logo Conselleria
logo SERGAS

Espazo para asociacións de doentes

Presentación

Quen somos?

ANEDIA, Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia, somos unha entidade sen ánimo de lucro, integrada por familiares, amigos, profesionais que nos xuntamos no ano 2013 para defender os dereitos dos menores con diabete tipo I, entre outros:

  • Dereito a que a súa diabete reciba a atención precisa no centro educativo.
  • Dereito a practicar deporte e realizar actividade física en condicións de seguridade.
  • Dereito a ir coa súa mochila (equipamento e suplementos alimenticios) a calquer lugar.
  • Dereito a acceder aos avances das investigacións en medicina.
  • Dereito a recibir educación diabetolóxica desde o diagnóstico e de forma regular ao longo de toda a súa vida.
  • Dereito a recibir atención psicolóxica.
  • Dereito a unha atención multidisciplinar.

Loitamos porque a súa diabete, compañeira non desexada pero imposible de evitar, non supoña un lastre para eles e elas, para o cal traballamos para visibilizar as súas necesidades, de forma que o conxunto da sociedade tomemos consciencia das memas e da importancia de satisfacelas.

Para que se recoñeza e valoren as atencións que estes menores precisan e que supoñen unha gran carga para o seu coidador ou coidadores directos, nai, pai, titores legais, aos que se lles poñen trabas a nivel laboral para poder responder ás necesidades dos menores ao seu cargo, polo que en moitas ocasións un dos proxenitores, titores deixa o traballo para poder atender ao menor.

A diabete tipo 1, é unha doenza de orixe autoinmune, con algunha similitude coa diabete tipo 2, pero moi diferente a esta. A diabete tipo 1, non se pode previr, non depende do estilo de vida, nin dos hábitos alimenticios do menor que nada fixo para tela, nin nada puido facer para previla. O seu pancreas deixou de producir insulina, polo que desde o momento do diagnóstico, ten que aprender a administrarse insulina, a medir os niveis de azucre en sangue, a calcular as racións de hidratos de carbono que aportan os diferentes alimentos, ... en definitiva, debe seguir unha estricta disciplina de coidados diarios, que vai máis alá de tomar unha medicación nun horario e cunhas doses determinadas, xa que o tratamento da diabete require da toma de decisións continuas por parte do menor e do seu coidador.

Na infancia e adolescencia, os importantes cambios físicos, psicolóxicos, afectivos, sociais, hormonais ... polos que pasan estes rapaces e rapazas, como consecuncia natural do proceso de crecemento e desenvolvemento que están experimentando fan que o control da doenza resulte máis complexo que na persoa adulta.

Por todo isto ANEDIA existe, para darlle voz a estes menores, para mostrar a sociedade que CON DIABETE TAMÉN SE PODE e transmitirlles a elas e eles QUE A DIABETE NON TE PARE.


A Xunta Directiva
Medrando coa Diabete
ANEDIA, Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia.

Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Xunta de Galicia