Orde do 20 de setembro de 1988 pola que se regula o uso de productos de limpeza, desinfectantes, raticidas e substancias tóxicas ou perigosas nos establecementos de restauración.

O uso de productos de limpeza, desinfección, desinsectación, desratización e substancias tóxicas ou perigosas nos establecementos de restauración pode dar lugar a accidentes nos consumidores cando non se contemplan as adecuadas normas de seguridade na súa manipulación e almacenamento.

De feito, aínda que de maneira ocasional, preséntanse casos de intoxicacións ou causticacións debidos á inxestión de substancias ou productos químicos, ó seren expendidos por erro ou incorporárense ós propios alimentos ou bebidas por unha inadecuada manipulación.

Xa que logo, faise necesario regula-lo uso destes productos en todos aqueles establecementos nos que a actividade é o servicio ó público de alimentos e/ou bebidas, xa sexan de consumo no propio establecemento ou no seu exterior, co obxecto de evita-los riscos que para a saúde pública poidan ocasionar.

Na súa virtude,

 

DISPOÑO:

 

1. Os productos de limpeza, desifección, desinsectación, desratización e calquera outra substancia tóxica ou perigosa non poderán permanecer nos obradoiros, cociñas, lugares de despacho ó público e zonas de almacenamento de alimentos e/ou bebidas dos establecementos de restauración.

 

2. Queda prohibido o uso de envases ou recipientes que con anterioridade contivesen alimentos ou bebidas, ou que poidan contelos no futuro, para gardar ou manipula-los productos a que se refire o artigo 1º.

 

3. Os envases vacíos de alimentos e/ou bebidas deberán eliminarse ou depositarse nos sitios afastados dos lugares de almacenamento dos productos de limpeza, desinfección, desinsectación, desratización e substancias potencialmente tóxicas ou perigosas.

 

4. Os productos ós que se refire o artigo 1º conservaranse nos seus recipientes de orixe. Non obstante, no caso de que o volume ou a concentración obrigue a fracciona-lo contido do envase, poderanse utilizar receptáculos de igual ou menor capacidade, perfectamente identificados, sen que en ningún caso poidan utilizarse para o dito fin envases ou recipientes nos que a finalidade xenérica sexa o uso alimentario.

 

5. Os productos desinfectantes, desinsectantes, ambientadores, etc, soamente poderán ser utilizados cando non exista posibilidade de contamina-los alimentos ou as bebidas. Cando estes estean presentes, deberán permanecer suficientemente protexidos do seu entorno, co obxecto de evita-la súa impregnación.

 

6. O incumprimento do disposto na presente Orde será sancionado de acordo co establecido no Decreto 157/1985, do 11 de xullo, da Xunta de Galicia.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

A presente Orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también