Orde do 20 de novembro de 1987 pola que se dictan normas para o control de moluscos bivalvos elaborados nas industrias transformadoras.

Regulado o control de biotoxinas mariñas en moluscos bivalvos no Decreto 328/1986, do 30 de outubro (D.O.G. do 17-11-86), e ante unha eventual presencia das mesmas nos moluscos destinados ás industrias transformadoras para o seu tratamento pola calor e/ou frío e pos-terior envasado, e comprobado o escaso ou nulo efecto que estes axentes físicos producen na concentración de toxinas lipo ou hidrosolubles presentes na vianda de diversos moluscos, procede agora regula-lo control dos moluscos bivalvos elaborados polas industrias trasnformadoras, completando así un sistema de control e inspección que garanta que os moluscos cheguen ó consumidor nunhas condicións sanitarias óptimas.

En consecuencia, oídos os sectores interesados e no uso das facultades que me confiere a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, e o Decreto 328/1986, do 30 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Ámbito de aplicación.

1.- A presente Orde ten por obxecto o control de calidade sanitaria da materia prima utilizada nas industrias transformadoras de moluscos bivalvos, o dos seus productos terminados e a regulación dun sistema de recollida de mostras para o seu control analítico.

2.- Esta Orde obriga ás industrias de transformación de moluscos bivalvos situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

2. Definicións.

1.- Industrias transformadoras.- Instalacións industriais que, entre as súas actividades, se dediquen á manipulación e tratamento pola calor e/ou o frío dos moluscos bivalvos para a súa conservación.

2.- Materias primas.- Son os moluscos bivalvos criados en augas mariñas nacionais ou internacionais.

3.- Producto terminado.- Enténdese por tal o producto obtido, logo de manipulación, tratamento e, se é o caso, envasado dos moluscos bivalvos, con ou sen adición doutras substancias alimenticias autorizadas.

 

3. Control sanitario da materia prima.

1.- Os moluscos bivalvos destinados á manipulación e tratamento nas industrias transformadoras procederán de viveiros fluctuantes (bateas), bancos naturais ou parques de cultivo onde a súa extracción non estea prohibida.

2.- Cada partida de moluscos bivalvos que teña entrada nunha industria transformadora irá acompañada da correspondente certificación de procedencia e calidade do provedor.

 

4. Control sanitario do producto terminado.

A identificación de cada lote de producto terminado corresponderá exclusivamente á producción obtida do tratamento da partida acreditada no certificado de procedencia.

 

5. Libro de rexistro de control de materias primas e productos terminados.

As industrias transformadoras estarán obrigadas a levar un libro de control das materias primas e productos terminados segundo o modelo que figura no anexo I desta Orde, sen prexuício dos controles a que se refire o artigo 16.7 do Real Decreto 1521/84.

 

6. Recollida de mostras.

1.- As mostras que se recollerán para o control analítico de biotoxinas serán do producto terminado, sendo a cantidade mínima por mostra de 200 gramos.

2.- A recollida de mostras será feita polo veterinario titular dos partidos sanitarios onde estean as industrias transformadoras, de acordo coas seguintes especificacións:

a) De cada lote de fabricación recolleranse dúas mostras, unha será remitida ó laboratorio para a súa análise e a outra quedará no poder da industria, coa obrigación de conservala en perfecto estado para a súa posterior utilización en fase comprobatoria, se fose necesario.

b) Por cada mostra recollida (dúas por lote de fabricación) cubrirase un impreso por triplicado segundo o modelo que figura no anexo II desta Orde, quedado o orixinal no poder do dono ou encargado da industria, unha copia para o veterinario titular que efectuara a recollida e a outra unirase á mostra que se vai analizar e arquivarase no laboratorio que realice a análise.

c) Cada mostra será introducida nunha bolsa plástica, no interior da cal se colocará unha etiqueta debidamente cuberta, do modelo C do anexo IV da Orde do 9 de xullo de 1987 (D.O.G. do 3-8-87), precintando ou lacrándose de xeito que se garanta a identidade das mostras co seu contido.

d) Preparada a mostra, enviarase ó laboratorio para a súa análise ou cumpriranse as instrucccións dictadas polos órganos competentes.

 

7. A frecuencia da recollida de mostras estará en función dos plans de actuacións no control de biotoxina, establecidos no anexo I do Decreto 328/86, do 30 de outubro e será, como mínimo, a seguinte:

a) Se a situación é de normalidade e o plan de actuacións é o "A", a toma de mostras será mensual.

b) Implantado o plan "B", a toma de mostras será quincenal.

c) Cando a situación sexa de máxima alerta e se tivese implantado o plan "C", a toma de mostras será de tres veces por semana.

 

8. Os controles analíticos das mostras recollidas das industrias transformadoras serán realizados polos laboratorios das Delegacións Provinciais da Consellería de Sanidade da Coruña e Pontevedra (Pontevedra e Vilagarcía de Arousa).

Así mesmo queda habilitado para tal fin o laboratorio que a Unión de Fabricantes Conserveiros de Galicia e/ou A.N.F.A.C.O. ten instalado en Vigo.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase ó Director Xeral de Saúde Pública para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente Orde, así como a ordenación do sistema de recollida de mostras para o máximo aproveitamento da capacidade analítica dos laboratorios.

 

Segunda.- Esta Orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también