Real Decreto 232/1987, do 6 de febreiro, sobre ampliación de medios persoais e presupostarios á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade (AISNA).  


Polo Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro, efectuáronse traspasos de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade (AISNA). 
Tendo en conta eses traspasos e conforme co disposto no Real Decreto 581/1982, do 26 de febreiro, que determina as normas e mailo procedemento ós que se deben axusta-los traspasos de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e que tamén regula o funcionamento da Comisión Mixta de Transferencias prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía de Galicia, a dita Comisión considerou a conveniencia e a legalidade de efectuar unha ampliación de medios persoais e presupostarios ó traspasado mediante o Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro. O resultado foi a adopción do oportuno acordo de ampliación de medios na reunión do Pleno da Comisión mixta do 27 de novembro de 1986. A virtualidade práctica de tal acordo esixe a súa aprobación polo Goberno mediante Real Decreto. 
Na súa virtude, e en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía de Galicia, a proposta do Ministro para as Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 6 de febreiro de 1987. 

DISPOÑO: 

1. Apróbase o acordo do 27 de novembro de 1986 adoptado pola Comisión Mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Galicia, polo que se amplian medios persoais e presupostarios en materia de sanidade (AISNA).

 

2. En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia os medios persoais e presupostarios ós que se refire o dito acordo e que aparecen nas relacións adxuntas a el.

 

3. A ampliación de medios terá a efectividade prevista no acordo da Comisión Mixta, sen prexuício de que o Ministerio de sanidade e Consumo produza os actos administrativos necesarios para o mantemento dos servicios no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tiñan no momento de se adopta-lo acordo que aparece transcrito como anexo deste Real Decreto, ata a data da súa publicación.

 

4. Os créditos presupostarios que se determinen conforme á relación 3.2 serán dados de baixa nos seus conceptos de orixe e transferidos polo Ministerio de Economía e Facenda, ós conceptos habilitados na sección 32, destinados a financia-lo custo efectivo dos servicios asumidos polas Comunidades Autónomas unha vez que a Oficina Presupostaria do Ministerio de Sanidade e Consumo remita ó departamento citado os certificados de retención do crédito, co fin de dar así comprimento ó disposto na vixente Lei de Presupostos Xerais do Estado.

 

5. Este Real Decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial do Estado.

 

ANEXO

 

Don José Elías Díaz García e don Juan Luis Pía Martínez, secretarios da Comisión Mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de Autonomía para Galicia,

 

CERTIFICAN:

 

Que no Pleno da Comisión Mixta celebrado o día 27 de novembro de 1986 se adoptou acordo sobre ampliación de medios persoais e presupostarios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade (aisna), en virtude do Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro.

 

A) Normas constitucionais e estatutarias nas que se ampara a ampliación de medios.

A Constitución, no artigo 148.1.21, establece que as Comunidades Autónomas poderán asumir competencias en materia de sanidade e hixiene e no artigo 149.1.16 reserva para o Estado a competencia exclusiva sobre sanidade exterior, bases e coordenación xeral de sanidade e lexislación sobre productos farmacéuticos. Pola súa parte, o Estatuto de Autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1 e 4 que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia o de- senvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, con eses fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coas materias antes expresadas, e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade, reservando o Estado para si a alta inspección conducente ó cumprimento das funcións e competencias contidas nese artigo.

Sobre a base destas previsións constitucionais e estatutarias procédese e efectuar unha ampliación de medios persoais e presupostarias adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro.

 

B) Medios persoais que se amplían.

1. Amplíanse os medios persoais traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro, co traspaso do persoal e das prazas vacantes,
dotadas presupostariamente, que se detallan na relación adxunta número 1.

2. O citado persoal pasará a depender, para tódolos efectos, da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos legalmente previstos polo Estatuto de Autonomía e polas demais normas aplicables en cada caso e nas mesmas circunstancias que se especifican na relación antes citada.

3. Os órganos competentes en materia de persoal notificaranlles ós interesados o traspaso e a súa nova situación administrativa en canto o Goberno aprobe este acordo por Real Decreto. Así mesmo, remitirán unha copia certificada de tódolos expedientes deste persoal traspasado, así como dos certificados de haberes referidos ás cantidades que tiveron dereito a percibir en 1986; a Administración do Estado procederá a modifica-los cadros de persoal orgánicos e presupostarios en función dos traspasos operados.

4. Permanenecerán na Administración do Estado e seguirán sendo da súa competencia o financiamento e xestión dos créditos e a tramitación dos expedientes de clases pasivas correspondentes ós funcionarios do extinguido Patronato Nacional Antituberculoso e das Enfermidades do Tórax que se rexe polo Estatuto de Clases pasivas do Estado do 22 de outubro de 1926, con base no disposto na Lei do 13 de decembro de 1943, nas súas disposicións complementarias e nos acordos do referido Patronato do 19 de xaneiro e do 13 de abril de 1946.

 

C) Valoración definitiva das cargas financeiras correspondentes á ampliación de medios.

1. O custo efectivo que, segundo o presuposto de gastos para 1986, corresponde á ampliación de medios adscritos ós servicios traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia elévase con carácter definitivo a 21.642.000 pesetas, conforme detalle que figura na relación 2.

2. Transitoriamente, ata que o custo efectivo se compute para determina-la porcentaxe de participación da Comunidade Autónoma nos ingresos do Estado, o citado custo financiarase mediante a consolidación, na sección 32 dos Presupostos Xerais do Estado, dos créditos relativos ós distintos compoñentes do custo efectivo, polos importes que se indican, susceptibles de actualización polos mecanismos xerais previstos en cada Lei de Presupostos do Estado:

 

 

Créditos en pesetas de 1986

a) Custos brutos:

 

Gastos de persoal

21.642.000

Financiamento neto

21.642.000

 

As posibles diferencias que se produzan durante o período transitorio ó que se refire o parágrafo anterior respecto do financiamento dos servicios transferidos serán obxecto de regularización ó remate de cada exercicio económico, mediante a presentación das contas e estados xustificativos correspondentes perante unha comisión de liquidación que se constituirá no Ministerio de Economía e Facenda.

 

D) Data de efectividade.

Os traspasos ós que se fai referencia neste acordo terán efectividade a partir do día 1 de xaneiro de 1987.