Orde do 7 de maio de 1992 pola que se regula o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.

Co obxecto de levar a cabo na Comunidade Autónoma Galega a promoción e desenvolvemento dos estudios e investigacións científicas de ámbito sanitario, publicouse no D.O.G. do 27 de novembro de 1986 a orde do 17 de no-vembro de 1986 pola que se regulaba o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.

A experiencia adquirida ó longo de case seis anos aconsella modifica-la citada orde, co obxectivo principal de recoñecerlles ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade capacidade de resolución sobre o recoñecemento de interese sanitario, contribuíndo así á desconcentración administrativa, ó mesmo tempo que se establece un modelo normalizado de solicitude para facilita-la actuación dos administrados.

Na súa virtude, de acordo coas competencias recoñecidas no artigo 33.1 do Estatuto de autonomía para Galicia e en uso das facultades que me foron conferidas,

 

DISPOÑO:

 

1. A Consellería de Sanidade poderá recoñecer como de interese sanitario aqueles actos, reu-nións, cursos, congresos e xornadas que, organizadas no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia por corporacións, fundacións, asociacións e outras entidades de natureza pública ou privada que acrediten estar legalmente constituídas, pretendan promove-lo estudio, difusión, formación ou especialización das ciencias e técnicas relacionadas coa saúde.

 

2. Correspóndelle á delegación da Consellería de Sanidade da provincia onde se pretenda realiza-lo acto, cos informes e asesoramento previos que estime necesarios, resolver sobre o recoñecemento de interese sanitario.

 

3. A solicitude de recoñecemento de interese sanitario, dirixida ó delegado provincial da Consellería de Sanidade que corresponda, será subscrita polos organizadores do acto ou os seus representantes legais, en modelo que se axustará ó que figura no anexo desta orde, e deberá formularse, polo menos, cun mes de antelación ó inicio da actividade de que se trate.

 

4. Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Datos da indentificación da entidade organizadora:

- Nome da entidade.

- Domicilio social.

- Número de membros que a integran.

- Composición da xunta directiva.

- Publicacións que edita.

- Actos científicos organizados pola entidade nos dous últimos anos.

b) Lugar e data prevista para a celebración do acto.

c) Memoria na que se expoña o tipo de actividade que se vai desenvolver, os obxectivos que se perseguen, así como o número de participantes previsto.

d) Programa científico que inclúa un avance das conferencias, charlas, relatorios ou comunicacións que en cada caso vaian ter lugar, así como a relación dos conferenciantes ou profesorado e a súa cualificación profesional.

e) Presuposto económico con expresión da cota establecida para os asistentes e, se é o caso, outros medios de financiamento do acto.

f) Linguas oficiais do acontecemento.

 

5. O recoñecemento de interese sanitario dará lugar ás seguintes facultades:

a) Utiliza-lo mencionado recoñecemento en toda clase de documentación do acto.

b) Desfrutar das exencións que legalmente se establezan a favor destes actos.

 

6. No prazo de dous meses, contados a partir da data do remate do acto recoñecido como de interese sanitario, o comité organizador ou, en todo caso, os órganos de dirección da asociación ou entidade organizadora do acto, están obrigados a remitirlle á delegación provincial da Consellería de Sanidade que corresponda as conclusións ou acordos adoptados.

 

7. De tódolos recoñecementos de interese sanitario outorgados polas delegacións provinciais daráselle conta, nun prazo non superior a dez días, á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

 

8. Os servicios de Ordenación e Inspección Sanitaria das delegacións provinciais elaborarán e manterán un rexistro de actos, reunións, cursos, congresos e xornadas ós que se lles concedeu o recoñecemento de interese sanitario.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Queda derrogada a orde do 17 de novembro de 1986 pola que se regula o recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.