Lei 13/1992, do 9 de novembro, sobre a revisión do Mapa sanitario para crea-la área de saúde do Salnés.

 

É necesario e urxente un achegamento da atención sanitaria á poboación. A situación da sanidade pública é motivo da ampla preocupación na sociedade galega. A división competencial que existe, hoxe en día, entre a Administración central e a autonómica posibilita unha maior descoordinación e ineficiencia.

A situación hospitalaria da comarca de Arousa, actualmente integrada, como zona sanitaria de atención integrada, na área de saúde de Pontevedra, non se corresponde cos mínimos (camas/1.000 habitantes) recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS). A propia Lei xeral de sanidade (Lei 14/1986, do 25 de abril), no seu artigo 56.5, establece un tope máximo de 250.000 habitantes para as áreas de saúde. A actual área de saúde de Pontevedra supera ese máximo recomendado pola lei.

O crecemento demográfico da Galicia costeira, e en concreto da ría de Arousa, recomenda solucionar, con visión de futuro, os problemas sociais e humanos derivados dunha masificación inoperante da asistencia hospitalaria.

Non parece, polo tanto, que a distancia quilométrica ó actual centro hospitalario de Pontevedra deba se-lo único ou principal criterio que se deba ter en conta para non incluí-la comarca de Arousa como área de saúde. De feito, a Lei xeral de sanidade no seu artigo 56.4 di: «Las áreas de salud se delimitarán teniendo en cuenta factores geográficos, socioeconómicos, demográficos, laborales, epidemiológicos, culturales, climatológicos y de dotación de vías y medios de comunicación, así como las instalaciones sanitarias del área».

Vivimos tempos en que a palabra Europa é moeda corrente en calquera discurso institucional; sen ambargo, son moitos os países europeos onde a media é de 10 camas/1.000 habitantes.

O espírito da presente lei non é entrar a competir con outras zonas que revindican converterse en áreas de saúde, senón reclamar do Parlamento galego un trato, no Mapa sanitario, que se corresponda coas necesidades reais da comarca de Arousa.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei sobre a revisión do Mapa sanitario para crea-la área de saúde do Salnés.

 

Artigo único

 

O Goberno galego creará a área de saúde do Salnés na ordenación territorial sanitaria de Galicia.