación do funcionamento deste a partir da entrada en vigor da citada lei, como organismo autónomo administrativo, asumindo as funcións previstas na Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde.

Sobre a base destas previsións estatutarias e legais, resulta procedente efectua-lo traspaso do Hospital Municipal Nicolás Peña dependente do Concello de Vigo, á Comunidade Autónoma de Galicia.

 

B) Bens, dereitos e obrigas.

Traspásanse, en concepto de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, os bens, dereitos e obrigas do Concello de Vigo que se recollen na relación adxunta número 1, onde quedan identificdos os inventarios de bens e dereitos sobre inmobles (*), mobles e, se é o caso, os concertos e contratos afectados polo traspaso.

No prazo de tres meses desde a data de efectividade da transferencia obxecto deste acordo, asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

Será título suficiente para a inscrición no Rexistro da Propiedade, a certificación pola comisión mixta dos acordos debidamente promulgados.

Os bens, dereitos e obrigacións pertencerán á Xunta de Galicia nas mesmas condicións en que lle pertencían anteriormente ó Concello de Vigo.

A partir da efectividade do traspaso quedan sen vigor os concertos que na materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social tivese subscritos o Concello de Vigo co Servicio Galego de Saúde.

Esixirase e vixiarase pola Comunidade Autónoma de Galicia o cumprimento do artigo 29 da Lei xeral de sanidade, para evita-la duplicidade das redes sanitarias públicas.

 

C) Persoal que se traspasa.

Traspásase o persoal adscrito ó Hospital Municipal Nicolás Peña, que se referencia nominalmente na relación adxunta número 2. Este persoal pasará a depender da Comunidade Autónoma de Galicia nas mesmas circunstancias que se especifican na relación adxunta tendo en conta os termos legalmente previstos polo Estatuto de autonomía e as demais normas en cada caso aplicables.

Segundo recolle a disposición transitoria quinta da Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, o persoal que se adscriba a este organismo como consecuencia das respectivas transferencias, manterá o seu nomeamento e o réxime retributivo específico que teña recoñecido no momento da adscrición efectiva ó servicio, sen prexuízo do previsto nas disposicións que lles sexan de aplicación. Ademais, a citada disposición enuncia que o Consello da Xunta de Galicia adoptará as medidas pertinentes para a homologación entre os diferentes colectivos que integran o Servicio Galego de Saúde.

A relación de persoal que se xunta a este anexo no momento da súa sinatura está pechada o 17 de decembro de 1993 e ten carácter provisional.

As posibles modificacións que nesta relación se puidesen producir ata a data de efectividade da transferencia, deberán ser aprobadas en cada caso pola comisión de seguimento prevista neste acordo e, serán recollidas e publicadas con posterioridade á dita data, en nova relación, que reflectirá a situación do apartado D.

O Concello de Vigo notificaralles ós interesados o traspaso e a súa nova situación administrativa. Así mesmo, remitiralles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de tódolos expedientes deste persoal traspasado, así como dos certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas durante 1993.

 

D) Postos de traballo vacantes que se traspasan.

Os postos de traballo vacantes dotados presupostariamente que se traspasan son os que se detallan na relación adxunta número 3, con indicación da súa categoría profesional e da dotación presupostaria correspondente a cada un deles.

No suposto de que logo de autorización da comisión de seguimento, se produza minoración de efectivos, serán recollidos e publicados con posterioridade nunha nova relación de postos vacantes e dotados presupostariamente.

 

E)Valoración dos medios financeiros dos servicios transferidos.

A valoración das cargas financeiras dos servicios transferidos realizarase tomando como base a liquidación do presuposto de 1991 e cadro de personal presupostario de 1992, engadíndose o incremento do I.P.C. sanitario dos anos 1991 e 1992. Para a valoración do custo efectivo e dos ingresos tomáronse en conta os seguintes criterios básicos:

Custo efectivo do servicio.

Corresponde ás obrigas recoñecidas e liquidadas por conta do exercicio corrente dos capítulos 2,4 e 6, incluíndo os gastos de investimento en conservación, mellora e reposición. A este importe sumaráselle o custo global do capítulo I do cadro persoal presupostario calculado seguindo o número de prazas traspasadas e os seguintes conceptos retributivos:

- Total retribucións fixas e periódicas.

- Axuda familiar.

- Gardas médicas.

- Contratos temporais por substitucións.

- Cotas MUNPAL a cargo da corporación.

- Cotas estimadas da Seguridade Social.

- Gratificacións especiais.

- Retribucións especiais de determinados servicios sanitarios.

- Pagas únicas excepcionais funcionarios, laborais fixos e temporais.

Así mesmo, incluiranse na valoración do custo efectivo os «custos centrais indirectos» que estarán representados polas cargas inherentes á xestión centralizada do hospital por parte do concello.

Ingresos derivados da xestión hospitalaria.

Considéranse ingresos derivados da xestión hospitalaria os ingresos económicos percibidos pola prestación de servicios que xeran taxas ou que reportan ingresos de dereito privado. Polo tanto, consideraranse como tales os dereitos recadados do exercicio de referencia do capítulo III dos estados de ingresos, así como os ingresos pendentes de cobro imputables ó Servicio Galego de Saúde e a outras entidades públicas.

Quedarán excluídas as «aportacións do Concello de Vigo» que comprenden os seguinte puntos:

- Aportación ó déficit de explotación.

- Aportación os gastos derivados da atención a persoas incluídas na beneficencia provincial.

- Aportación para financiar investimentos de reposición.

A Comisión Mixta de Transferencias valora o custo soportado polo concello ou Carga Asumida Neta (CAN) para o exercicio 1993 na seguinte contía: 281.190.022 ptas.

A CAN para o exercicio 1994 será a correspondente ó ano 1993, antes reflectida, á que haberá que engadir unicamente a cantidade que resulte de aplicarlle o I.P.C. xeral do Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondente ó ano 1993. Con posterioridade ó ano 1994 o custo soportado polo concelllo estará representado pola CAN do ano 1994, obtida da forma indicada anteriormente, cos incrementos acumulados que correspondan por aplicación dos sucesivos I.P.C. xeral fixados polo INE para cada ano. Mentres non se coñeza o dito I.P.C., con carácter provisional materase a aportación do exercicio anterior, facéndose efectiva a actualización reseñada no mes seguinte a aquel no que se faga público o dito índice oficial, con efectos desde o 1 de xaneiro do exercicio para o que se produce a actualización.

Ata a aprobación do réxime definitivo de financiamento das comunidades autónomas, e segundo o disposto na disposición transitoria primeira.4 da Lei xeral de sanidade, o Concello de Vigo garante o financiamento actualizado da cifra correspondente á carga asumida neta no momento da transferencia, que será revisada anualmente de acordo co criterio anteriormente expresado.

Polo tanto, o Concello de Vigo consignará nos seus presupostos futuros, ata que entre en vigor o dito réxime definitivo de financiamento das comunidades autónomas e a resultas do que se estableza sobre o financiamento dos centros de servicios sanitarios das corporacións locais, unha cantidade que garanta o financiamento actualizado do centro transferido, que se fará efectiva á Comunidade Autónoma por doceavas partes dentro de cada mes natural.

Como consecuencia da aplicación do Real decreto 1.088/1989, do 8 de setembro, polo que se estende a cobertura de asistencia sanitaria da Seguridade Social ás persoas sen recursos económicos suficientes, a Comunidade Autónoma comprométese a prestar asistencia sanitaria ás persoas incluídas nos padróns de beneficiencia do Concello de Vigo no marco de prestacións do réxime xeral da Seguridade Social, sempre que non teñan dereito a recibir asistencia sanitaria doutras entidades públicas, sen custo económico ningún para o Concello de Vigo, dado que o custo imputable á beneficencia foi tido en conta á hora de determina-la carga asumida neta total que será financiada polo concello.

A presente cláusula terá os efectos do convenio a que se refire a disposición transitoria do Real decreto 1.088/1989, do 8 de setembro.

 

F) Tratamento do período anterior á aprobación definitiva da transferencia polos órganos competentes da Administración autonómica e Concello de Vigo.

A percepción de ingresos e o pagamento de gastos correspondentes a todo tipo de obrigas contraídas ou dereitos devengados imputables á xestión dos centros transferidos, ata a data de efectos da transferencia, será asumida directamente polo Concello de Vigo.

O importe total dos dereitos liquidados pendentes de cobro a 31-12-1993, imputables ó Servicio Galego de Saúde, previamente confirmados pola comisión de seguimento, deducirase das aportacións mensuais do Concello de Vigo a que fai referencia no apartado E) do presente acordo, ata a súa extinción.

Tódolos contratos, convenios, acordos e demais obrigas que o Concello de Vigo asuma en relación co centro que se traspasa, que sexan asinados con posterioridade á data deste acordo ou que a dita vixencia exceda a data sinalada para a entrada en vigor da transferencia, deberán ser autorizados previamente pola comisión de seguimento. De non obte-lo visto e prace da referida comisión os efectos de todo o sinalado fronte a terceiros vincularán exclusivamente ó referido concello.

 

G) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes do Hospital Municipal Nicolás Peña que se traspasa, co correspondente inventario de documentación administrativa, realizarase no prazo de un mes a partir da data de efectividade da transferencia, obxecto deste acordo.

 

H) Comisión de seguimento.

Constituirase unha Comisión Paritaria de Seguimento á que corresponderá a interpretación e a solución de cantas dúbidas e cuestións puideran derivarse do acordo, asegura-la continuidade das operacións administrativas e garantir un traspaso ordenado das funcións e os medios, e demais funcións sinaladas nos apartados C, D e F.

Será así mesmo obriga da Comisión de Seguimento, realizar nun prazo non superior a 6 meses desde a data de efectividade da transferencia, a revisión e modificación das relación adxuntas, no caso de que fose necesario.

Finalmente, e co fin de levar a cabo unha máis completa coordinación e en definitiva, optimización dos recursos de que dispón a sanidade pública na área de saúde de Vigo, mentres non teña lugar a efectividade da transferencia, será igualmente función da citada Comisión de Seguimento aproba-los contratos, convenios, acordos e demais obrigas que o concello asuma en relación co centro que se traspasa, que sendo asinados con posterioridade á data da sinatura do presente acordo a súa vixencia exceda o un de xaneiro de 1994.

 

I) Data de efectividade das transferencias.

A efectividade da transferencia, obxecto deste acordo, ten lugar a partir do un de xaneiro de mil novecentos noventa e catro.

 

J) Disposición derradeira.

Non obstante o anterior, dado o interés público do centro que se transfire e a crecente e necesaria interrelación dos servicios sanitarios e sociais, a Comunidade Autónoma poderá optar pola afectación do centro a usos asistenciais sanitarios ou sociais, no marco das atribucións que lle confire a súa normativa patrimonial e das competencias que lle atribúe o seu Estatuto de autonomía nos artigos 27.23º e 33.4º.

 

CLÁUSULA ADICIONAL

 

Se no futuro, ó amparo da previsión contida na disposición transitoria primeira da Lei 14/1986, xeral de sanidade, se producise a transferencia doutros centros hospitalarios provinciais á Comunidade Autónoma de Galicia con criterios ou condicións máis favorables para as corporacións provinciais que os contidos no presente acordo, estas serán de aplicación automática ó Concello de Vigo con relación ó centro sanitario obxecto da presente transferencia con efectos do día 1 de xaneiro de 1994.