Orde do 10 de abril de 1987, pola que se crea a Comisión Asesora sobre Cancro Xenital e de Mama.

O termo cáncer inclúe un número de procesos con certas características comúns de orde histolóxica, biolóxica e terapéutica, exhibindo, sen embargo, acentuadas diferencias na súa epidemioloxía, asociacións causais, posibilidades e técnicas de detección, métodos de tratamento e prognóstico. Esta evidente diversidade obriga, a miúdo, a que os programas de control se enfoquen especificamente a localizacións definidas. No caso do cáncer xenital e de mama, os programas organizados para a detección e diagnóstico das lesións precancerosas e do cáncer incipiente, así como a aplicación dun tratamento precoz dos transtornos causantes das alteracións, anatomopalolóxicas detectadas, constitúen a mellor protección posible do individuo e da colectividade. 
A máxima incidencia das neoplasias xenitais femininas detéctase nas idades de maior productividade e responsabilidade social e familiar, razón pola cal, en fase incurable, o cáncer que nos ocupa representa unha importante carga social pola mortalidade que ocasiona, a disminución da calidade de vida das mulleres afectadas, a perda de xornadas laborais, grandes investimentos en útiles terapéuticos, gastos de hospitalización, etc.
A Administración autónoma, consciente do alcance e importancia desta patoloxía, mantivo unha serie de reunións con expertos nos campos da anatomía patolóxica, citoloxía e xinecoloxía, e acordou a realización dunha fase preliminar ó programa de intervención, consistente na conservación dunha infraestructura técnica de citotecnólogos, a formación dos cales optimice os resultados dos estudios anatomopatolóxicos nos que se apoiará o programa. 

Alcanzado este obxectivo, preténdese defini-lo perfil de actuación máis beneficioso para a poboación galega susceptible de padece-lo cáncer cérvico-uterino e de mama, co beneficio parello que reportará á Comunidade Autónoma, ante o cal se fai necesario hoxe articular de modo oficial a creación, composición e funcións da Comisión Asesora do Cáncer Xenital e de Mama en Galicia. 

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 36.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, e o artigo 33.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia,
 

DISPOÑO:

 

1. Créase a Comisión Asesora sobre Cáncer Xenital e de Mama en Galicia, como órgano consultivo da Consellería de Sanidade e Seguridade Social.

 

2. A Comisión Asesora componse dos seguintes membros:

- Presidente: o Conselleiro de Sanidade e Seguridade Social.

- Vicepresidente: o Director Xeral de Saúde Pública.

- Vocais:

Os directores do Curso de Formación de Citotecnólogos.

- dous anatomopatólogos membros da Rexional Galega da Sociedade Española de Anatomía Patolóxica.

- dous xinecólogos membros da Sociedade Xinecolóxica do Noroeste de España.

Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Saúde Pública.

A proposta do Presidente da Comisión, poderán incorporarse puntualmente outros especialistas na materia.

 

3. As funcións da Comisión serán as seguintes:

a) Asesorar e elevar propostas á Consellería de Sanidade e Seguridade Social nos aspectos relativos á detección, diagnóstico e tratamento do cáncer xenital e de mama. 
b) Coordena-los profesionais que en cada centro leven a cabo o desenvolvemento das actividades de detección e diagnóstico precoz do cáncer xenital e de mama.

c) Supervisión e reciclaxe do persoal encargado do estudio citolóxico.

d) Asesorar á Consellería na avaliación dos resultados obtidos en aplicación do Programa de detección precoz do cáncer xenital e de mama.

e) Impulsar e coordena-las iniciativas que no terreo da investigación puidesen darse na Comunidade Autónoma.      
 
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
 

Primeira.- A presente Orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.- Facúltase ó Director Xeral de Saúde Pública para o desenvolvemento e execución da presente Orde.