Decreto 54/1987, do 26 de febreiro, polo que se regula o establecemento de oficinas de farmacia a menos de douscentos cincuenta metros dos centros públicos de asistencia sanitaria.

 

En desenvolvemento dos principios de limitación e autorización regulada establecidos na base 16 da Lei de Sanidade Nacional, o Real Decreto 909/1978, do 14 de abril, regulou as limitacións para a instalación das oficinas de farmacia, establecendo, entre outras, que a distancia entre as mesmas non poderá ser inferior a 250 ou 500 metros, segundo as circunstancias. A estructura e funcionamento deste sector sanitario aconsella fixar agora as limitacións de distancia verbo dos centros públicos de asistencia.

Por isto, en virtude das competencias recoñecidas á Comunidade Autónoma de Galicia nos artigos 28.8, en materia de establecementos farmacéuticos, e 33.1, desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, de conformidade co que dispón a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, oídos os colexios de farmacéuticos de Galicia, a proposta da Consellería de Sanidade e Seguridade Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteseis de febreiro de mil novecentos oitenta e sete,

 

DISPOÑO:

 

1. 1. O establecemento dunha oficina de farmacia, sexa por razón de nova instalación ou por traslado, non se poderá facer a unha distancia inferior a 250 metros dun centro público de asistencia extrahospitalaria ou hospitalaria con consultas externas ou dotado de servicios de urxencias.

2. As medicións faranse de acordo coas normas establecidas na vixente lexislación en materia de farmacia.

 

2. Para os efectos da presente regulación, non se considerarán traslados de oficinas de farmacia os que se produzan por derruba do edificio en que estean ubicadas debido a declaración de ruína ou outra circunstancia que implique demolición do mesmo ou o seu desaloxo forzoso e estivesen autorizadas cunha ubicación a menos de douscentos cincuenta metros dos centros ós que se refire o artigo anterior, antes da entrada en vigor deste Decreto.

 

3. Non será de aplicación o establecido no artigo 1º ós municipios que dispoñan de oficina de farmacia única, incluso se esta foi orixinada pola concentración das existentes con anterioridade.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- Os expedientes de traslado xa iniciados á entrada en vigor do presente Decreto serán resoltos ó amparo da lixislación vixente no seu momento.

 

Segunda.- Os colexios oficiais de farmacéuticos das catro provincias galegas remitirán á Dirección Xeral de Saúde Pública certificación dos expedientes de traslado de oficinas de farmacia iniciadas con anterioridade á entrada en vigor do presente Decreto.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Facúltase á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste Decreto.

Vease también