SERVIZO DE TRABALLO SOCIAL
O servizo de traballo social é o primeiro contacto para a persoa enferma, coidadora ou familiar. Presta información sobre os distintos servizos e actividades existentes en cada momento no centro, así coma do seu funcionamento, atendendo aos problemas, necesidades e demandas (explícitas ou non) das persoas usuarias. O servizo ten lugar de luns a venres de 9 a 14h.
SERVIZO DE FISIOTERAPIA
A súa labor vai encamiñada a manter o máximo posible a independencia e funcionalidade da persoa para as actividades da vida diaria (AVD), formando tamén á familia para previr lesións musculares derivadas dos coidados prestados (escola de costas e ergonomía no manexo da persoa dependente). O servizo ten lugar de luns a venres en horario de mañán, e os mércores de 17,00 a 19,15h.
SERVIZO DE LOGOPEDIA
Aínda que a súa intervención é extensa, destacaremos o seu papel rehabilitador en procesos cognitivos alterados como a percepción, a atención ou a memoria, trastornos fonorespiratorios, articulatorios, de deglución (disfaxia), succión e masticación (utilizando terapia Miofuncional e Orofacial), trastornos da fala e da voz. O servizo ten lugar de martes a venres en horario de mañán.
SERVIZO DE PSICOLOXÍA
Orientado as persoas afectadas e a familiares, as actuacións van encamiñadas a: identificar e intervir nos distintos trastornos, proporcionando habilidades para o afrontamento do estrés diario e control da ansiedade; detectar e procurar o cambio de pensamentos, crenzas erróneas e disfuncionais en torno a enfermidade e as súas implicacións; alentar a expresión de sentimentos, ofrecer apoio, soporte verbal e información; mellorar a autoestima e motivar no establecemento e consecución de novas metas. O servizo desenvólvese en función de axendas según demanda.
OUTRAS ACTIVIDADES A DESTACAR
- Terapias Alternativas: PILATES. Dende a A.C.E.M. sabemos que é de vital importancia a calidade de vida das persoas coidadoras, por iso nesta actividade, impartida a través de dúas clases semanais (martes e xoves de 12,30 a 13,30h), se levan a cabo accións dirixidas a manter o seu benestar físico e mental. Pilates está dirixido tanto a persoas afectadas pola doenza como a familiares/coidadores.
- Programa de golf adaptado. Cunha periodicidade semanal dun día (mércores pola mañán), persoas afectadas de EM acuden a realizar esta actividade adaptada para persoas con discapacidade. Fomentase o desenrolo físico mediante a realización dunha actividade que potencia a autonomía persoal.
- Xornadas formativas/informativas. Na actualidade, a pesar dos avances, a Eslerose Múltiple é unha enfermidade neurodexenerativa para a que non existe cura, pero podemos contribuir a unha mellora na calidade de vida se dotamos ás persoas doentes e as súas familias de coñecementos necesarios para facer fronte da mellor maneira posible aos coidados diarios: de ahí a realización de xornadas, accións formativas e informativas. Os obxectivos a destacar destas actividades son a formación das persoas coidadoras e familiares sobre todos os aspectos da enfermidade e a adquisición dunha maior compresión e sensibilización ante a doenza.
- Eventos solidarios e actividades de divulgación e sensibilización. Destacamos as edicións anuais da Carreira e Andaina Solidarias pola Esclerose Múltiple, así como os actos realizados con motivo dos días Mundial e Nacional da EM.
- Lecer e tempo libre, así como encontros de confraternidade entre as persoas asociadas.