Decreto 237/1992, do 30 de xullo, polo que se determina o réxime xurídico aplicable ó persoal que presta os servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 200/1991, do 13 de xuño, sobre reforma e reestructuración dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade de Autónoma de Galicia, supuxo un paso moi importante para iniciar esa necesaria reforma e reestructuración derivada das esixencias contidas na normativa da Comunidade Económica Europea e da propia esixencia de mellora e modernización dos servicios veterinarios, o que sen dúbida vai reportar unha mellor e máis eficaz prestación deles.

Non obstante o devandito, faise necesario sistematizar e completar algúns dos aspectos do réxime xurídico e retributivo do persoal facultativo que presta os ditos servicios veterinarios oficiais.

Así, no que se refire ó deseño do réxime xurídico do persoal facultativo que presta os servicios veterinarios, anunciado xa, por outra parte, no artigo 4 do citado Decreto 200/1991, encádrase dentro do réxime xurídico xeral da función pública de Galicia, sen prexuízo de que no dereito transitorio se instrumenten os mecanismos xurídicos necesarios destinados a regula-la transición entre o actual réxime especial da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, e o citado réxime xeral da función pública de Galicia, obrigado todo iso polo carácter interdepartamental do colectivo establecido no citado Decreto 200/1991.

Por último, convén resalta-lo indubidable esforzo presupostario que supón para a Comunidade Autónoma a aplicación do réxime retributivo xeral da función pública galega xeneralizando, para tódolos facultativos que integran os servicios veterinarios oficiais, a percepción do complemento de destino e do complemento específico.

En consecuencia, por proposta conxunta dos conselleiros de Agricultura, Gandería e Montes, de Sanidade e de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e co referendo do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, consultada a representación sindical no seo da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario ó Servicio da Comunidade Autónoma, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e dous,

 

DISPOÑO:

 

1. Obxeto

O presente decreto ten por obxeto sistematizar e completa-lo réxime xurídico e retributivo do persoal facultativo dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma Galega.

 

2. Réxime xurídico

1. O persoal facultativo que preste os ditos servicios estará suxeito ó réxime xurídico xeral da función pública galega regulado nos títulos III, IV e V da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e disposicións que a desenvolven.

2. A xornada de traballo será a sinalada, con carácter xeral, para os funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da esixida por razóns de necesidade ou urxencia en situacións que demanden unha actuación administrativa inmediata. O horario de traballo adecuarase, nos postos de traballo que así o requiran, ó propio da actividade.

3. Así mesmo, seralle de aplicación o réxime de incompatibilidades previsto para o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma.

 

3. Postos de traballo

1. O persoal facultativo que preste os servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia intégrase no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia creado pola disposición adicional segunda B) 1. da Lei 4/1988, do 26 de maio.

2. Os postos de traballo distribuiranse indistintamente, mediante as correspondentes relacións de postos de traballo, entre as consellerías de Agricultura, Gandería e Montes, de Sanidade e de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, dentro do cadro de persoal presupostario previsto no artigo 24 la citada lei.

 

4. Ámbito funcional e territorial

1. As funcións a realizar en cada un dos postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia serán as especificadas no Decreto 200/1991, do 13 de xuño, quedando sen aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 50 do Regulamento de persoal dos servicios sanitarios locais, aprobado por Decreto do 27 de novembro de 1953.

2. As relacións funcionais entre as corporacións locais e os servicios veterinarios oficiais de saúde pública canalizaranse a través do xefe dos servicios veterinarios de saúde pública da zona veterinaria de saúde pública correspondente.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

Para efectos do disposto nos capítulos primeiro e segundo do Decreto 299/1990, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración Autonómica de Galicia, dentro dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma considéranse comisións de servicio con dereito a indemnización os cometidos especiais que se desempeñen fóra do territorio da zona onde radique o posto de traballo. Así mesmo, soamente se indemnizará por uso de vehículo propio nos supostos de utilización deste para desprazamentos por razón do posto de traballo realizados fóra do territorio da zona en que se encadre o mesmo.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- 1. A asimilación retributiva dos funcionarios pertencentes ós servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma será acometida nos exercicios presupostarios correspondentes ós anos 1993 e 1994.

2. Durante o exercicio de 1993 xeneralizarase a percepción do complemento de destino para tódolos prostos de traballo dos servicos veterinarios oficiais de conformidade co sinalado nas respectivas relacións de postos de traballo.

3. Durante o exercicio de 1994 xeneralizarase para os ditos postos de traballo a percepción do complemento específico de conformidade co sinalado nas respectivas relacións de postos de traballo.

4. Non obstante o anterior, os postos de traballo de xefe de área dos Servicios de Sanidade e Producción Animal da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e os postos de traballo de xefe dos Servicios Veterinarios Oficiais de Saúde Pública e os de asesor técnico sanitario da Consellería de Sanidade, estarán dotados a partir do exercicio de 1993 dos seus correspondentes complemento de destino e complemento específico tal e como estes se asignen nas respectivas relacións de postos de traballo.

5. En todo caso, non se aplicará a percepción do complemento de destino en tanto non se resolva o concurso de traslados e a oferta de emprego a que se refire a disposición transitoria segunda do presente decreto.

 

Segunda.- 1. Non será de aplicación o disposto no articulado do presente decreto en tanto non se resolva o primeiro concurso de traslados e a primeira oferta de emprego dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. En consecuencia, namentres non se aplique tal articulado o persoal que presta ditos servicios manterá o réxime xurídico previsto na Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, e na disposición transitoria terceira do Decreto 303/1990, do 31 de maio, e demais normativa que o desenvolve.

2. Mentres dura tal situación transitoria, o persoal facultativo que presta os servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia seguirá encadrándose dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, na escala de saúde pública e administración sanitaria, creada polo artigo 2.b) da citada Lei 17/1989, do 23 de outubro.

3. As actuais clases de veterinarios titulares e de licenciados en veterinaria pertencentes ó dito corpo e escala, regulados nos apartados b) e e) do artigo 4 do Decreto 303/1990, do 31 de maio, refúndense nunha soa que pasa a denominarse clase de veterinarios oficiais.

4. O persoal interino ou contratado administrativo das clases de veterinarios oficiais ó que lle sexa de aplicación o previsto na disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, e que non supere o concurso-oposición consecuencia da primeira oferta de emprego a que fai referencia o apartado 1º da presente disposición transitoria, terá dereito a seguir desempeñando un posto de traballo na forma prevista na dita disposición transitoria segunda la Lei 17/1989, do 23 de outubro, sen prexuízo de que a ese posto de traballo lle fose de aplicación o réxime xurídico previsto no articulado do presente decreto. Igual situación se produce no suposto de que o dito persoal non supere o concurso-oposición correspondente á segunda oferta de emprego.

 

Terceira.- Dadas as caracteríticas funcionais dos postos de traballo dos servicios veterinarios oficiais da Comunidade Autónoma e en tanto en canto non se dicte a normativa ó respecto, o procedemento de selección do persoal interino será o establecido na orde do 2 de maio de 1962, modificada por orde do 25 de marzo de 1980, desenvolvida esta última por resolución do 26 de maio de 1980, referente ó persoal interino do corpo de veterinarios titulares. Así mesmo, por igual motivo e en tanto en canto non se dicte a normativa ó respecto, existirá, dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, no ámbito dos servicios veterinarios oficiais, a figura do persoal substituto, que se regulará conforme o establecido nos artigos 65, 66 e 67 do Decreto 2120/1971, do 13 de agosto, e na orde da Consellería de Sanidade do 7 de maio de 1984.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase ás Consellerías de Agricultura, Gandería e Montes, de Sanidade e de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a dictar, no marco das súas respectivas competencias as disposicións necesarias para a execución do presente decreto.

 

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da suá publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Vease también