A estenose aórtica (EA) é unha enfermidade crónica de evolución progresiva. A EA grave é a valvulopatía máis prevalente; especialmente en pacientes de idade avanzada, estímase un 3 % en pacientes de 75 anos ou maiores e prevese que se incremente de forma exponencial nas próximas décadas en relación co envellecemento da poboación. En xaneiro de 2018 implántase no Servizo de Cardioloxía o proceso asistencial de estenose aórtica grave sintomática e a súa implantación consolídase entre os anos 2019-2020, co fin de xestionar a asistencia dos pacientes subsidiarios de intervención, garantir o funcionamento correcto e coordinado de todas as súas fases e buscar un resultado óptimo en saúde. O presente documento pretende actualizar a versión previa deste protocolo e introduce as modificacións derivadas da análise de resultados e identificación de puntos susceptibles de mellora nos primeiros anos da súa posta en marcha.