Decreto 319/1991, do 4 de outubro, polo que se establece a estructura orgánica das intervencións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

O Decreto 161/1991, do 12 de abril, dispuxo a adscrición á Consellería de Economía e Facenda das funcións, servicios, instalacións e medios persoais, materiais e presupostarios da Interveción Xeral da Seguridade Social do Instituto Nacional da Saúde na Comunidade Autónoma de Galicia. 
Se ben esta adscrición de persoal reforza a estructura orgánica das unidades dependentes da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; a experiencia adquirida no tempo transcorrido desde a data de efectividade da transferencia dos servicios, unida ó cambio que se producirá como consecuencia da asunción dos pagamentos pola Tesourería da Comunidade Autónoma, que ata a data se realizaban a través do convenio subscrito coas tesourerías territoriais da Seguridade Social e que obviamente implicará un cambio nos procedementos, non só de xestión, senón tamén de control; fai necesario proceder á reestructuración dos servicios co fin de dar tanto unha maior axilidade ó sistema, coma unha maior eficacia á xestión dos correspondentes créditos. 
Na súa consecuencia, por proposta, do conselleiro de Economía e Facenda, logo do informe da Consellería de Presidencia e Administración Pública e despois de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de outubro de mil novecentos noventa e un.  

DISPOÑO:

 

1. A estructura orgánica dos servicios periféricos encadrados nas intervencións provinciais do Servicio Galego da Saúde, que figuran adscritos á Consellería de Economía e Facenda, axustarase á seguinte:

Provincia da Coruña:

Un interventor provincial-delegado, dous xefes de unidade de intervención de institucións sanitarias, un xefe de sección fiscal, un xefe de sección de contabilidade, catro xefes de negociado, dous xefes de grupo, dous operadores de entrada de datos, dous postos base grupo C e dous postos base grupo D.

Provincia de Lugo:

Un interventor provincial-delegado, un xefe de unidade de intervención de institucións sanitarias, un xefe de sección fiscal, un xefe de sección de contabilidade, catro xefes de negociado, dous xefes de grupo, un operador de entrada de datos, un posto base grupo C e un posto base grupo D.

Provincia de Ourense:

Un interventor provincial-delegado, un xefe de unidade de intervención de institucións sanitarias, un xefe de sección fiscal, un xefe de sección de contabilidade, tres xefes de negociado, un operador de entrada de datos e dous postos base grupo C.

Provincia de Pontevedra:

Un interventor provincial-delegado, un xefe de unidade de intervención de institucións sanitarias, un xefe de sección fiscal, un xefe de sección de contabilidade, catro xefes de negociado, dous xefes de grupo, dous operadores de entrada de datos, un posto base grupo C e un posto base grupo D.

 

2. Os postos de traballo contemplados no presente decreto conservarán o mesmo contido funcional que os existentes ata a data, agás o que correspondía ás intervencións de centro, que será competencia das xefaturas de unidade de intervención de institucións sanitarias, sen prexuízo da coordinación e supervición que compete ás intervencións provinciais-delegadas.

Non obstante o anterior, deberán así mesmo realizar aquelas funcións que, sendo propias do seu nivel, lles sexan ecomendadas polas ditas intervencións provinciais-delegadas.

 

3. As xefaturas de unidade de intervención das institucións sanitarias estarán situadas na sede da intervención provincial e actuarán no exercicio das súas funcións indistintamente para tódolos centros da provincia, caso de existir máis de unha na mesma intervención provincial.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

A posterior modificación, supresión ou alteración dos postos de traballo regulados no presente decreto axustarase ó prevido con carácter xeral na normativa para os efectos existentes na Cominidade Autónoma.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

Os niveis asignados a estes postos de traballo entenderanse referidos ó sistema retributivo vixente no momento anterior á efectividade da tranferencia a esta Comunidade Autónoma. Para estes efectos correspóndense: interventor con interventor provincial-delegado, interventor de centro con xefe de unidade de intervención de institucións sanitarias, xefe de sección de intervención con xefe de sección de contabilidade, xefe de equipo con xefe de grupo, preparador gravador e axudante contable ou axudante de xestión contable con operador de entrada de datos, posto traballo grupo C con posto base grupo C e posto traballo grupo D con posto base grupo D.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto no presente decreto, en especial o apartado primeiro da disposición derradeira terceira do Decreto 161/1991, do 12 de abril.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a acomodación do persoal ós postos de traballo da nova estructura.

 

Segunda.- A estructura orgánica que se establece no presente decreto non suporá aumento de gasto.

 

Terceira.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario oficial de Galicia.