Orde do 3 de xuño de 1997 pola que se establece a obrigatoriedade de identificación do persoal facultativo e auxiliar nas oficinas de farmacia.


A Constitución española establece no seu artigo 149.1.16, que o Estado ten competencia exclusiva sobre as bases e coordinación xeral da sanidade e lexislación sobre productos farmacéuticos.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de Autonomía de Galicia, prevé no seu artigo 33.1 que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

A Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento (B.O.E. nº 1306, do 22 de decembro de 1990), dispón no seu artigo 88.1.b) a presencia e actuación profesional do farmacéutico como condición e requisito indispensable para a dispensación ó público de medicamentos.

Neste mesmo sentido, a Lei 16/1997, do 25 de abril, de regulación de servicios das oficinas de farmacia (B.O.E. nº 100, do 26 de abril de 1997), establece e esixe a presencia e actuación profesional do farmacéutico como condición e requisito indispensable para a dispensación ó público de medicamentos.

A presente orde ten por obxecto materializar e desenvolve-las previsións contidas nos indicados preceptos, referidas á obrigatoriedade da presencia do farmacéutico na dispensación de medicamentos, polo que debe esixirse para o seu cumprimento, a identificación profesional do persoal que preste servicios nas oficinas de farmacia.

En consecuencia, resulta oportuno dictar unha norma que veña recoller, con carácter obrigatorio, a identificación do persoal que preste servicios nas oficinas de farmacia, con independencia da súa cualificación profesional.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. O persoal que preste os seus servicios nas oficinas de farmacia deberán levar durante toda a súa xornada laboral, un distintivo que acredite a súa identificación profesional.

 

2. No distintivo ou placa identificativa figurarán os seguintes datos:

a) Nome e apelidos.

b) Titulación (farmacéutico titular, farmacéutico substituto, farmacéutico adxunto, farmacéutico rexente ou auxiliar de farmacia).

c) Número de colexiado, se é o caso.

 

3. As características do distintivo axustaranse ó modelo que recolle o anexo da presente orde.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Esta orde entrará en vigor ós 15 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también