Decreto 126/1984, do 27 de xullo, polo que se aproba o mapa sanitario de Galicia.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 33.1, establece que corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, estando asignadas as devanditas competencias á Consellería de Sanidade e Consumo polo Decreto 4/1984, do 19 de xaneiro (D.O.G. nº 23, do 3 de febreiro de 1984). 
O obxectivo prioritario da Xunta de Galicia en materia sanitaria é a mellora do nivel de saúde da poboación a través do exercicio das competencias que ten asumidas.
Por isto resulta imprescindible dispoñer do marco da referencia adecuado que é o Mapa Sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia que agora se aproba, que posibilita coa racionalización e planificación dos medios sanitarios o acercamento dos mesmos á poboación, e que foi elaborado con criterios institucionais e de participación democrática das Corporacións Locais, Colexios Profesionais, Asociacións de Empresarios, Sindicatos de Traballadores e organismos e institucións responsables da sanidade ós que, sen excepción, se lles deu trámite de audiencia.
Na súa virtude, e de conformidade co disposto polo artigo 36, parágrafo 1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente (D.O.G. nº 23, do 21 de marzo de 1983), a proposta do Conselleiro de Sanidade e Consumo e previa deliberación da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de xullo de 1984,

DISPOÑO:

 

1. Apróbase o Mapa Sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia que figura como anexo deste Decreto.

 

2. 2.1. O Mapa Sanitario será revisado cada dous anos introducíndose as modificacións que aconsellen as circunstancias sanitarias que concorran en cada momento.

2.2. A tal efecto no seo do Consello de Sanidade de Galicia constituiríase a Comisión de Revisión do mesmo.

 

3. Tódolos sectores sanitarios, tanto públicos coma privados, terán a obriga de observa-las prescricións deste Decreto.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

Primeira.- Autorízase á Consellería de Sanidade e Consumo para dicta-las ordes e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente Decreto.

Segunda.- O presente Decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no "Diario Oficial de Galicia".