Orde do 7 de xullo de 1988 sobre autorización de unidades, centros, servicios e establecementos sanitarios-asistenciais, de tratamento de drogodependencias.

O consumo de drogas e a drogodependencia supoñen un importante problema de saúde para un determinado sector da poboación galega que o sofre directamente, así como para conxunto de toda ela, que non pode permanecer indiferente ante este fenómeno social.

Esta situación deu lugar a unha resposta da sociedade galega a través da creación de diferentes institucións destinadas á loita contra a drogodependencia e constitúe unha seria e prioritaria preocupación da Consellería de Sanidade, que se instrumentaliza a través do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

Coa finalidade de ordena-la área de tratamento das drogodependencias promulgouse a Orde desta Consellería do 23 de marzo de 1987 (D.O.G. nº 64 de 3 de abril) na que se regulaban os mínimos esixidos para que un centro terapéutico ambulatorio fose autorizado a desenvolver programas de tratamento das drogodependencias.

Na dita norma sinalábase que «sendo o tratamento sanitario-asistencial do paciente consumidor de drogas ou drogodependente un dos primeiros pasos para logra-la súa inserción e habilitación plenas na sociedade tal tratamento deberá reunir uns mínimos criterios de rigor». Así mesmo mencionábase a necesidade da súa coordenación, tanto entre eles como con outros servicios de saúde, e a súa futura integración dentro do Plan Galego de Saúde Mental. Por iso regulábanse as condicións e requisitos que os centros ambulatorios deberían cumplir, a fin de ofrece-la mellor calidade asistencial posible no desempeño do seu labor.

Tamén se facía consta-la existencia doutro tipo de centros ou servicios de atencións ás drogodependencias, facéndose referencia á súa progresiva regulación. Continuando pois coa tarefa emprendida daquela, compre agora proceder a establece-las condicións e requisitos mínimos que estes centros ou servicios, non regulados entón, cumprirán para poder ser autorizados como centros, servicios ou establecementos sanitario-asistenciais de tratamento das drogodependencias refundindo nunha única norma legal as condicións e requisitos mínimos que todo centro ou servicio de tratamento das drogodependencias debe reunir, querendo lograr con isto unha maior claridade e mellor comprensión da norma.

Vistas as competencias que ó amparo do artigo 33 do Estatuto de Autonomía de Galicia corresponden á Xunta de Galicia en materia de sanidade interior, así como o que dispoñen os Decretos 99/1984, do 7 de xuño (D.O.G. nº120 do 23 de xuño), e 147/1984, do 13 de setembro (D.O.G. nº 193 do 6 de outubro) e a Orde desta Consellería do 7 de novembro de 1984 (D.O.G. nº 236 do 11 de decembro), sobre centros, servicios e establecementos sanitarios, e en uso das facultades que me confire a disposición final primeira do Decreto 147/1984.

 

DISPOÑO:

 

1. A presente orde será de aplicación ás unidades, centros, servicios ou establecementos sanitario-asistenciais de Galicia que se dediquen de forma específica ó tratamento das drogodependencias.

 

2. Para os efectos desta Orde consideraranse como unidades, centros, servicios ou establecementos sanitario -asistenciais de tratamento das drogodependencias:

a) As unidades asistenciais de drogodependencias: son centros ou servicios de tratamento ambulatorio (desintoxicación e deshabituación) das drogodependencias que, dependendo ou non dun hospital desenvolvan calquera tipo de actividade terapéutica nun paciente consumidor de drogas e ou drogodependente.

b) As unidades de desintoxicación hospitalaria: aquelas que dentro dun servicio hospitalario realizan tratamentos de desintoxicación en réxime de internamento hospitalario.

c) As unidades de día: aquelas que en réxime de estancia de día realizan tratamentos de deshabituación mediante terapia farmacolóxica, psicolóxica e ocupacional e promoven a participación activa dos pacientes, por un período de tempo determinado.

d) As unidades terapéuticas: unidades, centros ou servicios que, en réxime de internamento, realizan tratamentos de deshabituación mediante terapia farmacolóxica, psicolóxica e ocupacional e promoven a participación activa dos pacientes, por un período de tempo determinado.

 

3. Serán requisitos indispensables para outorga-la autorización das unidades, centros, servicios e establecementos ós que fai referencia o artigo 2º desta Orde os seguintes:

a) Estar dotados do seguinte persoal, con garantía de servicio durante o horario de funcionamento:

1. As unidades asistenciais de drogodependencias:

- Un médico-psiquiatra, ou no seu defecto, un médico.

No caso de que o médico non estea en posesión do título de especialista en psiquiatría, será requisito necesario que teña formación teórico-práctica en sáude mental. O período de tempo mínimo que se considerará para tal formación sera de 1 ano e deberá ser acreditada mediante certificacións do director ou responsable da institución, unidade, centro ou servicio no que se levara a cabo dita formación.

- Un psicólogo.

- Un asistente ou traballador social.

2. As unidades de desintoxicación hospitalaria: cumprirán os requisitos do servicio hospitalario no que se atopen ubicadas. En todo caso o servicio deberá cubrir con persoal propio ou mediante interconsulta a patoloxía orgánica e a asistencia psicolóxica dos pacientes ingresados.

3. As unidades de día e as comunidades terapéuticas:

- Un médico-psiquiatra ou un psicólogo.

- Un asistente ou traballador social.

- Un monitor-educador por cada 7 pacientes.

b) As instalacións deberán contar con locais e material mobiliario adecuado ás necesidades do servicio de acordo co plan de funcionamento, especialmente no que se refire a condicións hixiénicas e de habitabilidade segundo a normativa legal vixente.

c) Ter determinadas no seu organigrama as responsabilidades dos servicios prestados.

d) Ademais deberán comprometerse formalmente ó solicita-la autorización a:

1. Levar unha historia clínica completa por cada paciente sometido a tratamento segundo modelo que entregará a Consellería de Sanidade.

2. Controla-la patoloxía orgánica que os pacientes nelas atendidos poidan presentar, mediante persoal propio ou vinculación con outro centro ou servicio, prestando especial atención ás enfermidades transmisibles máis frecuentes entre eles (V.I.H. + SIDA, hepatite B, etc.).

3. Cumprir sistemáticamente os sistemas de información sanitaria que a Conselleria de Sanidade poña en marcha. Así mesmo enviarán canta información lle sexa requerida pola Comisión Galega de Prevención e Loita contra a Drogodependencia ou pola Conselleria de Sanidade.

4. Levar un libro-rexistro de ingreso e altas (só no caso das unidades de día, comunidades terapéuticas e unidades de desintoxicación hospitalaria).

5. Garanti-lo recoñecemento ós asistidos e/ou residentes dos dereitos establecidos na Constitución Española e na Lei Xeral de Sanidade.

6. Comunicar á familia, especialmente cando esta o solicite, información sobre a evolución do paciente, o seu traslado a outro centro, alta ou abandono.

7. Garantir que o paciente poida solicitar e obte-lo alta voluntaria cando así o desexe, excepto cando se trate de usuarios en proceso xudicial.

 

4. As unidades, centros, servicios e establecementos de tratamento de drogodependencias a que se refire o artigo segundo desta Orde que queiran establecerse en Galicia a partir da entrada en vigor da mesma obterán, primeiro, a autorización administrativa sanitaria previa de creación e, unha vez obtida esta, a autorización de apertura e posta en funcionamento de conformidade co establecido nos artigos 3 do Decreto 99/1984, do 7 de xuño, e 6 do Decreto 147/1984, do 13 de setembro.

O procedemento para obte-la autorización administrativa previa será o establecido nos artigos 1 a 6 da Orde do 7 de novembro de 1984; na solicitude deberá acreditarse o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo terceiro da presente Orde.

O procedemento para outorga-la autorización de apertura e posta en funcionamento será o establecido nos artigos 6 do Decreto 147/1984, do 13 de setembro, e 9 da Orde do 7 de novembro de 1984.

 

5. A autorización administrativa sanitaria previa e a de apertura e posta en funcionamento, ou a legalización, se é o caso, da unidade, centro, servicio ou establecemento será condición indispensable para concertar prazas ou servicios coa Xunta de Galicia ou obter subvencións con cargo ós séus presupostos.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- As unidades, centros, servicios ou establecementos de tratamento das drogodependencias que á entrada en vigor desta Orde estivesen autorizados ou legalizados con base no disposto na Orde do 23 de marzo de 1977, ou con anterioridade á mesma, disporán dun plazo de 6 meses para acreditar que cumpren os requisitos establecidos no artigo terceiro desta Orde, cubrindo os datos do anexo I e os documentos A, B e C da mesma.

Se transcorre o dito prazo sen que se efectúe a dita acreditación considerarase caducada sen efecto ningún a autorización ou legalización outorgada.

 

Segunda.- As unidades, centros, servicios ou establecementos de tratamento de drogodependencias que á entrada en vigor desta Orde non estivesen autorizados nin legalizados, disporán dun plazo de 6 meses para formalizar, se procede, a súa legalización.

Para tal efecto deberán acredita-lo cumprimento dos requisitos establecidos no artigo terceiro da presente Orde cubrindo o anexo II e os documentos A, B, C e D da mesma e xuntando a seguinte documentación:

1. Documento acreditativo da personalidade do solicitante e, se e o caso, da representación que ostente.

2. Propiedade e dependencia xurídica da unidade, centro, servicio ou establecemento.

3. Memoria descriptiva que incluirá:

3.1 Data de apertura e posta en funcionamento, presentando documentación que o acredite (documento B).

3.2 Horario de funcionamento, presentando documentación que o acredite (documento B).

3.3 Programa que desenvolva e técnicas terapéuticas utilizadas.

3.4 Cadro de persoal desagregado polas súas titulacións, enviando curriculum vitae de cada profesional (documento C).

3.5 Fotografías da unidade, centro ou servicio.

4. Memoria de actividades durante os últimos dous anos.

5. Planos que detallen a distribución e localización das instalacións.

6. Informe do plan económico de mantemento da unidade, centro, servicio ou establecemento (documento D).

As solicitudes de legalización dirixiranse ó Ilmo. Sr. Director Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social e presentaranse nas Delegacións Provinciais da Consellería de Sanidade.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Queda derrogada a Orde do 23 de marzo de 1987 (D.O.G. nº 64 do 3 de abril de 1987) sobre autorización de centros, servicios e establecementos sanitario-asistenciais de tratamento ambulatorio das drogodependencias.

 DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS  

Primeira.- Facúltase ós Directores Xerais de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social e de Saúde Pública para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta Orde.

 

Segunda.- Esta Orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Vease también