Orde do 27 de maio de 1993 pola que se regula a autorización de establecementos de óptica.

É obxectivo prioritario da Consellería de Sanidade garanti-la protección da saúde individual e colectiva da poboación e eleva-lo nivel sanitario da Comunidade Autónoma. Con este fin debe velar porque os centros e establecementos sanitarios ou sanitario-asistenciais, reúnan os requisitos mínimos que permitan unha axeitada prestación dos seus servicios ós usuarios.

Correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, a teor do artigo 33.1 do Estatuto de Autonomía, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, e, xa que logo, autoriza-la creación, construcción, modificación, adaptación e supresión de centros, servicios e establecementos sanitarios de calquera clase e natureza, como establece o artigo 33º 1.g) do Real Decreto de transferencias á Comunidade Autónoma, 1634/1980, do 31 de xullo. Competencias que, por outra parte, asignaría á Consellería de Sanidade o Decreto 28/1980, do 15 de outubro. No seu exercicio, dictaríase o Decreto 99/1984, do 7 de xuño sobre centros, servicios e establecementos sanitarios que faculta a Consellería de Sanidade para dicta-las normas e adopta-las medidas oportunas no seu desenvolvemento e aplicación. Procede agora, desenvolvendo o apartado f) do artigo 2º do dito Decreto, establece-las condicións e requisitos que deben cumpli-los establecementos de óptica, instaurando un procedemento axil na obtención das autorizacións correspondentes.

Por iso, cumpridos os trámites que establece o artigo 130º da Lei do 17 de xullo de 1958, de procedemento administrativo, e de conformidade co disposto no artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1983, do 20 de outubro, así como na disposición derradeira primeira do Decreto 99/1984, do 7 de xuño.

 

DISPOÑO:

 

1. Son establecementos de óptica, para efectos da presente orde:

a) Os capacitados para tallado, montaxe, adaptación e venda de artigos ópticos destinados á corrección ou protección da visión, realicen ou non actividades de optometría e contactoloxía.

b) As seccións desta especialidade incorporadas ás oficinas de farmacia.

 

2. Os establecementos de óptica situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán reuni-los requisitos técnicos e condicións mínimas que se indican nesta orde. A súa instalación e posta en funcionamento esixirá autorización administrativa previa da Consellería de Sanidade.

 

3. Os establecementos de óptica terán que reuni-las seguintes condicións e requisistos mínimos:

1. Local.

Deberá contar con dependencia de atención ó público independente da destinada a funcións propias do taller. A optometría e a contactoloxía requerirán unha superficie mínima de 8 metros cadrados en dependencia distinta ás anteriores.

2. Equipamento.

a) Todo taller de óptica debe dispor de:

- Biseladora.

- Frontofocómetro.

- Ventilete ou forno de área.

- Banco de taller equipado co material necesario para o desenvolvemento das súas funcións propias.

- Un stock de lentes:

* Lentes esféricas de neutro a 6D en pasos 0,25D, cun mínimo de tres pezas por potencia.

* Lentes tóricas de cilindro 0,25 a 2,00D combinado con 0,00 a 4D esféricas en pasos de 0,25D cun mínimo de tres pezas por potencia.

b) A prestación de optometría esixirá, polo menos, os instrumentos seguintes:

- Lámpada de fendedura.

- Caixa de probas ou foróptero.

- Retinoscopio e regras de esquiascopia.

- Prismas e cilindros cruzados.

- Optotipos de lonxe e de cerca.

- Oftalmótetro.

- Oftalmoscopio.

- Interpupilómetro.

- Test duocromo.

- Test de estereopse.

- Test de visión de colores.

c) Para realizar actividades de contactoloxía deberase dispor tamén de:

- Filtro azul cobalto para lámpada de fendedura.

- Analizador de lentes de contacto.

3. Persoal

Un diplomado en óptica, ou ben en óptica e optometría, en posesión da titulación requerida polas disposicións vixentes, sendo a súa presencia e actuación no establecemento inexcusable.

 

4. Tódalas funcións que se desenvolvan nos establecementos de óptica faranse baixo a dirección, responsabilidade, vixilancia e control do diplomado en óptica ou en óptica e optometría, sen prexuízo de que poida estar asistido polos axudantes ou auxiliares que coide conveniente.

 

5. As solicitudes para obte-la autorización sanitaria previa de instalación de establecementos de óptica, serán presentadas na correspondente Delegación Provincial da Consellería de Sanidade, subscritas polo seu titular ou representante legal e axustándose ó modelo que figura no anexo I desta orde.

 

6. A solicitude de autorización sanitaria previa de instalación do establecemento deberá acompañarse da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI), e, se é o caso, da representación que ostente.

b) Tratándose de sociedades, certificación da súa inscripción no Rexistro Mercantil.

c) Planos de conxunto e detalle que permitan a perfecta localización, identificación e tamaño das dependencias de que constará o establecemento, así como a situación do mobiliario e instrumental.

d) Plan de equipamento e utensilios con que contará o establecemento.

e) Previsión do cadro de persoal desagregado por grupos profesionais.

f) Prazo previsto para levar a cabo a instalación.

g) Xustificante de ter aboada a taxa prevista no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 4 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou normativa que veña a substituila.

 

7. 1.- O servicio de Ordenación e Inspección Sanitaria da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade examinará a solicitude e a documentación complementaria presentadas, requirindo ó interesado, se esta non reunise os requisitos esixidos, para que no prazo de 10 dias repare a falta ou presente os documentos preceptivos.

2.- Á vista da solicitude e da información técnica que considere oportuno solicitar, o dito servicio elevará proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Sanidade, quen concederá ou denegará a autorización solicitada.

 

8. 1. Terminada a instalación do local e do seu equipamento, e antes de inicia-la actividade, o interesado comunicarallo á delegación provincial, segundo o modelo que se indica no anexo II desta orde, achegando a relación nominal de traballadores, nomeamento do óptico responsable con certificación acreditativa da súa titulación e inscripción no correspondente colexio oficial, así como xustificante de ter aboado a taxa correspondente prevista no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, ou normativa que veña a substituír.

2.- Unha vez que o Servicio de Ordenación e Inspección Sanitaria da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade comprobe que corresponda o cumprimento dos requisitos e condicións que serviron de base á obtención da autorización sanitaria previa de instalación, o delegado provincial da Consellería de Sanidade outorgará, se procede, a autorización de apertura e posta en funcionamento.

3.- A autorización de apertura e posta en funcionamento levará consigo a inscripción do establecemento no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

 

9. 1.- As modificacións que se pretendan facer nos establecementos de óptica xa autorizados requerirán autorización sanitaria previa que se solicitará remitindo á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade o escrito que figura no anexo I da presente orde, ó que deberá acompañarse un estudio xustificativo sobre a súa coherencia, así como unha descrición detallada que permita a perfecta identificación dos cambios estructurais e/ou funcionais que se pretendan facer en relación coa situación existente, e xustificación acreditativa de ter aboada a taxa prevista no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, ou normativa que veña substituila.

2.- As modificacións estarán tamén sometidas a autorización de apertura e posta en funcionamento nos mesmos termos que se indican no apartado 2 do artigo anterior, para o cal deberá solicitarse remitindo á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade o escrito que figura no anexo II desta orde.

 

10. 1.- Os cambios efectuados na titularidade, no nomeamento do óptico responsable, ó igual que o peche do establecemento, comunicaranse no prazo de un mes á delegación provincial.

2.- A delegación provincial dará conta das autorizacións outorgadas e, se é o caso, das posibles incidencias e cambios estructurais e/ou funcionais á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade para efectos do seu coñecemento e inclusión ou baixa no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios.

3.- Sen prexuízo do disposto no apartado anterior, no Servicio de Ordenación e Inspección Sanitaria das delegacións provinciais manterase unha relación actualizada de establecementos de óptica autorizados na provincia correspondente.

 

11. O traslado dun establecemento de óptica a outro lugar da mesma ou de distinta localidade, así como a apertura de sucursais ou delegacións, deberá segui-los mesmos trámites cá instalación dun novo.

 

12. As autorizacións administrativas previas entenderanse caducadas se transcorridos tres meses, contados a partir do día seguinte ó que se recibise a notificación da autorización, non se comenzase a instalación do establecemento, ou, se comenzado, levase máis de seis meses interrompida. Igual criterio se seguirá respecto á autorización de apertura e posta en funcionamento se no prazo de seis meses, contados desde a notificación de dita autorización, non se iniciase a actividade.

 

13. Quedará revogada a autorización administrativa previa se no período de execución da instalación se incumprisen ou alterasen as condicións orixinarias que serviron de base para o seu outorgamento.

 

14. 1.- O incumprimento das prescripcións contidas nesta orde quedará sometido ó réxime de sancións que establece a Lei 14/1986 do 25 de abril, Xeral de Sanidade.

2.- Como consecuencia das actuacións de inspección e control o delegado provincial poderá propoñer á Consellería de Sanidade, e a través das canles pertinentes, nos casos de risco grave e inminente para a saúde pública ou incumprimento dos requisitos esixidos para o seu funcionamento, a clausura temporal ou definitiva dos establecementos, sen prexuízo da suspensión provisional que poida acordar con carácter de urxencia dando conta inmediatamente á Consellería.

 

15. Contra as resolucións que segundo a presente orde dicte o delegado provincial da Consellería de Sanidade poderá interporse recurso ordinario perante o Conselleiro de Sanidade, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

Os establecementos de óptica deberán conserva-la información que permita unha correcta localización das prescripcións ópticas de protección ou corrección da vista dos usuarios. Así mesmo garantirán a confidencialidade da información clínica de que dispoñan.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira 1.- Os establecementos de óptica xa en funcionamento, disporán dun prazo de seis meses, a partir da entrada en vigor da presente orde para solicita-la súa autorización. Á solicitude, que deberá axustarse ó modelo do anexo III desta orde, xuntarase o cadro de persoal desagregado por grupos funcionais e dedicacións e a documentación que se especifica nos apartados a), b), c), d) e g) do artigo 6º e a que consta no apartado 1 do artigo 8º da presente orde.

2.- Estes establecementos quedarán exceptuados da autorización administrativa previa da instalación, obtendo a autorización de apertura e posta en funcionamento unha vez que se proceda á comprobación, pola correspondente Delegación Provincial da Consellería de Sanidade, do cumprimento das condicións e requisitos establecidos para a concesión da autorización, con excepción da superficie mínima á que se refire o artigo 3.1º.

 

Segunda.- Aqueles establecementos de óptica que se atopen nalgún dos supostos previstos na disposición transitoria do Decreto 1.387/1961, do 20 de xullo, poderán continua-la súa actividade en idénticas condicións ás descritas na dita disposición, sen prexuizo de que deban solicita-la súa autorización conforme o previsto na disposición transitoria primeira da presente orde.

 

Vease también