Resolución conxunta do 29 de xullo de 1994, da Secretaria Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se dispón a publicación do acordo subscrito pola Administración sanitaria e os representantes do Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Hospital «Sta. María Madre» de Ourense, polo que se regulan determinadas condicións de traballo e retributivas do persoal que presta servicios no devandito centro sanitario.

Como consecuencia do proceso negociador mantido entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, o Servicio Galego de Saúde e os membros do Comité de Empresa e representantes da Xunta de Persoal do Hospital «Sta. María Madre» de Ourense, resultou o acordo anexo que regula determinadas condicións de traballo e retributivas do persoal que presta servicios no devandito hospital.

O contido do devandito acordo é o que figura como anexo á resolución que se publica para xeral coñecemento no Diario Oficial de Galicia, despois de que se obtivera a preceptiva aprobación polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 29 de xullo de 1994. Na suá virtude,

 

RESOLVEMOS:

 

Dispoñe-la publicación do acordo polo que se regulan determinadas condicións de traballo e retributivas do persoal que presta servicios no Hospital «Sta. María Madre» de Ourense.

 

ANEXO

 

En Santiago de Compostela o 29 de xullo de 1994, facendo uso das facultades conferidas na Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administración públicas, os representantes do Servicio Galego de Saúde e os representantes do Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Hospital «Sta. María Madre» de Ourense, logo do proceso negociador levado a cabo co fin de proceder á análise das condicións de traballo e retributivas do colectivo do citado centro, adoptan o seguinte,

 

ACORDO:

 

Primeiro.- O presente acordo será de aplicación ó persoal funcionario e laboral que presta os seus servicios no Hospital «Sta. María Madre» de Ourense, así como ó persoal que, con posterioridade á adopción del, pase por calquera vínculo a prestar servicios no centro.


Segundo.- A partir da adopción deste acordo, ó persoal relacionado no punto primeiro seranlle de aplicación as mesmas condicións retributivas, de acordo coa táboa retributiva que figura como anexo I, de réxime de acción social, de xornada, de descansos e quendas de traballo que, con carácter xeral, corresponden ó persoal estatutario das institucións sanitarias do Sergas, de conformidade co estatuto xurídico do persoal correspondente, quedando, polo tanto, no relativo ás ditas condicións, excluído da aplicación do convenio colectivo do hospital, se é o caso, do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e da normativa funcionarial aplicable.

 

Terceiro.- O persoal facultativo que formulou a opción de prestación dos seus servicios en réxime de exclusividade percibirá o complemento específico de acordo coa normativa que, en cada momento, resulte aplicable ó persoal estatutario do Sergas.

 

Cuarto.- Ó persoal que, como consecuencia da aplicación deste acordo, experimente unha diminución no total das retribucións anuais que viña percibindo, recoñeceráselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferencia de retribucións. O dito complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo ou categoría de conformidade coa normativa orzamentaria.

De acordo co establecido no artigo 14.1º g) da Lei 1/1994, do 30 de marzo, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1994, e na disposición transitoria primeira do Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, para o cálculo de complemento persoal transitorio non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, plus de nocturnidade, plus de perigosidade, penosidade ou toxicidade e realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que en concepto de antigüidade teña recoñecidas ata a data do presente acordo.

 

Quinto.- Ó persoal afectado respectaráselle, para tódolos efectos, a antigüidade que ostente na data do presente acordo, se ben os trienios que se recoñezan con posterioridade a esta data serano de acordo co previsto no Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento.

 

Sexto.- Realizar unha oferta pública de emprego específica para o persoal do Hospital «Sta. María Madre» no momento e nas condicións en que se efectué con carácter xeral para todo o Servicio Galego de Saúde sen prexuízo das particularidades que, se é o caso, se poidan acordar cos representantes sindicais do devandito hospital.