logo Conselleria
logo SERGAS

Espazo para asociacións de doentes

Servizos

En Amencer-ASPACE ofrecemos atención e servizos profesionais especializados dirixidos a persoas con trastornos de orixe neuromotora, acompañándoas ao longo das diferentes etapas da súa vida.

Contamos cunha rede de recursos que inclúe centros de día, centros de educación especial e servizos de rehabilitación externa, entre outros, adaptados ás necesidades, características e procesos individuais de cada persoa usuaria.

Dispomos dunha rede de centros que nos permite ofrecer atención ao longo de todo o ciclo vital das persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns.

  • Centro de Atención Integral Amencer-ASPACE (Lourizán, Pontevedra)

    Conta cun centro educativo, un centro de día e un servizo de rehabilitación externa.

  • Centro de Atención Integral Amencer-ASPACE Vigo

    Conta cun centro educativo, un centro de recursos e un servizo de rehabilitación externa dotado coa última tecnoloxía en robótica aplicada á rehabilitación neurolóxica.

  • Centro de Atención Integral Princesa Letizia (Vilagarcía de Arousa)

    Conta cun centro educativo, un centro de día e un apartamento titorizado totalmente adaptado para a realización de respiros familiares e estadías temporais.

  • Vivenda Residencial Amencer-ASPACE (Pontevedra)

    Inaugurada en setembro de 2024, conta cunhas instalacións totalmente adaptadas para persoas con grandes necesidades de apoio. Dispón de 30 prazas distribuídas en habitacións individuais e compartidas.

  • Centro de Día Amencer-ASPACE (Campolongo, Pontevedra)

    Dirixido a persoas con parálise cerebral fóra da idade escolar, conta con 17 prazas e ofrece unha atención especializada nun contorno adaptado ás súas necesidades. O seu labor céntrase en potenciar as capacidades de cada persoa, promover a súa participación social, facilitar a adquisición de habilidades para o desenvolvemento persoal e manter as súas potencialidades, respectando sempre os seus intereses e proxectos de vida.

Outros servizos

  • Servizo de atención e asesoramento ás familias.
  • Servizo de lecer, tempo libre e deporte.
  • Servizo de transporte adaptado.
  • Servizo de comedor.
  • Servizo de préstamo de produtos de apoio e axudas técnicas.

Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Xunta de Galicia