Orde do 29 de xullo de 1994 pola que se regula, con carácter transitorio, a provisión de prazas vacantes de farmacéuticos titulares.


O artigo 1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, permite dictar normas especiais para adapta-las súas prescricións ás peculiaridades do persoal sanitario. Así mesmo, a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, autoriza a Xunta de Galicia para dicta-las normas de carácter regulamentario e demáis disposicións que sexan necesarias para o seu desenvolvemento e o Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23 de outubro, autoriza a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do mesmo decreto.

Resultando necesario afronta-la reestructuración dos postos de traballo pertencentes á clase de farmacéuticos titulares, e en canto non se conclúe, parece oportuno dictar, con carácter transitorio, unha norma que entrementres regule a provisión das prazas vacantes.

Na súa virtude, esta consellería, logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario e logo de informe da Comisión de Persoal,

 

DISPÓN:

 

Único.- En canto non se efectúe a correspondente reestructuración dos postos de traballo pertencentes ó corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e Administración sanitaria, clase de farmacéuticos titulares, tódolos postos de traballo que á entrada en vigor da presente orde se encontren vacantes, así como tódalas vacantes que no futuro se produzan, serán provistas mediante o procedemento de acumulación, acordado polo correspondente director provincial do Servicio Galego de Saúde, de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 3.207/1967, do 29 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de réxime de acumulación de prazas nos corpos sanitarios locais, e no artigo 63 do Decreto 2.120/1971, do 13 de agosto, polo que se aproba o Regulamento provisional para ingreso e provisión de postos de traballo; sen que en ningún caso se poida acorda-lo nomeamento de persoal interino para a súa cobertura.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también