Decreto 143/1992, do 5 de xuño, polo que se modifica en parte o Decreto 148/1991, do 2 de maio, sobre órganos de dirección e colexiados dos hospitais da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

O Decreto 148/1991, do 2 de maio, estableceu os órganos de dirección dos hospitais galegos e o procedemento e condicións para o acceso a estes.

A experiencia adquirida aconsella completar tal procedemento con outro que permita, sen prexuízo dos principios constitucionais de mérito e capacidade esixibles para o acceso ó exercicio de funcións públicas, amplia-lo ámbito de posibilidades na elección de técnicos especializados en xestión hospitalaria volvendo a un sistema de provisión xa utilizado con anterioridade polo Real decreto 521/1987, do 15 de abril, e que hoxe permite a Lei 31/1991, do 30 de decembro, de presupostos xerais do Estado para 1992, como é o réxime laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, caracterizado pola recíproca confianza entre as partes.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade, logo de informe dos conselleiros da Presidencia e Administración Publica e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e dous,

 

DISPOÑO:

 

Único. 1. Amais dos sistemas de nomeamento para os postos de director xerente e director de xestión previstos nos artigos 3 e 11 do Decreto 148/1991, do 2 de maio, polo que se establecen os órganos de dirección e colexiados dos hospitais da Comunidade Autónoma dependentes da Consellería de Sanidade e xestionados polo Servicio Galego de Saúde e polo que se determinan as súas funcións, a Consellería de Sanidade poderá prove-los ditos órganos de dirección mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto.

2. De se optar por este sistema de provisión os ditos órganos de dirección serán nomeados pola Consellería de Sanidade, logo da convocatoria publica no Diario Oficial de Galicia, na que figurarán os requisitos minimos seguintes:

a) Para director xerente:

- Posuír nacionalidade española.

- Posuír titulación superior universitaria.

- Acreditar capacidade abonda para o desempeño do cargo.

- Non estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas e profesionais.

b)Para director de xestión:  

Os mesmos que para o director xerente, con esixencia de titulación superior ou diplomatura universitaria.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.