Orde do 30 de xuño de 1997 pola que se regula o réxime de
preintegración do persoal estatutario facultativo e ATS/DUE con destino nos Servicios
Normais e Especiais de Urxencias no novo modelo de Atención Primaria de Galicia.
Parece razoable entender que durante estes anos, trala entrada en vigor do novo
sistema retributivo do persoal estatutario de área en virtude do R.D. 3/1987,
do 11 de setembro, non se produciu unha adecuada solución normativa para o
persoal médico e ATS/DUE destinado no Servicio de Urxencias Extrahospitalarias.
Así, en efecto, tanto nas súas condicións de traballo como retributivas
mantívose unha situación transitoria, cunha formulación insuficiente e, en todo
caso, insatisfactoria delas.
Tales circunstancias, afectantes a practicamente a
totalidade do Sistema Nacional de Saúde, implicaron que por parte dos afectados
e dos seus representantes se instase en reiteradas ocasións á imprescindible
formulación dunha resposta normativa que recollese o eido das condicións xerais
da súa prestación de servicios.
Así as cousas, produciuse, como é sabido, unha
transformación importante no nivel de Atención Primaria da nosa Comunidade
Autónoma, vehiculada polo Decreto 200/1993, de ordenación del. A continuación,
esta norma básica foi seguida por outras regulamentadoras de aspectos esenciais
da materia, como o tratamento da atención urxente extrahospitalaria e a
fixación do sistema retributivo do persoal que presta servicios no marco da
Atención Primaria galega.
Unha vez establecido o marco normativo, neste momento
encóntrase en plena virtualidade o proceso de integración no novo sistema do
persoal pertencente á Atención Primaria susceptible de exerce-la opción
correspondente ou integrarse sen máis nas novas unidades. Entre o devandito
persoal figuran os profesionais, médicos e ATS/DUE, destinados nos servicios de
urxencia extrahospitalarios.
Pero respecto a este persoal pode existir unha demora
importante na ultimación do proceso, por mor das características da súa
prestación que non permite unha inmediata conversión ou transformación no novo
modelo. Por iso, na procura de evitar prexuízos ou insatisfaccións para os
profesionais afectados, procede propoñer unha solución normativa provisional
que, dalgún xeito, palie ou elimine tal situación, na espera da definitiva
integración no sistema.
Con tales premisas, a presente norma contén os seguintes
extremos que van ser obxecto de tratamento provisional repecto ó colectivo de
persoal médico e ATS/DUE dos servicios de urxencia na nosa comunidade:
a) Unha aproximación do tratamento das súas condicións de
traballo e retributivas ó novo sistema de Atención Primaria vixente.
Para este fin, parece oportuno vehicular unha preintegración
singular que supoña a adecuación destes profesionais ás condicións retributivas
previstas na norma de ordenación de tal carácter vixente para o nivel de
atención primaria, que vén plasmada no Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo
que se regula o réxime retributivo do persoal de unidades e servicios de
Atención Primaria; e ás condicións de traballo aplicables ó sistema de atención
urxente a través dos diferentes PACs, que se configura en virtude de Decreto
172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias
Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia.
Como condicións retributivas de consideración na presente
norma para o persoal preintegrado recóllense as relativas ó soldo, complemento
de destino, complemento específico e complemento de productividade fixa, se é o
caso, e variable. Así mesmo as que se deriven do concepto de gardas (valor
referenciable para a determinación da cantidade correspondente á atención
continuada que exceda da xornada regulamentaria), manutención e transporte,
recollidas todas elas no decreto que regula a atención urxente
extrahospitalaria.
b) A xornada que desenvolverán os profesionais afectados
pola integración será a prevista no Decreto 200/1993, de 29 de xullo, de
ordenación de Atención Primaria da Comunidade Autónoma de Galicia, sen
menoscabo do sistema de quendas de traballo específicas que derivan da
prestación da atención urxente nos PACs ós que estean adscritos.
Con estas medidas preténdese dotar de suficiente
racionalidade e da canle apropiada, co carácter provisional xa aludido, este
ámbito prestacional do nivel de atención primaria do Sergas, e polo rmesmo
acadar en última instancia, nun ulterior paso, coa celeridade que sexa posible
dentro do respecto ó marco normativo, unha plena integración dos profesionais
afectados nas unidades de atención primaria. Así, deste xeito, ultimado o
proceso desenvolverán o seu servicio en xornada ordinaria como os demais profesionais,
co cumprimento adicional das gardas que lle correspondan para a cobertura
imprescindible da atención urxente.
Finalmente, cómpre sinalar que o sistema que se contén na
presente norma se lle aplicará, trala súa entrada en vigor, a todo o persoal con
vínculo temporal do servicio de urxencia e ós profesionais fixos que
voluntariamente opten pola preintegración no novo sistema deseñado, e suporá
ineluctablemente no futuro á integración definitiva nas unidades de atención
primaria á que se fixo mención.
Por todo isto. Esta consellería, en uso das súas facultades,
logo de negociación na Mesa Sectorial de Persoal Sanitario,
DISPÓN:
1. Obxecto.
A presente orde ten por obxecto a regulación do réxime de
preintegración do persoal estatutario facultativo e ATS/DUE dos servicios
normais e especiais de urxencias no novo modelo de atención primaria de
Galicia, de conformidade co previsto no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de
ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto
172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias
Extrahospitalarias de Galicia e demais disposicións de desenvolvemento.
2. Preintegración.
O proceso obxecto da presente regulación configúrase como a
integración transitoria no novo modelo de atención primaria do persoal dos
servicios normais e especiais de urxencias que dispoña da devandita opción,
mantendo a súa prestación de servicios exclusivamente nos dispositivos de
atención urxente extrahospitalaria, sen prexuízo da súa integración ordinaria
definitiva conforme a disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do
29 de xullo, modificado polo Decreto 161/1996, do 25 de abril.
3. Ambito de
aplicación.
Dispoñerá do dereito de optar á preintegración no novo
modelo de atención primaria de Galicia o persoal médico e ATS/DUE, de carácter
fixo con destino definitivo nos servicios normais e especiais de Urxencia do
nivel de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde que se atope nas
situacións administrativas que se detallan no artigo 2 da orde da Consellería
de Sanidade e Servicios Sociais do 23 de xullo de 1996, pola que se regula a
integración do persoal que presta os seus servicios no ámbito da atención
primaria na Comunidade Autónoma de Galicia no novo sistema deseñado polo
Decreto 200/1993, do 29 de xullo.
4. Oferta de
preintegración.
1. A opción de preintegración poderá exercerse de xeito
aberto, continuo e voluntario a partir do día seguinte ó da publicación da
presente orde no Diario Oficial de Galicia.
2. O persoal que decida exerce-lo dereito a integrase no
novo sistema de atención primaria deberá utiliza-lo modelo de solicitude
individual incluído como anexo á presente orde, dirixido ó director xerente da
Xerencia de Atención Primaria á que pertence a praza correspondente.
A dita solicitude deberá presentarse nas propias xerencias
de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde ou no rexistro xeral da
Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos das súas delegacións
provinciais, nos das direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde ou en
calquera das oficinas previstas no artigo 38.4° da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
3. A opción formulada suporá o compromiso irreversible de
integración ordinaria definitiva na unidade de atención primaria en que a praza
se integre.
5. Resolución.
l. A aprobación será resolta mediante resolución conxunta
das direccións xerais de Recursos Humanos e de Atención Primaria do Servicio
Galego de Saúde, por proposta razoada do director xerente da Xerencia de
Atención Primaria correspondente.
2. A aprobación da dita preintegración terá carácter
definitivo, producíndose tódolos efectos xurídicos en favor do persoal afectado
previstos na presente orde.
3. Igualmente, resolta a integración, o correspondente posto
de traballo preintegrado quedará incorporado ó novo sistema de atención
primaria, nos termos previstos na presente disposición.
6. Efectos
da preintegración.
l. Os profesionais das categorías de médicos e ATS/DUE
preintegrados no sistema previsto na presente norma, ata que se leve a efecto a
integración plena da súa praza na unidade correspondente conforme o Decreto
200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria da Comunidade
Autónoma de Galicia, prestarán servicios no PAC que inclúa o ámbito
prestacional correspondente ó servicio de urxencias onde están destinados. Tal
prestación incluirá toda atención urxente requirida polos usuarios no punto de
atención continuada, co ámbito territorial que lle compete a este.
2. Os profesionais médicos e ATS/DUE con vínculo temporal
preintegraranse automaticamente no sistema deseñado pola presente norma, coa
transforrnación do pretérito sistema ó que pertencían.
7. Xornada de
traballo.
l. A xornada que van a desenvolve-los profesionais
preintegrados da categoría de médicos e ATS/DUE será a prevista no artigo 6.1°
do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria da
Comunidade Autónoma de Galicia.
Os profesionais preintegrados desenvolverán a súa prestación
de servicio conforme as quendas de atención que se establezan nos puntos de
Atención Continuada ós que se adscriban.
2. A xornada que exceda da máxima efectiva fixada, será
retribuída co módulo horario do complemento de atención continuada fixado no
Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias
Extrahospitalarias.
3. O Servicio Galego de Saúde poderá adopta-las medidas
correspondentes para efectos de facilita-la dedicación de parte da xornada de
traballo efectiva a tarefas complementarias da atención urxente, tales como a
coordinación coas correspondentes unidades e servicios de atención primaria, o
desenvolvemento de plans ou programas especiais, ou
calquera outra de análoga natureza.
8. Réxime
retributivo.
l. O réxime retributivo do persoal preintegrado, de
conformidade co previsto na presente disposición, será o establecido no Real
decreto lei 3/1987, do 11 de setembro.
2. As retribucións que percibirán os profesionais
preintegrados de médicos e ATS/DUE serán as previstas, respectivamente, para
estas categorías nos artigos 3°, 4°, 5°, 7°, 8° e 9º e anexos correspondentes,
do Decreto 226/1996, do 25 de abril, polo que se regula o réxime retributivo
das unidades e servicios de atención primaria. A contía das devanditas
remuneracións acreditarase tomando como asignación a cifra de 0 cartillas por
profesional das categorías afectadas pola preintegración regulada na presente disposición.
3. Para o percibo do complemento de productividade, factor
variable, estableceranse polo Servicio Galego de Saúde os obxectivos que
procedan polas características das funcións desempeñadas polos profesionais
preintegrados afectados, a consecución dos cales permita o seu devengo. En todo
caso, como prevé a citada norma de ordenación retributiva, serán de coñecemento
previo e pormenorizado polos afectados e negociados coas organizacións
sindicais.
4. O persoal preintegrado de conformidade co previsto na
presente disposición poderá percibir, se é o caso, as indemnizacións por
transporte e manutención ás que se fai referencia nas disposicións transitorias
segunda e terceira do Decreto 172/1995, do 18 de maio.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.- Facúltanse as direccións xerais de Recursos
Humanos e de Atención Primaria para que, no ámbito das súas competencias,
dicten cantas instruccións sexan necesarias para a execución das previsións
contidas na presente orde.
Segunda.- A partir da entrada en vigor da presente norma, a
prestación de servicios do persoal que non se preintegre de conformidade co
previsto nela, que exceda da xornada efectiva ordinaria, será retribuída
mediante o complemento de atención continuada fixado para as categorías
afectadas no Decreto 172/1995, do 18 de maio.
O persoal que preste servicios nos devanditos dispositivos
adecuará funcionalmente a súa prestación de servicios ó réxime destas unidades,
sen prexuízo do mantemento das condicións de traballo que resulten da normativa
de pertinente aplicación.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
O persoal que se preintegre, en aplicación do contido da
presente norma, incorporarase ós puntos de Atención Continuada, en proceso
paulatino, na medida en que estes se vaian constituíndo de conformidade co
previsto no referido Decreto 172/1995, do 18 de maio. Emporiso, unha vez
virtualizada a preintegración, trala entrada en vigor da presente norma, aínda
que continúen prestando servicios no actual destino, acreditarán a xornada e
percibirán as retribucións e indemnizacións por razón de servicio previstos
nela.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
Quedan derrogadas tódalas súas normas ou inferior rango que
afecten á materia contida na presente orde dentro do ámbito da Comunidade
Autónoma de Galicia.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
A presente orde producirá os seus efectos a partir do día
seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.