Real Decreto 1679/1990, do 28 de decembro, sobre traspaso a Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde.


O artigo 149.1 da Constitución, alíneas 16 e 17, establece as competencias do Estado nas materias de sanidade e Seguridade Social. Pola súa banda, o Estatuo de Autonomía de Galicia, no seu artigo 33 atribúe a Comunidade Autónoma competencias nas ditas materias.

Por outra parte, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece os principios ós que se debe acomoda-la transferencia ás comunidades autónomas de xetión da asistencia sanitaria da Seguridade Social.

A comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía de Galicia, de conformidade coas disposicións citadas e de acordo co establecido no Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, -polo que se determinan as normas e o procedemento ós que teñen que adaptarse as transferencias de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia-, adoptou, na súa reunión do día 27 de decembro de 1990, acordo sobre traspaso de funcións e servicios do Instituto Nacional de Saúde, do que a virtualidade práctica esixe a súa aprobación polo Goberno mediante real decreto.

Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición cuarta do Estatuto de Autonomía para Galicia, por proposta do ministro para as Administracións Públicas, e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 28 de decembro de 1990,

 

DISPOÑO:

 

1. Apróbase o acordo da comisión mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía para Galicia, adoptado na data do 27 de decembro de 1990, polo que se traspasan as funcións do Instituto Nacional de Saúde a Galicia, así como os correspondentes servicios e institucións e medios persoais, materiais e presupostarios precisos para o exercicio daquelas.

 

2. En consecuencia quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións a que se refire o acordo que se inclúe como anexo do presente real decreto e os servicios e institucións e os bens, dereitos e obrigas, así como o persoal que figura nas relacións adxuntas o propio acordo da comisión mixta nos termos e condicións que alí se especifican, así como os créditos presupostarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

 

3. Os traspasos a que se refire este real decreto terán efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 1991, sinalado no acordo da mencionada comisión mixta.

 

4. O presente real decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

 

ANEXO

 

María Teresa Elías Díez e Manuel Silva Romero, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado - Comunidade Autónoma de Galicia, prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía de Galicia. 

CERTIFICAN:

 

Que na sesión plenaria da comisión, celebrada o día 27 de decembro de 1990, adoptouse acordo sobre traspaso a Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios do Instituto Nacional de Saúde, nos termos que de seguido se expresan:

 

A)Referencias a normas constitucionais, estatutarias e legais nas que se amparan as transferencias.

A Constitución, no seu artigo 149.1. 16ª e 17ª, resérvalle ó Estado a competencia exclusiva sobre a "sanidade exterior. Bases e coordinación xeral da sanidade. Lexislación sobre productos farmacéuticos", así como a "lexislación básica e réxime económico da Seguridade Social, sen prexuízo da execución dos seus servicios polas comunidades autónomas".

Pola súa banda, o Estatuto de Autonomía da Comunidade galega establece, no seu artigo 33, o seguinte:

1. «Correspóndelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior».

2. «En materia de Seguridade Social, correspondenralle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e de execución da lexislación básica do Estado, salvo as normas que configuran o réxime económico dela. Correspóndelle tamén á Comunidade Autónoma a xestión do réxime económico da Seguridade Social en Galicia, sen prexuízo da Caixa Única».

3. «Corresponderalle tamén á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado sobre productos farmacéuticos».

4. «A Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coas materias aantes expresadas, e exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social, e o Estado reserva para si a alta inspección conducente ó cumprimento das funcións e competencias contidas neste artigo».

Por outra banda, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, crea o Sistema nacional de
Saúde como conxunto dos servicios de saúde da Administración do Estado e dos servicios de saúde das comunidades autónomas, convenientemente coordinados, establecendo, en concreto, a disposición sexta 1, que «os centros sanitarios da Seguridade Social quedarán integrados no Servicio de Saúde só nos casos en que a Comunidade Autónoma asumise competencias en materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social de acordo co seu estatuto». Finalmente, a disposición transitoria cuarta da citada lei establece «as posibles transferencias que hai que realizar en materia de xestión da asistencia sanitaria da Seguridade Social a favor das comunidades autónomas, que poidan asumir esa xestión, deberanse acomodar ós principios establecidos nesta lei».

Tendo en conta as anteriores previsións, é legalmente posible que a Comunidade Autónoma de Galicia ostente e faga efectivas as súas competencias en materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social, polo que se procede a realizar

transferencias de funcións e servicios desa índole a aquela.

 

B) Funcións que asume a Comunidade Autónoma e identificación dos servicios que se traspasan.

1.º Traspásanselle á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do seu ámbito territorial, e nos termos do presente acordo e dos reais decretos e demais normas que o fagan efectivo e se publiquen no Boletín Oficial del Estado, as seguintes funcións e servicios que viña realizando o Instituto Nacional da Saúde en materia de Seguridade Social:

a) Os servicios e funcións correspondentes ós centros e establecementos sanitarios, asistenciais e administrativos da Seguridade Social xestionados polo Instituto Nacional da Saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os servicios e funcións encomendados pola lexislación vixente ás direccións provinciais da expresada entidade xestora da Seguridade Social na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as funcións correspondentes ó Ministerio de Sanidade e Consumo con respecto ás ditas direccións provinciais.

c) A elaboración e a execución dos plans de investimento que se aproben en materia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a xestión dos investimentos en curso con atribución global dos créditos para estes efectos dentro dos límites presupostarios, de acordo coa normativa reguladora do réxime económico da Seguridade Social, no contexto da planificación asistencial xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa lexislación básica do Estado sobre a materia.

d) A contratación, xestión, actualización e resolución dos concertos con entidades e institucións sanitarias ou asistenciais que presten servicios na Comunidade Autónoma de Galicia, dentro dos límites presupostarios.

A partir da efectividade do traspaso destas funcións, a Comunidade Autónoma de Galicia subrogarase ós concertos en vigor entre o Instituto Nacional de Saúde e outros organismos e entidades, ata extinguírense os ditos concertos.

e) A creación, transformación e ampliación, dentro dos límites presupostarios, así como a clasificación e supresión dos centros e establecementos sanitarios en réxime ordinario ou experimental, e dos centros asistenciais e administrativos do INSALUD na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa lexislación básica do Estado.

f) As funcións de xestión que realiza o Instituto Nacional de Saúde a través dos seus servicios centrais, no que se refire ó territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e, entre elas, a inspección de servicios e a xestión das prestacións sanitarias da Seguridade Social.

g) A planificación de programas e medidas de asistencia sanitaria da Seguridade Social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa lexislación básica do Estado.

h) A análise e avaliación do desenvolvemento e resultados da acción sanitaria da Seguridade Social na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) A organización e réxime de funcionamento dos centros e servicios de asistencia sanitaria da Seguridade Social na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a definición de criterios xerais para a avaliación da eficacia e rendemento dos programas, centros ou servicios sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, todo iso de acordo coa normativa básica do Estado e a normativa reguladora do réxime económico da Seguridade Social.

A xestión dos centros, establecementos e servicios, así como das funcións que se traspasan realizarase de acordo coa lexislación básica do Estado. Igualmente a Comunidade Autónoma axustarase á normativa xeral da Seguridade Social no relativo á determinación dos beneficiarios, requisitos e intensidade da acción protectora e réximes económico -financeiro e económico- administrativo.

2º Para a efectividade das funcións relacionadas, traspásanselle á Comunidade Autónoma de Galicia, receptora delas, os servicios e institucións do seu ámbito territorial, que se detallan na relación número 1, adxunta ó acordo.

 

C) Competencias, servicios e funcións que reserva para si a Administración do Estado.

Como consecuencia da relación de competencias que permanecen no ámbito da titularidade estatal, a Administración do Estado exercerá as seguintes funcións e actividades:

a) As actuacións que se establecen no artigo 40 da lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

b) O exercicio da alta inspección, de acordo co establecido na Constitución e nos termos previstos no artigo 43 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

c) A coordinación xeral sanitaria, de acordo co previsto na Constitución e nos termos establecidos no capítulo IV do título III da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

d) As relacións e acordos sanitarios inter-nacionais.

 

D) Funcións nas que teñen que concorrer a Administración do Estado e da Comunidade Autónoma.

Vanse levar a cabo coordinadamente, entre o Insalud e a Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes funcións:

a) O intercambio de información en materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social, así como o asesoramento e cooperación con carácter permanente.

b) A elaboración de estudios e proxectos conxuntos, así como a realización de propostas tendentes ó perfeccionamento da acción sanitaria da Seguridade Social e a elaboración en accións programadas de interese xeral.

c) O desenvolvemento dos programas de informática de proxección estatal e o acceso á información derivada deles.

d) O intercambio de información sobre conflictos laborais que poidan producirse nos centros e servicios sanitarios da Seguridade Social.

e) A participación, cando a Comunidade Autónoma o solicitase da Oficina Técnica do Instituto Nacional de Saúde, nos aspectos xeolóxicos, arquitectónicos, de enxeñería e mantemento dos centros sanitarios.

f) A coordinación entre o Consello Xeral do Instituto Nacional de Saúde e o órgano de participación que se derive do previsto na lei que regule o Servicio Galego de Saúde.

g) Calquera outra que poida contribuír á mellor relación e coordinación entre a Administración do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

 

E) Réxime financeiro e presupostario.

a) Corresponderalle á Comunidade Autónoma de Galicia elaborar anualmente o anteproxecto de gastos de asistencia sanitaria nos servicios traspasados do Instituto Nacional da Saúde, referido a un período anual e ó ámbito territorial da dita comunidade.

b) O referido anteproxecto, que se adaptará á estructura e clasificación orgánica, económica, funcional e por programas que o Ministerio de Traballo e Seguridade Social teña establecido para o sistema da Seguridade Social, remitirase acompañado dos seguintes documentos:

1. Memoria explicativa.

2. Informe económico-financeiro.

c) O Ministerio de Sanidade e Consumo, a través dos órganos competentes, procederá á elaboración do presuposto agregado de ámbito estatal na área da súa competencia. Durante o proceso de elaboración do presuposto agregado darase audiencia á Comunidade Autónoma.

d) Os órganos competentes da Administración do Estado adaptarán as necesidades expostas no anteproxecto do presuposto ós recursos dispoñibles do sistema da Seguridade Social e presentarano posteriormente ás Cortes Xerais para o someter á súa aprobación. A distribución das dotacións totais do Instituto Nacional da Saúde realizarase segundo modelos que atendan simultaneamente a criterios de equidade, que garanta o principio de solidariedade interterritorial e á cobertura financeira dos servicios dos que foi transferida a xestión.

e) A determinación do presuposto de gasto que, con cargo ó presuposto do INSALUD, deba facerse anualmente a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para atende-lo financiamen
to dos servicios obxecto do presente traspaso, farase conforme os seguintes principios:

1. A asignación de créditos farase en función do coeficiente de poboación protexida.

2. Conforme o establecido no artigo 82 da Lei xeral de sanidade, pártese para o exercicio de 1991 da porcentaxe de custo efectivo. A diferencia existente entre a porcentaxe correspon-dente á poboación protexida e a que representou no exercicio de 1990, o custo dos servicios no territorio da Comunidade Autónoma respecto da liquidación total dos servicios do Instituto Nacional da Saúde nese mesmo exercicio, anularase, reducíndose ou incrementándose, nun dez por cento dela, nun período de dez anos, que se iniciará no momento de se produciren os efectos do seguinte traspaso.

O mencionado criterio de distribución de custo dos servicios aplicaráselle ó presuposto global de gastos do INSALUD aprobado para 1989, así como para 1990.

Non obstante, e mentres non se coñeza a liquidación de 1990, utilizaranse os datos de liquidación de 1989.

3. A base sobre a que se aplicará o coeficiente fixado conforme o establecido nos dous números anteriores, estará constituída polo presuposto total do INSALUD que resulte da aprobación polas Cortes Xerais do presuposto resume da Seguridade Social, feitas en aquel as seguintes deduccións:

3.1 Os gastos presupostarios necesarios para atende-los servicios comúns estatais.

3.2 Os gastos presupostarios destinados a financia-los servicios relativos a centros especiais que polo seu carácter sexa preciso xestionar de forma centralizada.

f) Os créditos que corresponden á comunidade polos servicios traspasados do INSALUD instrumentaranse anualmente a favor da Comunidade Autónoma de Galicia por acordo conxunto do Ministerio de Sanidade e Consumo e Economía e Facenda, garantíndose unha habilitación mensual de crédito equivalente á doceava parte.

Estes créditos terán carácter limitativo.

Os compromisos de gastos que se adquiran por contía superior ó que resulta do establecido nesta alínea deberán ser financiados con recursos achegados pola propia Comunidade Autónoma, a non ser que proveñan das disposicións vinculantes dictadas con carácter xeral para todo o territorio do Estado, das que o cumprimento leve implícito un incremento efectivo do gasto.

Non obstante, ó final de cada exercicio presupostario, a porcentaxe de desviación positiva ou negativa que puidese experimenta-la execución do presuposto do Instituto Nacional da Saúde non transferido, respecto do seu correspondente presuposto inicial, deducidos os gastos correspondentes ós servicios comúns estatais e os relativos proporcionalmente a centros especiais, que requiran xestión centralizada, aplicaráselle ó presuposto inicial de gastos asignado á Comunidade Autónoma de Galicia para financia-los servicios transferidos do INSALUD.

g) A Xunta de Galicia, en exercicio das funcións de xestión dos servicios traspasados, poderá levar a cabo no presuposto de gastos asignados, conforme a alínea f), as modificacións presu-postarias que sexan necesarias, así como tamén establece-las bases ou directrices da dita xestión, respetando en todo caso, salvo no aspecto orgánico, os principios contidos no texto refundido da Lei 11/1987, do 4 de xaneiro, xeral presupostaria, aprobado por Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro.

h) O órgano que ó respecto estableza a Xunta de Galicia será o ordenador de pagamentos con cargo ós créditos asignados conforme o establecido na alínea f). Tales pagamentos faraos efectivos o órgano que determine a Comunidade Autónoma, que poderá, para estes efectos, encamiñalos a través da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

i) A partir do 1 de xaneiro de 1991, os compromisos de gastos non recoñecidos nesta data polos servicios centrais do Instituto Nacional da Saúde, serán contraídos con cargo ós créditos da Comunidade Autónoma de Galicia, por considerar que se atopan financiados polas desviacións previstas no último parágrafo da alínea f).

j) A Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Sanidade e Consumo intercam-biarán a información que para efectos estadísticos se estableza.

A Comunidade Autónoma de Galicia, igualmente, queda sometida ó réxime de contabili-dade pública e deberá dar contas das súas operacións ó Tribunal de Contas.

k) Co fin de poder elabora-las contas e balances da Seguridade Social para presentar nas Cortes Xerais, conforme o establecido no artigo 148.2 do citado texto refundido da Lei xeral de presupostos, a Comunidade Autónoma remitirá ó Ministerio de Sanidade e Consumo para a súa consolidación e integración polos órganos competentes nas do total do sistema a documen-tacion contable relativa ó cerramento do exercicio na forma e prazos que estableza ó Ministerio de Traballo e Seguridade Social, con carácter xeral para todo o territorio español.

 

F) Bens, dereitos e obrigacións do Estado que se traspasan.

1. Traspásaselle á Comunidade Autónoma de Galicia os bens, dereitos e obrigacións do Instituto Nacional da Saúde que corresponden ós servicios traspasados.

2. No prazo de un mes desde a efectividade deste acordo o Goberno asinará as correspon-dentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

3. Adscríbense á Comunidade Autónoma de Galicia os bens patrimoniais afectados ó Instituto Nacional da Saúde que se recollen no inventario detallado da relación adxunta número 1.

Esta adscrición enténdese sen prexuízo da unidade do patrimonio da Seguridade Social, distinto do Estado e afecto ó cumprimento dos seus fins específicos e do que a titularidade lle corresponde á Tesourería Xeral da Seguridade Social.

As novas adscricións de bens á Comunidade Autónoma de Galicia, así como o cambio de destino dos xa adscritos e a súa retrocesión, se é o caso, á Seguridade Social, axustaranse ó procedemento que por convenio se estableza de acordo coa lexislación básica do Estado.

Mentres non se formalice o citado convenio, as novas adscricións de inmobles, autorizadas polo Consello de Ministros, non precisarán de formalización mediante acordo específico do pleno da comisión mixta. Será suficiente, para a súa efectividade, a asinatura polos representantes autorizados da Tesourería Xeral da Seguridade Social e da Comunidade Autónoma da correspondente acta de posta á disposición, da que se remitirá un exemplar, para a súa constancia, custodia e arquivo, á secretaría da comisión mixta.

 

G) Persoal e vacantes adscritos ós servicios e institucións que se traspasan.

1. O persoal e postos de traballo vacantes adscritos ós servicios e institucións traspasados, e que se referencian nominalmente na relación adxunta número 2, seguirán con esta adscrición, e pasarán a depender da Xunta de Galicia, nos termos legalmente previstos polo Estatuto de Autonomía, no capítulo VI do título III da Lei xeral de sanidade e as demais normas que en cada caso resulten aplicables e nas mesmas circunstancias que se especifican na relación adxunta.

2. O Instituto Nacional da Saúde, ou demáis órganos competentes en materia de persoal, notificaralles ós interesados o traspaso. Así mesmo, remitirase ós órganos competentes da Xunta de Galicia, unha copia certificada de tódolos expedientes de persoal traspasado, así como certíficados de haberes referidos ás cantidades devengadas durante 1990.

 

H) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega de documentación e expedientes dos servicios traspasados, cos correspondentes inventarios, realizaraas no prazo de un mes desde a data de efectividade deste acordo o Consello de Ministros.

 

I) Data de efectividade das transferencias.

Os traspasos de funcións e medios obxecto deste acordo terán efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 1991.