FEGADACE persegue a defensa dos intereses e a mellora da calidade de vida dos galegos e galegas con dano cerebral adquirido e dos seus familiares. Pretende sensibilizar á sociedade en xeral con respecto á dimensión desta discapacidade, implicar ás institucións e cantas iniciativas se dirixan a resolver os retos da rehabilitación, inclusión e normalización social do colectivo.
FEGADACE é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter social promovida polas entidades de dano cerebral adquirido máis representativas de Galicia, que busca mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias nesta comunidade autónoma, así como defender os seus dereitos e ofrecerlles a oportunidade de desenvolvelos.
Ademais FEGADACE apoiará, promoverá, representará e coordinará a todas as entidades de dano cerebral adquirido que estean federadas.
FEGADACE quere consolidarse como unha organización representativa e referente do dano cerebral adquirido en Galicia. Un movemento que une a todas as persoas con DCA, ás súas familias e a todas as asociacións federadas, traballando nun modelo de atención sociosanitaria común, cun goberno corporativo, un equipo técnico e unha base social comprometida, que xestiona os recursos de forma profesional e racional, articulando as demandas de colectivo.