Decreto 339/1994, do 27 de outubro, polo que se regula a integración de determinado persoal do Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás de Toén nos réximes estatutarios da Seguridade Social.


Trala transferencia do Insalud á Comunidade Autónoma o 1 de xaneiro de 1991, prodúcese unha multiplicidade de dependencias dos diferentes dispositivos encargados da saúde mental e da asistencia psiquiátrica. Esta situación, non desexable desde o punto de vista organizativo, xerou, polo que agora interesa, a coexistencia de dispositivos asistenciais de atención primaria (fundamentalmente as unidades de saúde mental) coa actividade prestacional efectuada polas unidades de atención especializada (en concreto a realizada polo Servicio de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Cristal-Piñor).Ó que se sumarían os dispositivos asistenciais existentes con anterioridade ó traspaso do Insalud que se concretaban na Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil dependente da delegación da Consellería de Sanidade e o Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás de Toén.

Todo isto xerou unha situación caracterizada, por unha parte, pola inexistencia dunha única dependencia funcional para a prestación dos servicios de referencia e, por outro, pola existencia de colectivos de traballadorees con réximes xurídicos diversos e percepcións diferentes, o que dificultaba unha actuación planificada e coordinada na materia.

Co ánimo de afrontar esta dobre situación e como primeira medida, a Consellería de Sanidade adscribiu funcionalmente o Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás ó Complexo Hospitalario Cristal-Piñor, por medio de Resolución do 8 de maio de 1992.

Posteriormente, e con ocasión da aprobación das relacións de postos de traballo no ano 1993, realizouse un trasvase dos postos de traballo de natureza funcionarial ou laboral, e que tiñan por cometidos as funcións en cuestión, ó complexo hospitalario citado, o que permitirá, a medida que queden vacantes, a súa conversión en postos de traballo de réxime estatutario.

Por último, o presente decreto posibilita, como opción voluntaria, a integración do persoal do hospital psiquiátrico, tanto funcionario como laboral, nos réximes estatutarios.

Unha vez culminado o proceso, posibilitarase unha mellora da planificación neste campo, así como unha na xestión que permitirá un tratamento sistematizado das condicións de traballo e das relacións laborais dos distintos colectivos e, o que non é menos importante, unha mobilidade funcional entre as diferentes unidades que ata agora non era posible.

Por todo o anterior, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, cumpridos os trámites legais pertinentes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de outubro de mil novecentos noventa e catro,

 

DISPOÑO:

 

1. O persoal laboral fixo e persoal funcionario do Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás de Toén poderá integrarse no correspondente réxime estatutario da Seguridade Social nos termos e condicións que se establecen no presente decreto, sempre que reúnan os requisitos de titulación esixidos pola lexislación vixente e que á entrada en vigor deste se encontre nalgúns dos supostos seguintes:

a) En situación de activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servicios laboral ou funcionarial, con reserva do posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, así como en situación de servicios especiais, no caso do persoal funcionario.

c) En situación de excedencia, sempre que non transcorrese o tempo máximo de excedencia prevista legalmente para cada caso. Neste supostos, a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria e a posterior situación de activo obterase de conformidade co previsto no Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro. A opción de integración poderá formularse no momento de solicita-lo reingreso ou no prazo previsto no artigo 8º do presente decreto.

 

2. Non poderán exerce-lo dereito de opción, aínda cando estean prestando servicios no Hopital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás de Toén:

1. O persoal interino, calquera que sexa a súa procedencia.

2. O persoal laboral que non teña a condición de fixo.

 

3. O persoal que exerza o dereito de opción da forma establecida no artigo 8º integrarase nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda, de acordo coa escala ou se é o caso, categoría que ostente á entrada en vigor do presente decreto, sen prexuízo do disposto no parágrafo seguinte.

A integración en categorías básicas non impide a posibilidade de posteriores nomeamentos para os distintos postos que integran a estructura dos hospitais, de acordo coa normativa aplicable ás institucións sanitarias do Sergas.

 

4. Ó persoal que resulte integrado nos réximes estatutarios da Seguridade Social respetaráselle, para tódolos efectos, a antigüidade que ostente á entrada en vigor do presente decreto, se ben os trienios que se recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración o serán de acordo co previsto no Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento.

 

5. O réxime económico e xurídico do persoal que resulte integrado será o correspondente ó estatuto do persoal que en cada caso sexa de aplicación e a súa prestación de servicios adecuarase á estructura asistencial das institucións sanitarias do Sergas.

Ó persoal que tendo efectuada a opción de integración percibirá retribucións superiores ás correspondentes á categoría de homologación no Sergas, recoñéceráselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferencia de retribucións. O citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría, de acordo coa normativa orzamentaria.

De acordo co establecido no artigo 14.1º g) da Lei 1/1994, do 30 de marzo, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1994, e na disposición transitoria primeira do Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, para o cálculo do complemento persoal transitorio, non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, plus de nocturnidade, plus de perigosidade, penosidade ou toxicidade e realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que en concepto de antigüidade teñan recoñecidas ata a data en que remate o prazo de presentación de instancias.

Ó persoal que non se integre nos estatutos do persoal da Seguridade Social, respectaráselle o réxime económico e xurídico que se derive da súa situación de orixe, funcionarial ou laboral suxeita ó Convenio Colectivo Único, sen prexuízo de que a súa prestación de servicios se adapte ás características das institucións sanitarias do Sergas, de acordo coa lexislación vixente.

 

6. A integración do persoal que exerza o dereito de opción efectuarase nas categorías básicas reguladas en cada estatuto. Non obstante, respeto dos funcionarios que desempeñen posto de traballo con carácter provisional ou por libre designación, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas poderá resolve-la súa permanencia con carácter provisional nos postos homólogos que existan na estructura orgánico-asistencial do hospital.

Naqueles supostos excepcionais nos que o posto de traballo ou cargo se desempeñe con carácter definitivo por obtelo o afectado por concurso, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas expedirá nomeamentos complementarios segundo o carácter do posto desempeñado e co mesmo carácter que corresponda ós postos de traballo similares que existan na estructura orgánico-asistencial das institucións sanitarias do Sergas.

 

7. O persoal funcionario que se integre nos réximes estatutarios da Seguridade Social será declarado, de conformidade co establecido no artigo 55 a) da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na situación de excedencia voluntaria no seu corpo ou escala de orixe.

Igualmente, o persoal laboral que se integre nos mesmos réximes será declarado na situación de excedencia voluntaria na súa categoría.

 

8. Sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 1º, o exercicio da opción de integración deberá realizarse con carácter individual, no prazo de corenta días, contados a partir do seguinte ó da entrada en vigor deste decreto, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo número II. Os que non formulen opción expresa de integración entenderase que optan pola situación prevista no último parágrafo do artigo 5º.

As solicitudes, debidamente dilixenciadas pola dirección do centro, dirixiranse á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas e presentaranse na Dirección Provincial do Sergas de Ourense ou na oficina de rexistro do hospital, sen prexuízo do establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O persoal que realice a opción aportará, xunto coa súa solicitude, os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada da titulación académica ou, se é o caso, do libro de escolaridade.

b) O persoal médico aportará, así mesmo, fotocopia compulsado do título de especialista que posúa ou que o habilite para exerce-la praza que vén desempeñando.

 

9. As opcións serán resoltas pola Dirección Xeral de Recursos Humanos no prazo máximo de dous meses desde que remate o de presentación de instancias para formula-la opción de integración.

O anteriormente exposto enténdese sen prexuízo da excepción prevista no inciso final do artigo 1º.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986 (B.O.E. do 12 de xaneiro de 1987), ó persoal que se homologue á categoría de auxiliar de enfermería non lle será esixido o título de formación profesional de primeiro grao, rama sanitaria, para integrarse na dita categoría, sempre que, á súa entrada en vigor, se encontrasen prestando servicios con praza en propiedade no hospital.

Segunda.- Os postos de traballo de orixe do persoal que opte pola súa integración nos réximes estatutarios consideraranse amortizados e reconvertidos nos que determina, para cada caso, a táboa de homologacións que se inclúe no anexo número I deste decreto. 
As vacantes que se produzan de persoal laboral ou funcionario que non se integre nos réximes estaturarios da Seguridade Social e que non estean afectados polas situacións previstas no artigo 1º b) deste decreto declararanse a extinguir para a súa amortización ou, se é o caso, substitución por prazas de persoal estatutario do Sergas. 
Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal ó que se refiere o artigo 2º consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará, á data en que teña efectividade a integración, no seu desempeño. 
Non obstante, con efectos do día seguinte ó do cesamento, expediráselles un nomeamento ou formalizará un contrato, segundo corresponda, para ocupar, co mesmo carácter, a correspondente praza de persoal estatutario.  

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- O persoal facultativo que se integre no réxime estatutario faino con dedicación exclusiva ó sector público sanitario e percibirá o complemento específico que por este desempeño, en réxime de dedicación exclusiva, lle corresponda de acordo co sistema retributivo previsto no Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro. Este complemento devengarase a partir da data en que se faga efectiva a integración. En todo caso, o persoal de referencia estará suxeito á normativa que, en cada momento, resulte aplicable ó persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

 

Segunda.-O prazo para formula-la opción de integración, previsto no artigo 8º do presente decreto, comezará a contarse, respecto dos funcionarios que obteñan destino definitivo no centro como consecuencia da resolución definitiva do concurso de traslados convocado por resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, do 2 de maio de 1994 (D.O.G. do 11 de maio), a partir da data en que tomen posesión do destino adxudicado nel.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para que dicte as disposicións que sexan necesarias para a interpretación, aplicación e desenvolvemento do presente decreto, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia .


ANEXO I

Vínculo

Posto de traballo en Toén

Categoría integración persoal estatutario

 

F

F

F

F

F

F

 

 

F

F

F

L

F/L

L

 

 

F

F

F

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

L

1. Persoal facultativo e titulado superior

Xefe de servicio

Xefe de sección

Médico Psiquiatra

Farmacéutico hospitalario

Médico xeneralista

Psicólogo

 

2. Persoal sanitario non facultativo

Director de enfermería

ATS

Terapeuta ocupacional

Aux. de enfermería

Aux. psiquiátrico

Aux. de farmacia

 

3. Persoal non sanitario

Administrador

Administrativo

Aux. administrativo

Albanel

Animador socio-cultural

Asistente social

Axudante de cociña

Axudante de oficios

Calefactor

Capelán

Carpinteiro

Celador

Cociñeiro oficial 2ª

Cortador

Costureiro

Electricista

Encargado lavadoiro, roupeiro e prancha

Fregador

Fontaneiro

Xardineiro

Xefe de cociña

Xefe de taller

Lavandeiro

Limpador

Perruqueiro-barbeiro

Peón

Pinche de cociña

Planchador

Oficial 2ª mantenemento

Ordenanza

Telefonista

Técnico xestión hospitalaria

Vixilante nocturno

 

Facultativo especialista de área

Facultativo especialista de área

F.E.A.

F.E.A.

Facultativo xerarquizado de Medicina Xeral

Persoal técnico superior

 

 

ATS/DUE

ATS/DUE

Terapeuta ocupacional

Aux. de enfermería

Aux. de enfermería (en funcións de saúde mental)

Aux. de enfermería

 

 

Grupo Admvo. Función Admva.

Grupo Admvo. Función Admva.

Grupo Admvo. Función Admva.

Albanel

Grupo Admvo. Función Admva.

Asistente social

Pinche de cociña

Peón

Calefactor

Capelán

Carpinteiro

Celador

Cociñeiro

Costureiro

Costureiro

Electricista

Celador

Pinche

Fontaneiro

Xardineiro

Cociñeiro

Grupo C Función Admva.

Lavandeiro

Limpiador

Perruqueiro

Peón

Pinche de cociña

Planchador

Electricista

Celador

Telenonista

Grupo xestión Función Admva.

Celador/vixilante