Orde do 25 de abril de 1994 pola que se regula o establecemento de convenios de cooperación con concellos que desenvolvan programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas a través de unidades e servicios asistenciais xestionados polas ditas entidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 27.23º e 33.1º, atribúelle á Comunidade Autónoma galega, competencia exclusiva en materia de asistencia social e de desenvolvemento lexislativo e de execución da lexislación do Estado en materia de sanidade interior, respectivamente.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia é o órgano administrativo da Comunidade Autónoma Galega que, coa coor-dinación e asesoría da Comisión Galega de Prevención e Loita contra a Drogodependencia, se ocupa da planificación e xestión dos programas que configuran o Plan Autonómico sobre Drogodependencias de Galicia. Neste ámbito de actuación, faise aconsellable elaborar un procedemento que facilite, garanta e lle dea continuidade á prestación de servicios que as asociacións lles veñen dispensando ós drogodependentes nos centros xestionados por elas, e permita promover accións conxuntas entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os ditos concellos.

Estas accións enmárcanse no principio de corresponsabilidade social, entendida como a necesidade da participación de toda a sociedade na atención ós problemas derivados do consumo de drogas, pois é ó Plan Autonómico sobre Drogodependencias, ó que lle corresponde a planificación e coordinación das actuacións que se dean neste ámbito, e a atención pública a esta problemática, tanto dos afectados como das súas familias.

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 36.4º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a regulación dun réxime de convenios de cooperación entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os concellos que desenvolvan programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas.

 

2. Requisitos.

1.- Os concellos deberán prestar, en centros xestionados por elas, servicios sanitario-asistenciais a persoas con problemas derivados do consumo de drogas, atendendo á planificación e criterios do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, especialmente, ós principios de anonimato, voluntariedade e gratuidade da asistencia.

2.- Os centros deberán estar situados na Comunidade Autónoma Galega e regulados e autorizados de acordo co prescrito na Orde do 7 de xullo de 1988 (D.O.G. nº 195, do 10 de outubro), segundo a seguinte tipoloxía:

- Unidade asistenciais de drogodependencias.

- Unidades de día.

- Comunidades terapéuticas.

 

3. Contido dos convenios.

O réxime de funcionamento e criterios da admisión dos usuarios, xustificación dos pagamentos, obrigas do centro e demais cuestións que afecten as partes asinantes, especifícanse nas cláusulas do modelo de convenio que figura como anexo I a esta orde.

 

4. Instruccións do expediente administrativo.

A tramitación do expediente administrativo que permita valora-la posible subscrición dos convenios, iniciarase coa previa solicitude dirixida ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, segundo modelo normalizado que figura no anexo II da presente orde, á que se lle xuntarán os seguintes documentos:

1. Certificado do acordo da Comisión de Goberno na que se decida realizar esta solicitude.

2. Memoria económica do ano anterior da unidade ou servicio, segundo o modelo normalizado que figura no documento 1 do anexo III, así como o detalle das operacións financieiras ás que se refire o documento 2 do anexo citado. Detallarase segundo o documento 3 deste anexo a remuneración percibida por cada un dos profesionais do dispositivo asistencial, así como o tipo de contrato.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

4. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da contía que corresponda.

5. Memoria descritiva, que incluirá:

a) Data de inicio de funcionamento do dispositivo asistencial, presentando documentación que o acredite.

b) Horario de funcionamento, presentando documentación que o acredite.

c) Criterios xerais de funcionamento.

d) Cadro de persoal coas súas titulacións, detallando as dedicacións e o organigrama do dispositivo asistencial. Presentarase o currículum vitae dos profesionais de nova contratación.

6. Orzamento de ingresos e gastos da unidade ou servicio para o ano en curso segundo o modelo normalizado que figura no documento 1 do anexo IV, así como o detalle das operacións financieiras ás que se refire o documento 2 do anexo citado. Detallarase segundo o documento 3 deste anexo, a renumeración percibida por cada un dos profesionais do dispositivo asistencial así como o tipo de contrato.

No caso de que dependentes dun mesmo concello, existan varios centros para os que se solicite axuda, presentarase a documentación sinalada nos puntos 2, 5 e 6 para cada un deles.

 

5. Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais.

2. A solicitude e documentación requerida entregarase no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, 2º, en Santiago de Compostela; delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou mediante calquera outra forma admitida pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

3. Unha vez presentadas, comprobarase que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e no caso de que a documentación resultase incompleta ou defectuosa requerirase ós solicitantes para que, nun prazo de 10 días hábiles, acheguen a documentación necesaria ou emenden os defectos observados, co apercibimento de que se así non se fixese se arquivará o expediente sen máis trámite.

 

6. Criterios e prioridades na subscrición de convenios.

A subscrición dos convenios e a determinación da contía da contraprestación, serán acordadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais no marco das dispoñibilidades orzamentarias.

Teranse en conta os seguintes criterios e prioridades referidos, se é o caso, a pacientes, casos e consultas de drogodependencias:

1. Adecuación do centro á distribución territorial prevista no Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

2. Número de casos novos atendidos durante a ano anterior segundo os criterios do Sistema Estatal de Información sobre Toxicomanías (SEIT).

3. Índices de actividade mensual/anual segundo os indicadores do SIPA (Subprograma de Indicadores de Prevención e Asistencia) do ano anterior:

- Índice a): resultante de dividi-lo número de pacientes atendidos entre os profesionais do dispositivo.

- Índice b): resultante de dividi-lo número de consultas realizadas entre o número de profesionais do dispositivo.

4. Índices custo/actividade segundo os indicadores do SIPA:

- Índice a): resultante de dividi-lo orzamento anual do dispositivo entre o número de pacientes atendidos durante o ano.

- Índice b): resultante de dividi-lo orzamento anual do dispositivo entre o número de casos novos atendidos durante o ano.

5. Voluntariedade e gratuidade da asistencia.

6. Cobertura do servicio en horario de mañá e tarde.

7. Coordinación cos servicios sociais e sanitarios da área asignada.

8. Axuste, se é o caso, da memoria económica co orzamento presentado o ano anterior.

9. Valoración do cumprimento dos compromisos contraídos en virtude da sinatura do convenio do ano precedente.

 

7. Formalización dos convenios e orde de prelación.

1. Instruído o expediente, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, unha vez determinada a súa aportación e realizados os trámites, cando proceda, de autorización do Consello da Xunta de Galicia conforme o disposto na Resolución do 8 de abril de 1991, procederá á súa resolución, comunicando, se é o caso, ós interesados a decisión de asina-lo correspondente convenio segundo o modelo establecido no anexo I da presente orde.

2. Terán preferencia para a formalización do convenio os concellos que subscribisen un convenio con este mesmo fin o ano anterior.

 

8. Vixencia e prórroga do convenio.

O convenio subscrito producirá efectos desde o 1 de xaneiro de 1994 e a duración deste fixarase ata o 31 de decembro de 1994, quedando tacitamente prorrogado, por anos sucesivos, salvo denuncia expresa das partes con un mes de antelación. Non obstante, a dita prórroga tácita, que producirá efecto desde o 1 de xaneiro do ano en que se subscriba, quedará condicionada ó cumprimento dos seguintes requisitos:

1. Existencia de crédito orzamentario suficiente para o exercicio de que se trate.

2. Fiscalización pola intervención do correspondente expediente de gasto, e nos casos ós que se refire a Resolución do 8 de abril de 1991 sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, aprobación polo Consello da Xunta de Galicia.

3. Cumprimento, por parte da entidade, das obrigas contraídas coa sinatura do convenio que figura como anexo I a esta orde. Para estes efectos, o concello deberá remitirlle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais os documentos pertinentes, sendo a data tope para a súa remisión o 31 de xaneiro do ano seguinte ó da formalización do convenio.

 

9. Duplicidade de aportacións.

As posibles aportacións, tanto da Consellería de Sanidade e Servicios Socias, coma outras procedentes de institucións públicas ou privadas, en ningún caso poderán implicar duplicidade, de tal modo que a suma dos ingresos non poderá supera-lo 100% do gasto efectuado.

Os concellos deberán ter consignados nos seus orzamentos fondos propios para o funcionamento dos devanditos centros.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, periodicamente, abrirá un prazo de presentación de solicitudes para subscrición, se procede, de novos convenios.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- As obrigas económicas que por efecto da sinatura deses convenios asume a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para o ano 1994, satisfaranse con cargo á aplicación 11.01.313A.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, ata o total do seu importe, así como doutros créditos que no futuro se consignen para tal fin.

 

Segunda.- O prazo de presentación das solicitudes correspondentes ó exercicio de 1994 será de 20 días naturais contados a partir da publicación deste orde no D.O.G.

 

Terceira.- Para o ano 1994 a memoria económica a que se refiere o artigo 6º 8 deberá axustarse ó orzamento presentado na convocatoria de subvencións para o ano 1993 (Orde do 22 de febreiro, D.O.G. nº 43, do 5 de marzo de 1993).

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o mellor desenvolvemento e execución desta orde.

 

ANEXO I

 

Convenio de cooperación para o desenvolvemento de programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas.

 

REUNIDOS:

 

Dunha parte: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, José Manuel Romay Beccaría, actuando en representación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, en virtude das facultades atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e polo artigo 8 do Decreto 291/1993, do 11 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Sanidade e Servicios Sociais.

 

E por outra: Don/Dona ..., con DNI ...,que actúa en nome e representación do concello ... en virtude da súa condición de alcalde-presidente del.

 

MANIFESTAN:

 

Primeiro.- Que o Plan Autonómico sobre Drogodependencias (PAD) da Comunidade Autónoma de Galicia en coordinación co Plan Nacional sobre Drogas (PNsD) integra medidas dirixidas a reduci-la demanda do consumo de drogas así como outras encamiñadas ó tratamento dos problemas derivados do devandito consumo.

 

Segundo.- Que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia é o órgano administrativo da Comunidade Autónoma Galega que, coa coordinación e asesoría da Comisión Galega de Prevención e Loita contra o Drogodependencia, se ocupa da planificación, coordinación e xestión, se é o caso, dos programas que configuran o Plan Autonómico sobre Drogodependencias de Galicia.

 

Terceiro.- Que ámbalas dúas partes consideran esencial o establecemento de accións conxuntas para efectos do desenvolvemento de medidas e accións contidas no Plan Autonómico sobre Drogodependencias co fin de reducir, na medida do posible, a problemática derivada do consumo de drogas na Comunidade Autónoma galega.

 

Por conseguinte, tendo en conta as manifestacións anteriores, as partes que interveñen neste acto, en virtude da representación que ostentan formalizan o presente convenio de acordo coas seguintes:

 

CLÁUSULAS:

 

Primeira.- Constitúe o obxecto do presente convenio a cooperación entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o concello ... para a prestación de servicios sanitario-asistenciais a persoas con problemas derivados do consumo de drogas, atendendo á planificación e criterios do Plan Autónomico sobre Drogodependencias e especialmente ós principios de anonimato, voluntariedade e gratuidade da asistencia.

 

Segunda.- A prestación dos mencionados servicios levarase a cabo en:

- A Unidade Asistencial de Drogodependencias de ... sita en ..., estando o mencionado servicio debidamente autorizado perante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais segundo o establecido no Orde do 7 de xullo de 1988 (D.O.G. nº 195, do 10 de outubro), segundo Resolución do ... de ...

- A Unidade de Día de ... sita en ..., estando o mencionado servicio debidamente autorizado perante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais segundo o establecido na Orde do 7 de xullo de 1988 (D.O.G. nº 195, do 10 de outubro), segundo Resolución do ... de ...

- Na Comunidade Terapéutica de ... sita en ..., estando o mencionado servicio debidamente autorizado perante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais segundo o establecido na Orde do 7 de xullo de 1988 (D.O.G. nº 195, do 10 de outubro), segundo Resolución do ... de ...

 

Terceira.- O Concello de ... comprométese a levar a cabo como mínimo os seguintes programas:

- Libre de drogas.

- Mantemento con antagonistas opiáceos.

- Mantemento con derivados opiáceos.

...

...

 

Cuarta.- O Concello de ... acepta os seguintes compromisos:

a) Someterse ás medidas de coordinación e programación dispostas polo Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Aceptar e colaborar coas medidas que a Xunta de Galicia considere conveniente realizar para comproba-lo cumprimento do fin para o que se subscribe o presente convenio.

c) Os membros do equipo técnico participarán, por petición do Comisionado do Plan Autónomico sobre Drogodependencias, nos traballos de elaboración, desenvolvemento, avaliación e seguimento dos programas do PAD que o dito departamento coide oportuno para o mellor de-senvolvemento do conxunto do plan. Neste sentido os ditos centros e os seus equipos técnicos dependerán funcionalmente do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

d) Coordinarse con outros centros e servicios incluídos dentro do PAD co fin de asegura-lo principio de continuidade terapéutica do plan.

e) Levar actualizado o Sistema de Avaliación Asistencial (SAA), notificando coa periodicidade establecida nel os distintos instrumentos que o compoñen.

f) Levar un libro rexistro diario no que figurarán as intervencións asistenciais realizadas no día. Este libro é proporcionado polo PAD e deberán solicitarse novos exemplares cun mes de anticipación sobre a data prevista de finalización do anterior.

g) Levar un libro de citas onde se recollerá o día no que se verá de novo o paciente e o/os terapeuta/s que se encargará/n de atendelo. Este libro é proporcionado polo Plan Autonómico sobre Drogodependencias e deberán solicitarse novos exemplares cun mes de antelación sobre a data prevista de finalización do anterior.

h) Manter identificado o dispositivo cunha placa segundo o modelo que figura no anexo deste covenio.

i) Incluír en todo o material impreso que utilicen o anagrama da Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Plan Autonómico sobre Drogodependencias

j) Comunicar calquera cambio no cadro de persoal, especificando o motivo del e xuntando currículum vitae do novo profesional contratado.

k) Atender debidamente e, en todo caso, de acordo co código deontolóxico profesional respectivo, toda demanda, excepto urxencias-e non se dispón dos medios necesarios- que por casos de drogodependencias se produzan na área sanitaria de ...

l) Colaborar na adopción de calquera outra medida adoptada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a Comisión Galega de Prevención e Loita contra a Drogodependencia que permitan o bo desenvolvemento do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

Quinta.- O funcionamento, en canto a programas de prevención, asistencia, reinserción, formación, investigación ou de calquera outra área de intervención levado a cabo en materia de drogodependencias polos ditos centros deberá de estar coordinado dentro do Plan Autonómico sobre Drogodependencias. Se os centros poñen en marcha outros programas, ademais dos establecidos no marco do PAD, deberán de ser postos en coñecemento do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Para tal efecto presentarán un proxecto que constará, polo menos, dos seguintes apartados: 
1. Denominación. 
2. Poboación á que se dirixe. 
3. Obxectivos que se pretenden acadar. 
4. Actividades que se pretenden realizar. 
5. Recursos materiais e humanos precisos para levalo a cabo. 
6. Avaliación dos obxectivos e metodoloxía dela.

Sexta.- A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comprométese a aboar para o exercicio de 1994 a cantidade de ... ptas., que se satisfarán con cargo á aplicación orzamentaria...

 

Sétima.- A contía indicada no acordo anterior farase efectiva do seguinte xeito:

- O primeiro 75% logo da presentación por parte do concello de ... dunha memoria coa descrición do programa de actividades que se van realizar durante o ano.

- O 25% restante librarase cando se xustifique o gasto total. Este deberá acreditarse cunha certificación do interventor do concello, co visto e prace do alcalde, conforme o destino da contía total concedida foi o de sufraga-los gastos derivados do desenvolvemento dos programas de tratamento de drogodependencias non exclusivamente alcohólicas realizadas no centro.

 

Oitava.- A falta de xustificación dos gastos nos termos establecidos no presente convenio, a falsidade dos datos achegados para este fin ou unha aplicación distinta á sinalada na solicitude dará lugar ó reintegro do importe percibido e dos xuros de demora. De igual modo procederá o seu reintegro cando os centros non cumpran os compromisos contraídos en virtude da sinatura do presente convenio.

 

Novena.- En ningún caso existirá relación laboral entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os profesionais que lle prestan os seus servicios o concello.

 

Décima.- O presente convenio terá carácter administrativo, rexéndose nos seus efectos polo establecido nas súas cláusulas ou, no seu defecto, polo establecido na Lei de contratos do Estado, a teor do disposto no artigo 2.4º.

 

Décimo primeira.- O convenio subscrito entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1994, e a súa duración fíxase ata o 31 de decembro de 1994, sendo prorrogable por anos naturais de acordo co disposto na Orde do ... de ... de 1994, pola que se regula o establecemento de convenios de cooperación con concellos que desenvolvan programas de tratamento de drogodependenicas non exclusivamente alcohólicas a través de unidades e servicios asistenciais xestionados polas ditas entidades.

 

Décimo segunda.- Son causas de resolución do presente convenio:

a) O incumprimento total ou parcial dalgunha das súas cláusulas.

b) A introducción de modificacións nas directrices dos programas sen contar coa previa autorización escrita do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

c) A desviación dos fondos outorgados para outro fin distinto do que motivou a concesión.

 

E en proba de conformidade, nos termos do convenio, as partes comparecentes asínano e rubrícano en cuadriplicado exemplar no lugar e data antes citados.

Vease también