Resolución do 26 de maio de 1997 pola que se establecen os
criterios para a liquidación de estadías e servicios en centros concertados
sociosanitarios na súa aplicación de módulos residenciais.
O artigo 79 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais establece que,
sen prexuízo da súa gratuidade, os usuarios dos servicios sociais participarán,
na medida das súas posibilidades económicas, no financiamento destes, de
conformidade cos principios de solidariedade e redistribución. Ó mesmo tempo,
establécense os baremos obxectivos para a súa efectividade, debendo garantir,
en todo caso, a reserva a favor do usuario das cantidades necesarias para
atende-los seus gastos persoais.
No mesmo sentido, a Orde do 7 de maio de 1997, de
concertación e acreditación de centros sociosanitarios no seu artigo 9
establece que os usuarios de longa estadía colaborarán no financiamento do
módulo residencial mediante a entrega á entidade concertada do 75% dos seus
ingresos líquidos mensuais, quedando excluídas do cómputo as gratificacións
extraordinarias.
Deste xeito, a presente resolución ten por obxecto a
unifícación do procedemento administrativo para a liquidación de estadías e
servicios nos centros sociosanitarios, en réxime de concertación coa
Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e no referente á participación do
usuario no financiamento do módulo residencial de longa estadía en centros
sociosanitarios.
Por iso, en virtude da disposición derradeira primeira da
Orde do 7 de maio de 1997, de concertación e acreditación de centros
sociosanitarios, díctase a presente resolución:
Liquidación de estadías en centros sociosanitarios
concertados coa Xunta de Galicia.
Primeiro.- Os usuarios de longa estadía en centros
sociosanitarios, ou os seus representantes legais, desde o momento do seu
internamento, participarán no financiamento do módulo residencial por estadía
en centro sociosanitario concertado cunha contribución correspondente ó 75% da
totalidade dos seus ingresos líquidos mensuais percibidos, exceptuando destes o
importe percibido en concepto de pagas extraordinarias.
Nos supostos de matrimonio ou persoas unidas maritalmente
que se atopen ámbolos dous na situación de internamento, realizarase unha soa
liquidación conxunta a nome do titular ingresado.
No caso de cargas familiares, a contía do financiamento que
deberá aboa-lo usuario farase de acordo coas seguintes táboas e dependendo dos
ingresos líquidos mensuais destes.
Ingresos Mensuais |
Só |
Cónxuxe a cargo |
Dúas persoas a cargo |
Tres persoas a cargo |
Catro ou máis persoas |
---|---|---|---|---|---|
Menos
de 64.505 |
75% |
Exento |
Exento |
Exento |
Exento |
64.505
e 100.001 |
75% |
2% |
Exento |
Exento |
Exento |
100.001
e 150.001 |
75% |
18% |
Exento |
Exento |
Exento |
150.001
e 200.000 |
75% |
24% |
7% |
Exento |
Exento |
200.001
e 250.001 |
75% |
29% |
10% |
2% |
Exento |
250.001
e 300.001 |
75% |
32% |
13% |
5% |
Exento |
Máis
de 300.001 |
75% |
34% |
15% |
7% |
Exento |
Segundo.- O centro,
servicio ou establecemento concertado estará obrigado a reter dos ingresos dos
usuarios os importes que estes deban achegar para o financiamento dos servicios
recibidos. Estes, á súa vez, serán deducidos no importe da factura mensual que
o concertado elabore para o cobramento dos seus servicios atendendo ó
procedemento regulamentado.
Cada centro deberá cubri-lo modelo achegado anexo á presente
resolución remitíndollo á Dirección Provincial do Sergas.
A dirección provincial aboará a diferencia que resulte da
contía correspondente que deberá aboa-lo usuario ata o total do custo efectivo
do módulo residencial concertado.
Terceiro.- En períodos de ausencia do centro por permisos ou
internamentos en centros hospitalarios, os usuarios aboarán o 54% da cantidade
que lles correspondería de acordo cos números anteriores.
As ausencias temporais voluntarias de máis de 15 días
producirán a alta do paciente no centro.
En casos excepcionais de maior tempo de ausencia, será
avaliado cada caso de xeito individual polo centro sociosanitario e a Dirección
Provincial do Sergas.