A Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) é unha entidade sen ánimo de lucro que nace no ano 1995 co fin de contribuir a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por esta doenza, así coma a dos seus familiares e coidadores. No ano 2007 foi recoñecida como entidade de Utilidade Pública.
A ACEM conta con máis de 20 anos de experiencia no colectivo de atención a persoas con discapacidade e dependencia. Así, no ano 2009 o concello de Santiago de Compostela cede unha parcela situada na rúa Queixume dos Pinos, baixo réxime de concesión demanial, para a construción dun centro, que con data 27 de xuño do 2013 foi declarado de interese e utilidade municipal. É neste Centro de Rehabilitación Integral, onde a A.C.E.M. ofrece unha atención multidisciplinar e integral, paliativa e preventiva a través dun equipo multidisciplinar de acción conxunta especializado no sector.
Os valores que a ACEM propugna son a consideración das persoas con esclerose múltiple como suxeitos titulares de dereitos e deberes, a calidade e na súa actuación, o traballo en equipo, a eficacia e a eficiencia, a mellora continua, e o compromiso co colectivo de persoas con EM.