Orde do 3 de xuño de 1997 pola que se establece a
obrigatoriedade de identificación do persoal facultativo e auxiliar nas
oficinas de farmacia.
A Constitución española establece no seu artigo 149.1.16, que o Estado ten
competencia exclusiva sobre as bases e coordinación xeral da sanidade e
lexislación sobre productos farmacéuticos.
A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o
Estatuto de Autonomía de Galicia, prevé no seu artigo 33.1 que corresponde á
Comunidade Autónoma de Galicia, o desenvolvemento lexislativo e a execución da
lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.
A Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento (B.O.E. nº
1306, do 22 de decembro de 1990), dispón no seu artigo 88.1.b) a presencia e
actuación profesional do farmacéutico como condición e requisito indispensable
para a dispensación ó público de medicamentos.
Neste mesmo sentido, a Lei 16/1997, do 25 de abril, de
regulación de servicios das oficinas de farmacia (B.O.E. nº 100, do 26 de abril
de 1997), establece e esixe a presencia e actuación profesional do farmacéutico
como condición e requisito indispensable para a dispensación ó público de
medicamentos.
A presente orde ten por obxecto materializar e
desenvolve-las previsións contidas nos indicados preceptos, referidas á
obrigatoriedade da presencia do farmacéutico na dispensación de medicamentos,
polo que debe esixirse para o seu cumprimento, a identificación profesional do
persoal que preste servicios nas oficinas de farmacia.
En consecuencia, resulta oportuno dictar unha norma que veña
recoller, con carácter obrigatorio, a identificación do persoal que preste
servicios nas oficinas de farmacia, con independencia da súa cualificación
profesional.
Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os
artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do
seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
1. O persoal que
preste os seus servicios nas oficinas de farmacia deberán levar durante toda a
súa xornada laboral, un distintivo que acredite a súa identificación
profesional.
2. No distintivo
ou placa identificativa figurarán os seguintes datos:
a) Nome e apelidos.
b) Titulación (farmacéutico titular, farmacéutico
substituto, farmacéutico adxunto, farmacéutico rexente ou auxiliar de
farmacia).
c) Número de colexiado, se é o caso.
3. As
características do distintivo axustaranse ó modelo que recolle o anexo da
presente orde.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Esta orde entrará en vigor ós 15 días da súa publicación no
Diario Oficial de Galicia.