Decreto
172/1999, do 27 de maio, polo que se autoriza a constitución da Fundación
Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
A Lei 15/1997, do 25 de abril (B.O.E. do 26 de abril),
establece que a xestión e administración dos centros, servicios e
establecementos sanitarios poderán levarse a cabo directamente ou
indirectamente a través da constitución de calquera entidade de natureza ou
titularidade pública admitidas en dereito.
Tendo en conta as melloras de xestión producidas noutros
servicios e establecementos sanitarios do Sergas incluso con anterioridade á
citada lei utilizando a fundación como forma de xestión, considérase
conveniente dotar de maior flexibilidade e autonomía a Central de Coordinación
de Urxencias Médicas regulada na Orde do 9 de outubro de 1995 (D.O.G. nº 199,
do 17 de outubro), constituíndoa como fundación pública.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e
Servicios Sociais logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa
reunión do día vintesete de maio de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
1. Autorízase a constitución da fundación Pública Urxencias
Sanitarias de Galicia-061 e apróbanse os seus estatutos que se xuntan ó
presente decreto como anexo.
2. Corresponderalle á fundación Pública Urxencias Sanitarias
de Galicia-061 a xestión en réxime de concerto da Central de Coordinación de
Urxencias Médicas, regulada na Orde do 9 de outubro de 1995 (D.O.G. nº 199, do
17 de outubro), con suxeición á coordinación e ás directrices de carácter
funcional emanadas dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e
Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.- Facúltase o Servicio Galego de Saúde para achegar
ó patrimonio fundacional a cantidade de 25.000.000 de ptas. e ó seu presidente
para o outorgamento da carta fundacional e para a realización de tódolos
trámites necesarios para a constitución da dita fundación.
Segunda.- Quedarán adscritos á fundación Pública Urxencias
Sanitarias de Galicia-061 os bens que, sendo titularidade do Servicio Galego de
Saúde ou tendo que reverter neste estean afectos actualmente á Central de
Coordinación de Urxencias Médicas.
Terceira.- A fundación asumirá mediante os correspondentes
instrumentos xurídicos e nos termos admitidos pola normativa de aplicación a
posición xurídica do Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A., nas relacións
laborais derivadas da prestación de servicios de asistencia ás emerxencias
médicas na Comunidade Autónoma de Galicia e nas demais relacións xurídicas,
especialmente as de tipo contractual, acordadas pola dita sociedade con tal
motivo.
Cuarta.- Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para a modificación dos concertos, actualmente en vigor, subscritos co Instituto Galego de Medicina Técnica para a xestión da Central de Coordinación de Urxencias Médicas-061 e servicios dependentes dela.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.
Estatutos da fundación Pública Urxencias
Sanitarias de Galicia-061
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
1. Denominación,
natureza, nacionalidade, ámbito e enderezo.
1. Baixo a denominación fundación Pública Urxencias
Sanitarias de Galicia (en diante, a fundación), a Comunidade Autónoma de
Galicia constitúe unha fundación pública de interese galego, como entidade con
personalidade xurídica propia que afecta o seu patrimonio á realización, de
xeito duradeiro e sen ánimo de lucro, de fins de interese xeral de carácter
sanitario, asistencial, docente e investigador que se detallan nestes
estatutos.
2. O ámbito territorial no que desenvolverá principalmente
as súas actividades será a Comunidade Autónoma de Galicia.
3. O enderezo da fundación radica en Santiago de Compostela
(A Coruña), Edificio de Usos Multiples, San Marcos, s/n.
O enderezo poderá ser trasladado mediante acordo do padroado
da fundación, de conformidade coas disposicións que resulten de aplicación. De
igual modo poderá crear, trasladar ou suprimir centros, delegacións ou outros
recursos que o mellor desempeño das actividades da fundación aconsellen.
2. Duración e
capacidade xurídica.
1. A fundación constitúese por tempo indefinido
considerándose validamente constituída desde o outorgamento da carta
fundaciónal en escritura pública unha vez inscrita no Rexistro de fundacións,
sen prexuízo da validez das actuacións imprescindibles realizadas durante a súa
formación, conforme o disposto no artigo 9 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de
réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991.
2. Para o cumprimento dos seus fins e en defensa dos seus
intereses e dereitos, a fundación terá plena capacidade xurídica e de obrar sen
máis limitacións que as establecidas polo ordenamento xurídico. En
consecuencia, con carácter enunciativo e non limitativo, poderá adquirir,
posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; subscribir
contratos, obrigarse, promover, seguir, opoñerse e desistir dos procedementos
que foran oportunos; exerce-las accións, excepcións e recursos que segundo a
lei lle correspondan perante toda clase de tribunais, organismos, corporacións,
autoridades competentes e entidades tanto de dereito público como de dereito
privado e, en xeral, tódolos actos necesarios para conseguir, de acordo coa
lexislación aplicable a cada suposto, os obxectivos establecidos nestes
estatutos.
3. Réxime
normativo.
1. A fundación rexerase polos presentes estatutos, polos
regulamentos que regulen a súa organización, funcionamento e ordenación das
diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan
aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de
xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991,
do 8 de novembro e o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o
Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de
interese galego, e a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e
empresas nas que teñan participación maioritaria a Xunta de Galicia, ou
normativa que as substitúa.
2. Así mesmo, rexerase tamén polas disposicións que lle
sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e de
incentivos fiscais a participación privada en actividades de interese xeral, do
Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de
fundacións de competencia estatal ou disposicións que as substitúan.
3. A fundación someterá as súas actuacións ás normas de
dereito civil, mercantil, laboral ou administrativo que lle sexan de
aplicación.
4. Obxecto.
1. A fundación ten xenericamente por obxecto a realización
de actividades de xestión, coordinación, consultoría, docencia e investigación
prioritariamente en materia de atención extrahospitalaria en caso de emerxencia
e urxencia sanitaria, así como no campo dos coidados críticos e na atención
sociosanitaria, promovendo a eficacia, eficiencia e seguridade do sistema
sanitario.
Para tal fin xestionará a Central de Coordinación de
Urxencias Médicas regulada na Orde do 9 de outubro de 1995.
2. Tódalas actividades que constitúan o obxecto fundacional
desenvolveranse con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás
directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais e do Servicio Galego de Saúde no ámbito das súas competencias.
3. Na realización do obxecto fundacional considerarase o
usuario como o eixe de tódalas actividades da fundación, promovendo a súa
satisfacción tanto nos aspectos técnicos como humanos e respectando en todo
caso os dereitos dos beneficiarios ou usuarios dos seus servicios e en
particular os dereitos dos doentes.
5. Finalidade.
1. Os fins da fundación serán sempre de interese xeral,
consistirán a título orientativo:
a) Na xestión e coordinación das demandas de asistencia
sanitaria en casos de emerxencia ou urxencia.
b) Na xestión e coordinación da atención e transporte
sanitario urxente de soporte vital básico e avanzado.
c) Na coordinación do transporte interhospitalario.
d) Na coordinación do transporte en transplantes, tanto de
órganos como de doentes.
e) No asesoramento médico telefónico e a información
orientativa (infosalud) sobre servicios sanitarios.
f) Na organización e asesoría en materia de dispositivos
sanitarios preventivos e asistenciais ante eventos de concorrencia pública.
g) Na asesoría e consultoría no desenvolvemento de plans
organizativos relativos ó obxecto da fundación.
h) Na colaboración coas administracións, corporacións,
entidades ou particulares do que sexa a súa competencia ou actividade e teña
incidencia ou sexan de interese para a consecución dos obxectivos da fundación.
i) Na formación e investigación en materia de coordinación e
asistencia sanitaria urxente, tan
to do seu persoal como da poboación e os profesionais.
2. A fundación para a consecución dos seus fins, estará
obrigada a dar publicidade suficiente ós seus obxectivos e actividades; poderá
realizalas directamente ou a través de contratos, concertos ou convenios con
entidades públicas ou privadas, así como mediante a creación de calquera
entidade xurídica admitida en dereito.
6. Beneficiarios.
Serán beneficiarios da fundación, tódalas persoas físicas ou
xurídicas, públicas ou privadas, que demandan os servicios que poida presta-la
fundación e estean dentro dos fins fundacionais.
7. Protectorado.
1. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado; as
facultades deste serán exercidas pola Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e
Administración Pública no relativo o Rexistro das fundacións de Interese
Galego.
2. O protectorado, no exercicio da función tuitiva que lle
corresponde sobre a fundación, terá as facultades que lle atribúa a lexislación
vixente na materia.
CAPÍTULO II
Órganos da fundación
8. Órganos da
fundación
1. Órgano de goberno: a fundación estará rexida polo seu
padroado, órgano de goberno, integrado polo presidente, vicepresidente, os
vocais e o secretario.
2. Órganos de xestión: serán o director e os demais cargos
directivos de primeiro nivel da fundación.
SECCIÓN PRIMEIRA
O padroado
9. Composición.
1. O padroado é o órgano de goberno da fundación que asume a
súa dirección, control e representación.
2. O padroado compoñerase dos seguintes membros:
a) Patróns natos: exercen esa función por razón dos seus
cargos, perdendo a súa condición no momento do cesamento naqueles, sendo
substituídos por quen os suceda neles:
1. Presidente: o presidente do Sergas.
2. Vicepresidente: o secretario xeral do Sergas.
3. Vocais:
-Os directores xerais de cada división do Sergas.
-O director da fundación.
b) Patróns electivos: son designados por períodos de dous
anos, cesando ó concluí-lo seu mandato se este non é prorrogado. Son os
seguintes:
-Unha persoa designada polo conselleiro de Sanidade e
Servicios Sociais.
-Unha persoa designada polo presidente do Servicio Galego de
Saúde.
c) Secretario: será designado polo padroado entre o persoal
que preste os seus servicios na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou
o Sergas, que pertenza ó grupo A e sexa licenciado en dereito.
O secretario fará a convocatoria das sesións ordinarias e
extraordinarias por orde do presidente.
Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e
autorizaraas co visto e prace do presidente. As certificacións de acordos do
padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.
10. Funcións
do padroado.
Con estricta suxeición á normativa vixente, ós criterios de
planificación, coordinación e ás directrices de carácter xeral da Consellería
de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, serán funcións do padroado as
seguintes:
a) Determina-los criterios de actuación da fundación dentro
do marco fixado polos estatutos.
b) Adopta-las medidas e disposicións convenientes que
garantan o mellor cumprimento dos fins establecidos.
c) Aprobación dos plans xerais, económicos, financeiros,
operativos, de obras e investimentos e a súa periodificación anual, que deben
recollerse nos orzamentos anuais que tamén aprobará.
d) Aprobar periodicamente os plans docentes e de
investigación e os seus resultados.
e) Aproba-lo inventario-balance anual, a liquidación do
orzamento e a conta de resultados consecuencia da xestión asistencial e
económica da entidade no período anterior.
f) Nomea-lo director da fundación e fixa-las relacións
contractuais. Por proposta do director, nomea-los cargos directivos de primeiro
nivel e fixa-las súas atribucións.
g) Autoriza-la política de persoal e réxime retributivo
dentro dos límites legais e, en particular, a aprobación do cadro de persoal
fixando os criterios de selección do mesmo.
h) Adopta-los acordos de disposición e gravame sobre os bens
mobles e inmobles que constitúen o patrimonio da fundación.
i) Aproba-los contratos de obras, servicios e
subministracións da fundación. Esta función poderá ser delegada no director ata
o límite fixado polo padroado.
j) Aproba-lo plan anual de actividades e a memoria da
fundación.
k) Aproba-los acordos e/ou convenios que considere de
interese para o mellor logro dos seus fins.
l) Aproba-los criterios de ordenación de pagamentos e
facturación propostos polo director.
m) Adopta-lo logotipo e a imaxe representativa da fundación,
e autoriza-lo seu uso na forma que considere oportuno.
n) Acorda-lo exercicio das accións e excepcións que
considere oportunas, así como os recursos e reclamacións xudiciais e
administrativos, en defensa dos dereitos e intereses da fundación.
o) Aceptar doazóns cando leven aparellada algunha condición
ou modalidade onerosa, así como legados e herdanzas a beneficio do inventario;
non obstante, para repudialos necesitaríase a autorización expresa do
Protectorado.
p) Con suxeición á normativa vixente, o padroado poderá
conferir apoderamentos ou delega-las súas funcións no director, comisións ou
comités que se constitúan e cargos directivos da fundación, así como encomendar
a entidades aspectos concretos da xestión.
q) Calquera outra función non asignada expresamente a outro
órgano.
11.
Funcionamento, convocatoria e acordos.
1. Periodicidade das sesións:
O padroado reunirase en sesión ordinaria alomenos dúas veces
ó ano, nas cales haberán de aprobarse, respectivamente, os orzamentos e as
contas anuais da fundación.
O presidente poderá convoca-lo padroado a reunións
extraordinarias cando o considere oportuno e, en todo caso, sempre que así o
soliciten por escrito alomenos a metade máis un dos patróns nomeados. A
solicitude dos patróns deberá especifica-los asuntos que deberán ser incluídos
na orde do día. Esta reunión deberá celebrarse dentro dos quince días seguintes
á recepción polo presidente da solicitude escrita da convocatoria.
2. Convocatoria:
Para a válida constitución das sesións requírese convocatoria
por escrito dirixida a cada vocal na que se expresará a orde do día, lugar e
hora da sesión, con cinco días de antelación. No caso de sesión extraordinaria
a convocatoria poderá realizarse con vintecatro horas de antelación por un
medio que permita deixar constancia. Así mesmo, considerarase constituído o
padroado en sesión extraorinaria, cando estando presentes a totalidade dos seus
membros así o acorden. En tal caso o padroado quedará validamente constituído
para trata-los temas que unanimemente decidisen os membros con dereito a voto
incluír na orde do día.
3. Acordos:
Para que quede validamente constituído o padroado requírese
a concorrencia, presentes ou representados por outros membros do padroado, da
metade máis un dos membros.
Os acordos, se a lei non esixe un quórum especial
adoptaranse por maioría absoluta e, no caso de empate, decidirá o voto de
calidade do presidente.
Non serán válidos os acordos que non consten na orde do día,
salvo que unanimemente o padroado lle engada algún punto que ampare a adopción
do acordo.
Das sesións e dos acordos adoptados nelas, levantarase a
acta correspondente.
l2. Presidente.
Corresponden o presidente do padroado as seguintes funcións:
a) Exerce-la representación da fundación e do seu padroado.
b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións,
arbitra-las deliberacións do padroado e desface-los empates co seu voto de
calidade.
c)
Autoriza-la asistencia de outras persoas ás reunións do padroado, en calidade
de acompañantes dos membros, se a súa presencia se xulga conveniente pola
natureza das cuestións que se van debater.
d) Supervisa-las operacións da fundación, e presentarlle ó
padroado os informes que considere oportunos.
e) Exercer en caso de urxencia, toda clase de accións,
excepcións, e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e
intereses da fundación, dando conta disto na primeira sesión que se celebre do
padroado.
f) Calquera outra función que lle sexa validamente
encomendada ou delegada polo padroado.
13. Vicepresidente.
Son funcións do vicepresidente:
a) Substituí-lo presidente e exerce-las súas funcións en
caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
b) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo
presidente. A delegación das funcións do artigo 12º f) requirirá previa
autorización do padroado.
SECCIÓN SEGUNDA
O director
14. O
director.
O padroado nomeará un director, que será o órgano superior
unipersoal de xestión da fundación.
2. O director da fundación poderá ser persoal funcionario,
estatutario, ou ben a fundación poderá formalizar con el un contrato laboral
axeitado ó seu cometido funcional. En ningún caso a duración do contrato poderá
exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e conforme as
disposicións aplicables na materia.
15. Funcións
do director.
Corresponderanlle ó director as seguintes funcións:
a) Executar e facer cumpri-los acordos do padroado e as
instruccións do presidente impartidas no marco das súas atribucións.
b) Representa-la fundación, por delegación do presidente,
sen prexuízo da representación que lle corresponde ó vicepresidente nos
supostos de ausencia do presidente.
c) Dirixir, xestionar e inspeccionar, de acordo coas
directrices do padroado, a organización e actividades da fundación que conduzan
á consecución e mantemento dos seus fins.
d) Establecer, aprobar e facer cumpri-las normas de
funcionamento interno da fundación, globais e en cada unha das súas unidades
organizativas.
e) Elaborar e propoñerlle ó padroado o orzamento anual de
gastos e ingresos e, se é o caso, modificacións.
f) Administra-lo patrimonio e bens adscritos á fundación de
acordo coas leis e as atribucións conferidas polo padroado.
g) Ordea-los pagamentos e a xestión da Tesourería de acordo
cos criterios aprobados polo padroado.
h) Dentro dos límites establecidos polo padroado, a
adquisición de bens e servicios, así como a contratación de obras.
i) Propoñerlle ó padroado o nomeamento e cesamento dos
cargos directivos de primeiro nivel da fundación.
j) Desenvolve-la política de persoal deseñada polo padroado
e para tal fin, selecciona-lo persoal, concertar ou rescindir relacións
laborais, acordar sancións e executa-los acordos do padroado sobre o réxime
retributivo.
k) Informar regularmente ó padroado dos resultados da
xestión, clínicos, operativos e financeiros e, especialmente, prepara-la
memoria do exercicio e balance da situación.
l) Exercer no caso de urxencia, por delegación do
presidente, as accións, excepcións, recursos e reclamacións xudiciais e
administrativas en defensa dos dereitos e intereses da fundación, dando conta ó
padroado na primeira sesión que se celebre.
m) Calquera outra función que lle delegue o padroado.
CAPÍTULO III
Réxime patrimonial, financeiro e contable
16. O
patrimonio.
1. O patrimonio da fundación poderá estar constituído por
bens e dereitos de calquera clase. A súa adquisición, administración e
disposición corresponde ós órganos da fundación de acordo cos seus estatutos e
ca suxeición ás normas establecidas na lei.
2. O patrimonio da fundación quedará recollido no inventario
que revisará e aprobará anualmente o padroado. Os bens que sexan susceptibles
de inscrición, inscribiranse nos rexistros correspondentes. Os fondos públicos
e valores mobiliarios deberán depositarse ó seu nome nos establecementos
financeiros ou na Caixa Xeral de Depósitos.
3. Poderán adscribirse á fundación bens e dereitos sen que
iso implique a transmisión do dominio. Esta clase de bens e dereitos deberán
figurar no balance da entidade polo seu valor de cesión e debidamente separados
daqueles que foran adquiridos ou se adquiran no exercicio da actividade da
fundación e, polo tanto, deban estar incorporados ó seu patrimonio.
As melloras, reparacións, conservación e mantemento destes
bens serán por conta da fundación.
A fundación non poderá allear nin dar de baixa ningún
elemento, ben ou equipo que figure en réxime de cesión, sen obter, previamente,
a autorización dos órganos competentes para iso.
4. Os bens que integran o patrimonio fundacional, sen
prexuízo, dos actos necesarios para a súa xestión e administración, quedan
vinculados exclusivamente ó cumprimento directo ou indirecto dos fins
fundacionais.
17. Réxime e
recursos económicos.
1. Os recursos económicos da fundación, compóñense:
a) Da dotación inicial.
b) Dos bens e dereitos que poida adquirir por calquera
título.
c) Dos derivados de contratos, concertos e convenios con
persoas físicas ou xurídicas, ou entidades públicas ou privadas de calquera
tipo, así como da facturación dos seus servicios.
d) Dos ingresos procedentes das entidades xurídicas que
constitúan ou nas que participe.
e) Dos rendementos do seu patrimonio.
f) Das subvencións, axudas, donativos ou legados e herdanzas
aceptadas.
g) Dos créditos e préstamos que lle sexan concedidos.
h) Calquera outro, no marco legal de aplicación.
2. A fundación só poderá dispoñer dos seus bens con obxecto
de dar cumprimento ós fins fundacionais e con suxeición ó disposto nas
disposicións que lle sexan de aplicación.
3. O padroado formulará anualmente un inventario, o balance
da situación e a conta de resultados, que recollerán a situación económica,
financeira e patrimonial da fundación, elaborará unha memoria da actividade que
permitirá coñecer e xustifica-lo cumprimento dos fins fundacionais e aprobará o
orzamento de ingresos e gastos da fundación e a súa liquidación e todo isto de
acordo co establecido na Lei 3/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei
11/1991, e o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, ou normativa que o substitúa.
4. O proxecto de orzamento anual elaborado conforme a
estructura e contido esixidas pola normativa sinalada no punto anterior, será
presentado ó padroado antes do 1 de xuño de cada ano previo ó exercicio
económico, para a súa aprobación por este, antes do 20 de xuño, e remitiráselle,
a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, á Consellería de
Economía e Facenda antes do 1 de xullo para a elaboración do anteproxecto da
Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. En todo caso a devandita
aprobación no relativo ás achegas que se vaian percibir con cargo ós orzamentos
xerais da Comunidade Autónoma, considerarase condicionada ás resultantes de
tramitación e definitiva aprobación destes.
5. Sen prexuízo do previsto nos parágrafos anteriores, en
canto ó réxime financeiro e orzamentario haberá que aterse ó que prevexa a Lei
11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia para
as sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12.1º a) da dita
lei.
6. A fundación só poderá concertar operacións de crédito por
necesidades de Tesourería por un período de amortización de capital e xuro
inferior a un ano, e sempre que se destine o seu importe ós fins da fundación,
sen supera-lo límite máximo que para cada exercicio se establece na Lei de
orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
7. Na contratación, a fundación someterase ás normas do
dereito privado. En todo caso, a adquisición de bens e servicios e a execución
de obras someterase ós principios de publicidade, libre concorrencia e obrigatoriedade,
de acordo co establecido na Lei 10/1996, do 5 de novembro.
18. Réxime
contable e control financeiro.
1. Na xestión e rexistro de actividades econó
micas e patrimoniais seralle de aplicación o Plan Xeral de
Contabilidade.
2. De acordo cos termos establecidos na Lei 10/1996, do 5 de
novembro, a fundación está suxeita ó control financeiro da Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma.
De igual xeito debe remitir, independentemente da conta
xeral da Comunidade Autónoma, as súas contas ó Consello de Contas para a súa
fiscalización.
CAPÍTULO IV
Réxime de persoal
19. Réxime de
persoal.
1. O réxime xurídico do persoal da fundación será de
carácter laboral, coas garantías que establece para este efecto o Estatuto dos
traballadores e demais normas laborais.
2. A fundación deberá aplicar, en todo caso, ós sistemas de
selección de persoal ó seu servicio os principios de igualdade, mérito,
capacidade e publicidade de acordo co establecido na Lei 10/1996, do 5 de
novembro.
CAPÍTULO V
Extinción e liquidación
20. Extinción e liquidación.
1. A disolución da fundación realizarase por acordo dos
membros do padroado ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los seus
obxectivos. No caso de acordo de disolución, este requirirá maioría reforzada
(2/3 do número legal dos membros) e a ratificación do Protectorado.
Así mesmo, a fundación extinguirase nos outros supostos
legalmente previstos.
2. O acordo de disolución determinará a forma na que se
procederá á liquidación dos bens pertencentes á fundación, que en todo caso
pasarán a integrarse no patrimonio da Xunta de Galicia, adscritos á Consellería
de Sanidade e Servicios Sociais.
O Consello da Xunta de Galicia designará unha comisión
liquidadora, constituída por tres peritos de recoñecida profesionalidade, non
vinculados á fundación nos cinco anos anteriores o seu nomeamento, que elevarán
ó Consello unha proposta sobre o procedemento para a formalización da
disolución.