Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo do persoal das unidades e servicios de atención primaria.
O artigo 7 do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención
primaria de Galicia, dispón que o sistema retributivo dos postos de traballo da
atención primaria estará en conformidade co establecido no Real decreto-lei
3/1987 e se aprobará mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia.
O precepto explicita, pois, a necesaria adecuación do
sistema retributivo que se determine para o persoal afectado, á norma básica de
carácter retributivo aplicable a todo o sistema nacional de saúde.
Por adecuación ó sistema básico do Decreto-Lei 3/1987, debe
entenderse a súa harmonización coa estructura retributiva que este establece e
as limitacións que dispón para determinados conceptos retributivos. Pero tal
harmonización non impide que se poida caracterizar de xeito idóneo concretos
conceptos retributivos, a través da súa precisa pormenorización ou
desenvolvemento.
E nesta procura resulta razoable, dentro do marco aludido,
establecer un sistema retributivo que mesture características diversas, desde
as puramente salariais en conceptos como o soldo, complemento de destino e
complemento especifico, as por capitación en función do número e
características da poboación asistida e o medio onde o profesional exerza o seu
labor, con outras, finalmente, vinculadas á calidade do acto sanitario
obxectivamente mensurable ou a outros parámetros que estableza o Servicio
Galego de Saúde.
Igualmente, como resultado da integración no novo sistema,
que contempla a citada norma de ordenación na súa disposición transitoria
primeira, apartado dous, como aberta, continua e voluntaria, a mesma
disposición transitoria, no seu apartado tres, prevé, para os profesionais
fixos que se integren, a asignación dun complemento persoal que compense as
diferencias existentes entre as retribucións que acrediten na súa praza e as
correspondentes ó novo sistema.
Con respecto ás regras xerais sobre absorción do mencionado
complemento persoal que refire o decreto, resulta necesario proceder á
configuración de tal complemento co desenvolvemento das súas características,
en atención ós seus alicerces. E deles resulta primordial o relativo a que a
integración da praza, en tódolos casos, deriva dun acto voluntario do
profesional, libremente consentido por el e nunca dun cambio normativo imposto
pola Administración.
E deste esencial predicado do acto de integración colíxense
as notas definidoras do complemento persoal: a súa inherencia á praza integrada
e á necesaria atención no seu cálculo ás retribucións, en cómputo anual, que
correspondan ó profesional integrado e ás relativas ó novo sistema, como
imprescindible corolario dun posicionamento de equidade, consistente na
comparación de absolutos retributivos, entre un sistema que voluntariamente se
abandona e outro ó que se accede pola determinación desa mesma vontade.
No que concirne ós profesionais actualmente adscritos ós
equipos de atención primaria, que non teñen a posibilidade de canaliza-lo acto
de integración coas características indicadas, ó pertencer xa en puridade ó
novo sistema, resulta razoable e equitativo o establecemento tamén para eles do
aludido complemento persoal, de experimentar diferencias retributivas por
aplicación das especificacións do presente sistema.
Na súa virtude e tralo proceso negociador coas organizacións
sindicais presentes na mesa sectorial de persoal sanitario, por proposta da
Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e logo de informe das consellerías
da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de
deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecinco
de abril de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
1. Ámbito de
aplicación.
As disposicións contidas no presente decreto serán de
aplicación ó persoal estatutario adscrito ás unidades e servicios de atención
primaria ás que fai referencia o artigo 1 do Decreto 200/1993, do 29 de xullo,
de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, así como
ó persoal da clase de funcionarios sanitarios locais e profesionais de cota e
zona que se integre neles de conformidade co previsto nas disposicións
transitorias primeira e segunda do devandito decreto.
2. Réxime
retributivo.
O persoal incluído no ámbito de aplicación da presente norma
será remunerado de conformidade co réxime retributivo contido no Real decreto-lei
3/1987, do 11 de setembro, e percibirá os conceptos retributivos
correspondentes coas especificacións e condicións que se recollen no presente
decreto.
3. Retribucións
básicas.
As retribucións básicas do persoal incluído no ámbito de
aplicación da presente disposición son as previstas no apartado dous do artigo
2 do Real decreto-lei 3/1987, e percibiranse nas contías vixentes nesta
Comunidade Autónoma segundo o correspondente grupo de clasificación.
4. Complemento
de destino.
O persoal incluído no ámbito de aplicación da presente
disposición percibirá o complemento de destino ó que fai referencia o apartado
tres a) do artigo 2 do Real decreto-lei 3/1987, de conformidade coa asignación
de nivel e contía que corresponda á súa categoría ou posto de traballo consonte
a normativa vixente de xeral aplicación ó persoal estatutario dependente das
institucións sanitarias de atención primaria do Servicio Galego de Saúde.
5. Complemento
específico.
1. O persoal incluído no ámbito de aplicación da presente
disposición percibirá o complemento específico asignado ó posto de traballo que
desempeñe, de conformidade co disposto no apartado tres b) do artigo 2 do Real
decreto-lei 3/1987.
2. O antedito concepto retributivo percibirase nas contías
actualmente vixentes para os postos de traballo do persoal estatutario de
atención primaria do Sergas, e con suxeición á normativa de pertinente
aplicación nesta materia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia,
sinaladamente o Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro.
6. Complemento de
PRD.
O citado complemento retributivo percibirase contías
actualmente vixentes, polas categorías de persoal non sanitario, técnicos
especialistas e a de auxiliares de enfermería, destinado nas unidades ou
servicios de atención primaria. Así mesmo será percibido, na actual contía,
pola categoría de técnicos de saúde con destino neste nivel de atención.
Excepciónase de aplicación da medida anterior a categoría
profesional de asistentes sociais, as retribucións dos cales aparecen afectadas
polas especificacións contempladas no presente decreto.
7. Complemento de
productividade.
1. O persoal incluído no ámbito de aplicación da presente
disposición poderá percibi-lo complemento de productividade previsto no
apartado tres c) do Real decreto-lei 3/1987.
2. A asignación de remuneracións por este concepto
retributivo realizarase conforme os factores e criterios que se indican a
seguir:
a) Factor fixo: dentro deste apartado, o concepto
retributivo percibirao o persoal integrado nas unidades de atención primaria
que se indica nos anexos, en función das modalidades que, a continuación, se
sinalan:
Modalidade A.- En función do número de titulares á
asistencia sanitaria adscritos ó profesional ou á unidade, segundo o caso.
Modalidade B.- En función do número de titulares á
asistencia sanitaria adscritos ó profesional ou á unidade, segundo o caso, que
teñan a condición de pensionistas.
Modalidade C.- Pola prestación de asistencia pediátrica a
cargo do facultativo xeneralista.
Modalidade D.- Polo desempeño de postos de traballo nos que,
pola súas características demográficas, se considere que concorra un grao de
despoboación que impida ós profesionais a adscrición dun número mínimo
predeterminado de titulares do dereito á asistencia sanitaria.
De concorrer tal circunstancia, aseguraráselle ó médico
xeral afectado os emolumentos por capitación correspondentes a un número de
1.050 cartillas.
Modalidade E.- En función do grao de dispersión xeográfica
da poboación asistida, de acordo cos criterios, porcentaxes e/ou factores de
cálculo que se especifican nos anexos respecto das categorías afectadas.
Modalidade F.- Polo desempeño de postos de traballo situados
en localidades consideradas como especialmente illadas, tendo en conta a súa
distancia respecto das grandes cidades ou núcleos de poboación importantes e
dos centros hospitalarios correspondentes, sempre que o traballador acredite
residir na devandita localidade.
Considéranse, para estes efectos, como localidades incursas
na devandita condición as que se determinen nas disposicións que desenvolvan o
presente decreto.
Modalidade G.- Polo desempeño de postos de traballo en
condicións de soidade, que se entenderá como aquela circunstancia en que se dea
a inexistencia doutro médico xeral ou profesional ATS/DUE que preste servicios
no mesmo concello.
Modalidade H.- Por ostenta-las xefaturas de unidade ou
servicio ou outros cargos de responsabilidade no ámbito da atención primaria.
Modalidade I.- Polo desempeño de prazas da especialidade de
pediatría ou da categoría de odontoloxía.
Nos citados anexos recóllense, respecto ó persoal afectado,
os importes e as especificacións pertinentes, que concirnen ás devanditas
modalidades.
c) Factor variable:
1. A asignación individual de contías que, por este
concepto, poidan corresponder a cada traballador realizarase en función do
cumprimento dos obxectivos prefixados polo Servicio Galego de Saúde.
2. O persoal ó que se fai referencia nos anexos do decreto,
que desempeña postos de traballo nas unidades de atención primaria, será
remunerado por este concepto tendo en conta, tanto os niveis de calidade
acadados e a amplitude da oferta de servicios, segundo as necesidades de cada
unidade de atención primaria, como calquera outro parámetro que fixe anualmente
o Servicio Galego de Saúde.
A fixación dos criterios, pautas ou ambos para a
determinación dos obxectivos dos que se derive a percepción do citado
complemento, será efectuada polo Servicio Galego de Saúde, logo de negociación
coas centrais sindicais e coa garantía, en todo caso, do preciso e
pormenorizado coñecemento de tales obxectivos polo persoal afectado.
Para os efectos sinalados neste apartado 2, o Servicio
Galego de Saúde adoptará as medidas oportunas para garanti-la asignación de
recursos correspondentes a este concepto retributivo, de xeito que poida
manterse polo menos a contía acadada no primeiro exercicio de vixencia da
presente disposición.
3. As contías percibidas por complemento de productividade
durante un período de tempo non orixinarán ningún dereito individual respecto a
períodos sucesivos.
Terceiro.- Anualmente as respectivas xerencias de atención
primaria poderanse establecer, logo de acordo cos profesionais, prolongacións
de xornada fóra do horario normativamente establecido, nas condicións e contías
que, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, acorde o Servicio Galego de
Saúde.
8. Complemento de
atención continuada.
A cobertura da atención urxente extrahospitalaria prevista
no Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias
Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia, remunerarase mediante o
complemento de atención continuada, de conformidade co establecido no apartado
tres d) do Real decreto-lei 3/1987.
Os perceptores, módulos e contías correspondentes a este
concepto retributivo serán os establecidos no artigo 10º do citado Decreto
172/1995, do 18 de agosto, e disposicións que o complementen.
9. Complemento
persoal.
1. Os profesionais fixos, con destino definitivo, que pasen
a ser retribuídos polo sistema previsto no presente decreto e que, de acordo co
réxime retributivo anterior, percibisen, en cómputo global anual, unha
retribución superior á que lle correspondería pola aplicación do presente
sistema, terán asignado un complemento persoal consistente na diferencia entre
as devanditas retribucións.
2. Para efectos do cálculo do complemento persoal
consideraranse os seguintes conceptos retributivos do anterior e actual
sistema, respectivamente:
a) Computaranse, como remuneracións do anterior sistema dos
funcionarios sanitarios locais, as retribucións básicas que lles correspondan
pola súa condición de funcionarios, así como os conceptos retributivos
derivados da cota de asegurados que teñan adscrita. Excluiranse do cómputo os
conceptos retributivos que teñan a súa orixe na permanencia dos profesionais,
como trienios e premios de antigüidade, así como as contías que se viñesen
percibindo polo desempeño de prazas acumuladas e, finalmente, o complemento por
urxencias e pediatría.
b) Computaranse, como remuneracións do anterior sistema dos
profesionais estatutarios de cota e zona, os conceptos retributivos que veñan
percibindo polo desempeño da praza para a que ostentan nomeamento. Excluirase
do cómputo os conceptos retributivos que teñan a súa orixe na permanencia dos
profesionais, como trienios e premios de antigüidade, así como as contías que
se viñesen percibindo polo desempeño de prazas acumuladas e, finalmente, o
complemento por urxencias e pediatría.
c) Computaranse, como remuneracións do anterior sistema dos
profesionais xa remunerados anteriormente polo Real decreto-lei 3/1987, os
conceptos retributivos que viñan percibindo con exclusión dos premios de
antigüidade e trienios e o complemento de atención continuada, modalidade B).
Ademais, quedarán excluídos dos cómputos mencionados nos
apartados a), b) e c) anteriores aquelas retribucións que teñan o carácter de
excepcionais, transitorias ou revogables.
d) Computaranse, como emolumentos do novo sistema, a
totalidade das retribucións básicas e complementarias que lle corresponda
percibir ó traballador polo desempeño da praza integrada ás que se fai
referencia nos precedentes artigos 3, 4, 5, 6 e 7.
3. O complemento persoal experimentará as revalorizacións
anuais na porcentaxe establecida nas leis de presupostos xerais da Comunidade
Autónoma.
4. O citado complemento persoal será absorbido cando se
produza incremento nas retribucións complementarias do persoal afectado, sempre
que o aumento nas devanditas retribucións non derive dos incrementos
retributivos anuais que, con carácter xeral, establezan as correspondentes leis
de presupostos xerais da Comunidade Autónoma.
5. O dereito ó percibo do complemento persoal extinguirase
no suposto de que o traballador pase a desempeñar voluntariamente unha praza
distinta daquela na que se integrou.
Manterase a percepción do citado complemento no caso de
desempeño de postos de traballo de xefe de unidade de atención primaria, xefe
de servicio de atención primaria e de coordinador de enfermería, ou cargos
similares de responsabilidade, con funcións asistenciais, no ámbito da atención
primaria.
No caso de que se desempeñen postos directivos nas entidades
dependentes do Servicio Galego de Saúde ou do resto do sistema nacional de
saúde, non se extinguirá o referido complemento. Neste suposto o aboamento do
complemento persoal suspenderase entrementres continúe o traballador no
desempeño do posto directivo e reemprenderase no momento en que o traballador
retorne ó posto de traballo ó que accedeu como consecuencia da integración, sen
que poida mediar desempeño de posto de traballo ningún de distinto carácter ós
sinalados neste parágrafo.
10. A categoría
estatutaria de persoal de "servicios xerais", integrante das
categorías de persoal non sanitario que presta servicios nas unidades de
atención primaria, percibirá os conceptos retributivos que se especifican nos
anexos.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango
se opoñan ó establecido no presente decreto.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Primeira.- Os emolumentos que, polo concepto retributivo de
productividade fixa, se establecen nesta norma, para as categorías de médico
pediatra e odontólogo, teñen a consideración de provisionais, mentres non se
poña en funcionamento no ámbito da Comunidade Autónoma a tarxeta individual
sanitaria (TIS). Nese intre, adaptarase á consideración e incidencia da TIS as
modalidades afectadas do aludido concepto que correspondan a esas categorías.
A adopción e posta en marcha da TIS poderá afectar
igualmente a determinados emolumentos, por este concepto retributivo, doutras
categorías de persoal. Neste caso procederase ás adaptacións pertinentes das
modalidades que correspondan, a que dea lugar a consideración e incidencia da
indicada TIS.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
As previsións contidas neste decreto levaranse a cabo de
acordo coas dotacións que anualmente se consignen nas respectivas leis de
presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Autorízase a Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais para dicta-las disposicións e adopta-las medidas necesarias para o
desenvolvemento e execución do presente decreto. O sistema retributivo previsto
nel só se fará efectivo coa adopción das medidas de execución e desenvolvemento
que dicte a consellería.
Segunda.- Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.