Orde do 1 de xullo de 1997 pola que se regulamentan as modalidades de formalización do vínculo do persoal temporal de institucións sanitarias xestionadas polo Servicio Galego de Saúde.[1]

O Servicio Galego de Saúde, ata a data, tiña establecido un sistema de formalización dos vínculos temporais baseado en instruccións dictadas para o efecto pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do organismo, que mantiña, en xeral, no seu contido e modalidades o criterio establecido para o resto do Sistema Nacional de Saúde. En tales instruccións plasmábase a tradicional distinción entre o nomeamento estatutario de cáracter temporal previsto para o persoal sanitario facultativo e non facultativo e o contrato laboral referido para o persoal non sanitario. A devandita distinción colexíase do disposto nos respectivos estatutos de aplicación que no concernente ó estatuto de persoal non sanitario explicitamente pretería, artigo 2, da súa aplicación ó persoal con vínculo temporal.

 

Así mesmo, recóllese nas citadas instruccións a posibilidade de formalizar contratacións suxeitas á normativa laboral, tanto co persoal sanitario como non sanitario, cando as circunstancias e contido prestacional non admitisen ou recomendasen o vínculo de carácter estatutario con engarzamento nalgunha das modalidades de vinculación previstas nos estatutos aplicables. Esta vinculación temporal resulta plenamente lexítima e con virtualidade segundo a doutrina da xurisprudencia consolidada que acepta a dobre natureza do vínculo (estatutario ou funcionarial e laboral) nos casos necesarios, coa esixencia do indefectible respecto das normas de carácter laboral nos supostos que afectan a esta clase de vínculo. Como exemplos máis notorios no marco sanitario de utilización da contratación laboral preséntase a vehiculada a través dos contratos de servicio determinado e lanzamento de nova actividade, (este último agora inexistente trala última reforma operada nesta materia) adaptados neses casos ás necesidades das institucións sanitarias que non poden ser satisfeitas coas modalidades de natureza estatutaria.

 

Así as cousas, vense evidenciando non só no ámbito do Sergas senón tamén da práctica totalidade do Sistema Nacional de Saúde, a aludida dobre natureza do vínculo. Se ben no caso de que se formalicen contratos laborais faise unha remisión explícita no seu clausulado á incidencia da normativa estatutaria para a regulamentación das condicións retributivas e de prestación do vinculado, aínda que a virtualidade intríseca do vínculo deriva do disposto na normativa laboral.

 

Este último aspecto tradúcese na necesaria afectación da normativa laboral correspondente para a resolución dos litixios presentados polos profesionais, que, en moitos casos, pode derivar en sentencias condenatorias de gran trascedencia, incluso con declaración de fixeza laboral, pola forza do principio de estabilidade no emprego moi caro a esa lexislación.

 

A disposición adicional 4ª do Decreto 118/91, do 25 de xaneiro refire: «Cando sexa imprescindible a incorporación de persoal temporal, a súa selección efectuarase por procedementos que, respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade, garantan a necesaria axilidade e eficacia e conten coa participación das organizacións sindicais. O persoal así nomeado podera manterse na praza ata a incorporación a ela de persoal estatutario fixo designado para o seu desempeño, ou ata que esta sexa amortizada».

 

Con fundamento no precepto transcrito no apartado anterior, a Sala do Social da Audiencia Nacional, en sentencia dictada o 14 de novembro de 1995, confirmada posteriormente polo Tribunal Supremo, considera derrogado o artigo 2º do Estatuto de persoal non sanitario de anterior referencia e, conseguintemente, eliminada a exclusión explícita nel da aplicación dese estatuto ó persoal con vínculo temporal.

 

Por iso, parece razoable acudir, con carácter xeral, á modalidade de nomeamento estatutario de carácter temporal para tódalas categorías de persoal incluídas nos tres estatutos de aplicación. Só se exceptuarán do uso do nomeamento aquelas cobertura para as que este non poida ser utilizado, por insuficiencia ou inadaptación, que serán formalizadas con vínculos laborais na modalidade de servicio determinado, a necesidade de cal resulta energable da experiencia das institucións sanitarias. As demais modalidades contractuais actualmente existentes non parecen de necesaria consideración, ó coincidir con similares vínculos estatutarios (nas súas características) ou resultar inadaptables ó marco das institucións sanitarias.

 

O sistema exposto de formalizacións do vínculo aplicarase con carácter xeral ás coberturas ordinarias, é dicir, cun desenvolvemento prestacional en xornada completa e retribución adaptada a ela. Agora ben, vense constatando nalgúns casos, polas circunstancias que concorren en determinadas áreas ou servicios dos centros sanitarios ou por mor dos sistemas de funcionamento ou cobertura asistencial ós usuarios, a innecesariedade de completa-la totalidade da xornada ordinaria. Nestes casos, debidamente evidenciados e xustificados, non é razoable nin admisible vincular profesionais a tempo completo, senón establece-las xornadas coa duración que se colixa das funcións que precisen desempeñar. Así, resulta oportuno e lexítimo a utilización de vínculos a tempo parcial co número de horas diarias, ou de xornadas semanais, inferiores á ordinaria, sempre que se dean as condicións que as xustifiquen.

 

Tamén convén sinala-la conveniencia e, aínda máis, a necesidade de establecer períodos de proba nos vínculos temporais de carácter estatutario que se formalicen e nos contratos temporais que, se é o caso, se subscriban. Isto na procura de garanti-la indefectible adaptación dos profesionais ó desempeño do seu cometido en institucións tan complexas coma as sanitarias e onde o interese do usuario debe primar sobre calquera outra consideración. Por iso, de evidenciarse no exercicio do cometido profesional unha falta de adaptación importante, ausencia de imprescindible pericia, neglixencia inescusable, ou calquera outra circunstancia que o diminúa, debe prescindirse ineluctablemente do profesional vinculado para evita-la irrogación de prexuízos serios á estructura organizativa do traballo ou incluso ós usuarios dos servicios sanitarios. (Téñase en conta a este teor que existía ata hai pouco un período de proba establecido nos estatutos para o persoal con praza fixa).

 

A duración dos períodos de proba, que necesariamente se establecerán para cada unha das clases de vínculos temporais, aparece cohonestada co grao de cualificación esixido ós profesionais e preséntase coincidente coa fixada nos ámbitos en que se vén utilizando habitualmente en categorías análogas ou parangonables. Así mesmo os periodos de proba que se establecen xa se recollían como tales nas pretéritas modalidades de vínculo existentes no Servicio Galego de Saúde, tanto de carácter estatutario como laboral.

 

Finalmente, cómpre indicar que a regulamentación presente procura sistematiza-las modalidades xurídicas do vínculo, coa introducción dun común e idénticas modalidades para tódalas clases de persoal temporal ó servicio das institucións sanitarias. Asemade inténtase harmonizalos coa realidade prestacional dos centros e a esixencia da normativa que rexe en materia de control e autorizacións de persoal temporal no ámbito do Sergas.

 

As modalidades establecidas recollen as previstas nos estatutos de persoal facultativo e sanitario non facultativo, estensivas ó persoal non sanitario -o estatuto do cal non recollía ningunha clase de vínculo, coma xa se sinalou anteriormente-, co engadido dunhas novas modalidades. As novas modalidades obedecen a necesidade, ou ben de engazamento cos mecanismos de control e autorización de obrigado respecto para evita-lo uso de vínculo espúreos e non idóneos para estes casos, ou de resposta a concretas e especiais necesidades dos servicios de imposible solución con outro tipo de vínculos. Por iso, a través da presente norma complétase o contido dos estatutos, sen menoscabo nin conculcación deles.

 

A materia da presente norma foi obxecto de consulta e debate coas organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial de Persoal Sanitaria.

 

Xa que logo, esta consellería,

 

DISPÓN:

 

1. Os vínculos temporais co persoal que preste servicios nas institucións sanitarias dependentes do Sergas, en prazas de natureza estatutaria ou de condicións de tal carácter, referentes ó persoal facultativo, sanitario e non facultativo e non sanitario, formalizaranse a través da expedición de nomeamentos estatutarios, segundo as modalidades que se refiren de seguido.

 

2. Os nomeamentos estatutarios que se aplicarán ó persoal vinculado temporalmente serán os seguintes:

A) Nomeamento de carácter interino para o desempeño dunha praza vacante: será expedido a favor do profesional que desempeñe funcións inherentes a unha praza que estea ou quede vacante, unha vez autorizada a súa cobertura pola División de Recursos Humanos do Sergas con suxeición ás condicións e procedementos recollidos nas ordes que resultan aplicables.

O persoal vinculado permanecerá no desempeño das funcións ata a cobertura regulamentaria da praza por persoal propietario con destino definitivo ou en reingreso provisional nos termos previstos na actual normativa, ou a súa amortización.

O profesional que se vincule para o desempeño de praza vacante designarase a través do sistema de vinculación temporal contido no pacto vixente do 4 de febreiro de 2000, ou norma que o substitúa, naquelas categorías afectadas por el.

B) Nomeamento para substitución das funcións de persoal estatutario fixo, interino ou eventual durante os períodos de vacacións, permisos e demais supostos de ausencia de carácter temporal.

O vinculado cesará na súa prestación ó reintegrarse á praza o profesional substituído, así como cando este perda o seu dereito á reincorporación á mesma praza ou función.

C) Nomeamento de carácter eventual. Expedirase para estes catro supostos:

1. De carácter conxuntural ou extraordinario, por mor do déficit circunstancial do cadro de persoal da institución de que se trate en determinados períodos para a realización da súa actividade ordinaria. Este nomeamento terá a duración máxima que requira a situación conxuntural ou extraordinaria que se precisa cubrir sen que en ningún caso poida exceder de tal requirimento.

En todo caso deberán sinalarse as circunstancias dese carácter que o motivan e o tempo de duración.

Este nomeamento terá a duración máxima de seis meses nun período anual.

2. Cando se trate da prestación de servicios determinados de natureza temporal. Este suposto de nomeamento deberá ser autorizado previamente pola División de Recursos Humanos do Sergas e para tal fin deberá xustificarse perante a devandita división mediante a elaboración dunha memoria suficientemente ilustrativa e documentada sobre as circunstancias que requiran a cobertura do servicio determinado de natureza temporal por mor das necesidades imperantes na institución, en virtude de programas especiais, actuacións concretas ou outras que se precisen.

O nomeamento eventual formalizado na modalidade de servicio determinado de natureza temporal conterá necesariamente a causa que motiva a vinculación de carácter non permanente e, se cabe, a súa duración prevista. O nomeado cesará cando conclúan as circunstancias que requiriron a cobertura do servicio ou cando remate o prazo previsto no nomeamento.

3. Para a cobertura temporal de atención urxente extrahospitalaria nos distintos PAC en funcionamento, ou a través dos dispositivos e medios que a desenvolvan. Esta modalidade de vínculo formalizarase cando as circunstancias o requiran por mor da necesidade de persoal para dispensar tal asistencia, nos termos recollidos con carácter especial no réxime de selección temporal vixente e normas concordantes ou complementarias que resulten de aplicación.

O nomeamento expedido trae a súa causa na garantía que incorporando o seu contido tamén se formaliza respecto do profesional vinculado para a cobertura da atención continuada nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria.

No nomeamento fixaranse, necesariamente, as circunstancias que o motivan, así como a súa duración e, igualmente, incluirá a garantía dunha cobertura, con carácter xeral de seis meses, no número de quendas de atención continuada que serán determinadas mediante calendario por períodos mensuais, e notificadas con anterioridade ó profesional.

A duración da tal garantía será prorrogable por outro período máximo de idéntica duración de manterse as causas conxunturais que o motivan; agás que razóns organizativas, de funcionamento ou de carácter circunstancial determinen un período de duración inferior dela.

Tamén se fará consta-lo seu réxime retributivo de acordo coas contías previstas para o concepto de atención continuada.

Este nomeamento rematará ó termo do prazo de duración fixado, pola renuncia e polas demais causas que se poidan establecer na normativa aplicable; sen que en ningún caso poida servir para cubrir necesidades permanentes derivadas da actividade asistencial.

Os modelos de nomeamentos concernentes ós supostos anteriores figuran como anexo I e II á presente orde.

4) Nomeamento provisional. Para a cobertura de situacións provisionais en espera da autorización pertinente a que se aludía na letra A) parágrafo primeiro «in fine» anterior. Este nomeamento durará ata que a División de Recursos Humanos do Sergas resolva sobre tal autorización.

Para a designación dos profesionais vinculados a que se refiren os dous últimos puntos, seguirase igualmente o sistema de nomeamentos temporais recollido no pacto mencionado ou norma que o substitúa, naquelas categorías afectadas por el.

 

4. Como excepción á xornada ordinaria que para as distintas clases de persoal se recollen nas súas normas expecíficas (estatutos de aplicación e disposicións complementarias ou integradoras), admitirase, sempre que sexa xustificado, a fixación de xornadas inferiores nas modalidades de vinculación referidas nos anteriores artigos.

A duración e características destas xornadas inferiores á ordinaria, que poderán consistir nunha minoración horaria diaria ou nun número inferior de xornadas semanais, virán determinadas polas condicións da prestación de servicios a que afecte.

Para o seu uso, requirirase un informe motivado dirixido pola institución sanitaria que a propugna á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, coa achega dos datos imprescindibles para avalia-la súa procedencia e oportunidade. De consideralo admisible, polas circunstancias concorrentes, ese centro directivo autorizará a súa fixación e, polo contrario, rexeitaraa nos casos de ausencia de razóns convincentes para a súa implantación.

No caso de desenvolvemento desa xornada inferior á ordinaria o profesional percibirá os seus emolumentos en contía proporcional a súa duración.

O resto das condicións dos profesionais vinculados a tempo parcial serán idénticas ás correspondentes á xornada ordinaria.

 

5. Necesariamente incluirase nos nomeamentos temporais formalizados ou contratos que se subscriban, en cláusula autónoma, o sometemento do profesional vinculado á superación dun período de proba coa duración que se detalla para cada clase de persoal:

- Facultativos médicos e resto do persoal do grupo A: 6 meses.

- Grupo B de persoal sanitario non facultativo e non sanitario: 3 meses.

- Grupo C e D de persoal sanitario e non sanitario: 2 meses.

- Grupo E: 2 meses.

Durante a vixencia dos períodos de proba que se estipulen poderá ser cesado libremente o persoal vinculado. Tal cesamento non xerará dereito a ningunha clase de indemnización a prol do vinculado.
A proba que se fixe terá virtualidade sobre o nomeamento ou contrato que se formalice aínda que o profesional xa estivera vinculado anteriormente con algunha institución sanitaria da rede do Sergas. Excepcionaranse os supostos en que se trate da mesma institución e que o profesional xa superase a citada proba en servicio ou área similar e xa que logo parangonable co novo destino.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

Primeira.- Os vínculos temporais establecidos na presente norma referentes ó persoal fixo que acceda pola quenda de promoción profesional de acordo coa norma xeral 8 do pacto de vinculación temporais do persoal estatutario das institucións xestionadas polo Sergas (D.O.G. nº 47, luns 10 de marzo de 1997), ou norma que o substitúa, formalizarase mediante a correspondente declaración de situación especial en activo, establecida na normativa vixente.

 

Segunda.- Facúltase a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para adopta-las resolucións ou medidas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

Sen prexuízo da data de entrada en vigor da presente orde, esta será de aplicación ós nomeamentos temporais de carácter eventual e por substitución, expedidos ó abeiro das instruccións do 11 de xuño de 1997 da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde. Xa que logo tales nomeamentos adaptaranse en todo o seu ámbito e contido á presente norma.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido na presente orde con vixencia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también



[1] Modificada pola Orde do 22 de marzo de 2000, que xustifica a modificación do seguinte xeito: “En virtude da Orde do 1 de xullo de 1997, operouse unha unificación, harmonización e configuración do sistema de formalizacións dos vínculos temporais do persoal estatutario das II.SS. do Sergas.

 

Neste sentido, tal orde fixa como modelo uniforme de vínculo para todo o persoal das II.SS. o nomeamento de carácter estatutario nas súas diferentes modalidades que permite a cobertura das situacións de necesidade concorrentes. A contratación de carácter laboral queda moi limitada, aplicable exclusivamente a aqueles supostos que obsten, por insuficiencia ou inadaptación, ó modelo de vinculación estatutaria, caso da cobertura de servicio determinado que resulta necesaria para todas aquelas situacións de execución de programas ou actuacións de carácter temporal, ineludibles nas nosas II.SS.

 

Ademais, a orde mentada establece, como condición explicita nos nomeamentos ou contratos formalizados, un período de proba para os profesionais vinculados, diferente na súa duración para os distintos grupos, cun máximo de seis meses, en escala decrecente.

A orde recolle as modalidades de nomeamentos características da normativa estatutaria, por mor da súa incorporación ós diferentes estatutos de persoal aplicables, e ademais adapta a súa configuración ás necesidades actuais de vínculo con virtualidade nas II.SS. do Sergas.

 

Así, refírese o nomeamento por interinidade en praza vacante, por interinidade en substitución de profesionais con dereito a reserva de praza e eventual por razóns de carácter conxuntural. Tamén co adaxo de adapta-las formalizacións das vinculacións ós procedementos de control e autorizacións vixentes para o Sergas, establece o nomeamento de carácter provisorio, precisamente previsto para cubri-lo transcurso de tempo entre o momento en que a praza fica vacante e a definitiva autorización para a súa cobertura a través do nomeamento de interinidade. Igualmente contempla o nomeamento de persoal de reforzo á atención urxente extrahospitalaria, por mor das necesidades imperantes nos distintos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria por déficit de persoal, de conformidade co contido do Decreto 172/1995 que contén o Plan de Urxencias Extrahospitalarias con vixencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

A orde regulada no xeito exposto e coa minuciosidade requirida os sistemas de formalización do vínculo, debido á insuficiencia da normativa existente contida nos estatutos de persoal perfectamente comprensible a causa da súa antigüidade, e tamén da ausencia de normativa estatal de carácter básico que ordene coa debida amplitude a materia. Tales circunstancias reflíctense no preámbulo introductorio da citada orde.

 

Con posterioridade a súa entrada en vigor, a formulación e ordenación da materia mudouse en puridade a través da publicación e entrada en vigor da Lei 30/1999, do 5 de outubro, sobre selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, os preceptos da cal son de carácter básico para todo o Sistema Nacional de Saúde. O artigo sétimo da lei, dedicado á selección de persoal temporal, refírese ó nomeamento de carácter estatutario como sistema de cobertura das necesidades temporais que se produzan nas II.SS., a través das modalidades que o precepto refire. Isto é: interinidade en praza vacante, de carácter eventual e por substitución.

 

Das configuracións que efectúa a norma destas clases de nomeamentos, cabe salientar pola súa precisión, amplitude e incidencia para a regulamentación existente no noso servicio de saúde, as refiridas ós de carácter eventual e por substitución. No primeiro inclúese, ademais da cobertura das necesidades conxunturais ou extraordinarias que se produzan, as referentes á prestación de servicios determinados de natureza temporal e tamén a cobertura da atención continuada. No segundo, sinálanse os motivos de substitución para os que se expide e que o cesamento do substituto se opera en todo caso por mor da reincorporación do substituído e, no suposto de perda do dereito á reincorporación á praza ou á función desempeñada.

 

Tamén a lei ten en conta a suxeición dos vinculados a un período de proba en similares termos ó contido na orde de formalizacións do vínculo temporal das II.SS. do Sergas, xa citado.

 

Finalmente a citada lei posibilita, no seu artigo nove, a promoción interna de carácter temporal, que xa ven tendo predicamento a través da quenda de reserva pertinente no vixente pacto de selección de persoal temporal do Sergas do 4 de febreiro de 2000, asinado entre a Administración sanitaria e as oganizacións sindicais. Para os profesionais que accedan por promoción interna temporal, a lei explicita o mantemento da situación de servicio activo, coa percepción das retribucións correspondentes ás funcións desempeñadas en promoción, agás os trienios. A citada situación de activo xa vén recollida na disposición adicional primeira da orde comentada.

 

Así as cousas, faise preciso adapta-la situación normativa, contida na tan reiterada orde ó disposto na lei básica, en relación cos preceptos citados, modificando determinados aspectos daquela que se ven necesariamente afectados pola norma legal, e mantendo o resto do seu dictado por canto respecta e se harmoniza plenamente co contido da norma básica.

 

Xa que logo, requírese adaptar e modifica-la configuración do nomeamento de carácter eventual, previsto na orde, só para a cobertura de necesidades conxunturais, coa súa ampliación ás demais circunstancias postuladas na lei, cal é o caso da prestación de servicios determinados de natureza temporal e, con carácter xeral a cobertura da atención continuada. Isto tradúcese na indefectible eliminación da modalidade contractual de carácter laboral de servicio determinado, prevista na citada orde, xa que, nos termos da lei, o nomeamento eventual pasa a cubri-los concretos supostos que abrangue esa vinculación laboral.

 

Tamén, no caso de nomeamento por substitución, segundo os termos da norma legal é preciso cesa-lo persoal vinculado temporalmente, non só cando se produce a reincorporación do profesional substituído, senón tamén cando a praza fique vacante por mor da perda do dereito á reincorporación ou exercicio das funcións desenvolvidas.

 

Finalmente, debe significarse o recente compromiso acadado para a modificación das urxencias extrahospitalarias, que impele ineluctablemente a amplia-las circunstancias de cobertura da atención urxente extrahospitalaria reflectidas na mentada orde, moi restrinxidas e previstas exclusivamente para circunstancias extraordinarias. Os predicamentos do novo sistema, coa explicitación, entre outros aspectos, da non obrigatoriedade da realización do tramo nocturno de atención continuada, van supoñe-la necesaria cobertura das necesidades de persoal vinculado temporalmente, con carácter non tan excepcional como se tiña previsto no texto da orde. E, por iso, requírese tamén a modificación neste extremo.”