Orde do 10 de maio de 1994 pola que se fixan as porcentaxes de gastos xerais e beneficio industrial que rexerán para a obtención do orzamento de execución por contrata nas obras promocionadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde.

 

O Real decreto 982/1987, do 5 de xullo, polo que se lles dá nova redacción ós artigos 67 e 68 do Regulamento xeral de contratación do Estado, e concretamente o apartado 1º a) do citado artigo 68, faculta a cada departamento para fixa-la porcentaxe dos gastos xerais de estructura que incidan sobre o contrato dentro da marxe legal do 13 ó 17%.

A existencia da taxa de dirección e inspección de obras fixadas no artigo 24.3º do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo III, título II da Lei 13/1991, do 9 de de-cembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma aplicable ós contratos celebrados pola Administración, incide directamente nos custos que os contratistas deben acumular na execución das obras adxudicadas.

O Decreto 287/1993, do 10 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, quedando a Dirección Xeral de Servicios Sociais integrada nela. Como consecuencia da dita integración xorde a necesidade de modifica-la Orde do 18 de novembro de 1993 pola que se fixan as porcentaxes de gastos xerais e beneficio industrial que rexerán para a obtención do orzamentos de execución por contrata nas obras promocionadas pola Consellería de Sanidade e Servicio Galego de Saúde.

Por iso e no uso da facultade do mencionado artigo 68.1º a) do Regulamento xeral de contratación do Estado, esta consellería,

 

DISPÓN:

 

Único.- O orzamento de execución por contrata das obras promocionadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde obterase incrementando o de execución material nos gastos xerais de extructura que inciden sobre o contrato, cifrados nas seguintes porcentaxes:

a) O 17 por 100 en concepto de gastos xerais da empresa, gastos financeiros, cargas fiscais (IVE excluído) e taxas da Administración legalmente establecidas, que incidan sobre o custo das obras e demais derivados das obrigas do contrato.

b) O 6 por 100 en concepto de beneficio industrial do contratista.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Declárase expresamente derrogada a Orde do 18 de novembro de 1993 pola que se fixan as porcentaxes de gastos xerais e beneficio industrial que rexerán para a obtención do orzamento de execución por contrata nas obras promocionadas pola Consellería de Sanidade e o Servicio Galego de Saúde.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también