Orde
do 26 de agosto de 1996 pola que se precisa a efectividade económica do novo
modelo retributivo das unidades e servicios de atención primaria establecido no
Decreto 226/1996, do 25 de abril.
Polo Decreto 226/1996, do 25 de abril, regulouse no ámbito da Comunidade
Autónoma de Galicia o réxime retributivo do persoal das unidades e servicios de
atención primaria.
De conformidade co previsto na disposición derradeira do
devandito decreto, este sistema retributivo só se fará efectivo coa adopción
das medidas de execución e desenvolvemento que dicte a Consellería de Sanidade
e Servicios Sociais.
Para estes efectos, esta consellería, en uso das súas
facultades,
DISPÓN:
1. O persoal
estatutario que desempeñe postos de traballo das unidades e servicios de
atención primaria de Galicia retribuídos de conformidade co Real decreto lei
3/1987, do 11 de setembro, correspondentes ás categorías de médicos xerais,
pediatras, odontólogos, ATS/DUE, fisioterapeutas e asistentes sociais,
percibirá as súas remuneracións de conformidade co sistema establecido no
Decreto 226/96, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do
persoal das unidades e servicios de atención primaria con efectividade
económica do día 1 de setembro do presente ano.
2. O persoal ó
que fai referencia a disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do
29 de xullo, na súa redacción dada polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, que
pase a desempeñar postos de traballo nas unidades e servicios de atención
primaria como consecuencia da integración á que fai referencia a devandita
disposición, percibirá as súas remuneracións de conformidade co sistema
establecido no Decreto 226/1996, do 25 de abril, con efectividade económica da
data de aprobación da referida integración.
3. O persoal que
desempeñe postos de traballo de categorías relacionadas na disposición
adicional primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, na súa redacción dada
polo Decreto 161/1996, do 25 de abril, que non ostente a condición de
propietario, será remunerado de conformidade co sistema establecido no Decreto
226/96, do 25 de abril, con efectividade desde a data na que o seu posto de
traballo pase a integrarse no novo sistema como consecuencia da constitución da
correspondente unidade ou servicio de atención primaria, manténdoselle mentres
o seu réxime xurídico e retributivo anterior de conformidade co establecido na
disposición transitoria segunda do Decreto 200/1993, na redacción dada polo
Decreto 161/1996, do 25 de abril.
4. Por
resolución da Dirección Xeral de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde
determinaranse as localidades incursas na consideración de illamento e o grao
de dispersión xeográfica da poboación asistida correspondentes ós postos de
traballo das unidades e servicios de atención primaria, para os efectos do
previsto no artigo 7º, apartado a) e do Decreto 226/1996, do 25 de abril, e de
conformidade co disposto nos Anexos VIII e IX da devandita disposición.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Autorízanse os órganos do Servicio Galego de
Saúde para adoptar, no ámbito das súas competencias, as medidas necesarias para
o desenvolvemento e execución da presente orde.
Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó
da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.