Orde do 21 de setembro de 1995 pola que se establecen os prezos privados por servicios prestados nos laboratorios dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

 

A Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo I do título II, que os prezos privados serán fixados polas consellerías atendendo ás condicións e circunstancias do mercado no que operen.

A Lei 8/1991 do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Sergas, establece no seu artigo 4 d) como competencia da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, aproba-los módulos económicos para a prestación de servicios propios e concertados, así como a súa modificación e revisión.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través dos laboratorios das distintas delegacións provinciais vén prestando de xeito asiduo unha serie de servicios nos que existe concorrencia coa oferta privada, en consecuencia, o seu prezo como o de todos aqueles que non se recollen na presente orde é o de mercado.

En virtude de todo isto, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Económicos e logo do informe da Consellería de Economía e Facenda,

 

DISPOÑO:

 

1. Atendendo ás condicións e circunstancias de mercado fíxanse os prezos privados como consecuencia da prestación de determinados servicios polos laboratorios dependentes da Consellería de Sanidade e Servicio Sociais que aparecen recollidas no anexo da presente orde.

 

2. As tarifas fixadas no anexo enténdense, se é o caso, co IVE incluído.

 

3. Estarán exentos do pagamento as análises que se soliciten como consecuencia dun procedemento que se realice a instancias dun organismo da Comunidade Autónoma, así como aquelas análises que se realicen como consecuencia dunha denuncia pública.

 

4. Os ingresos que se produzan consignaranse no código de ingresos nº 362300, en cumprimento da orde da Consellería de Economía e Facenda do 29-6-1994 no seu anexo I.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no D.O.G.