Asotrame ten en marcha varios proxectos e actividades para a consecución dos seus obxectivos, as cales se enmarcan dentro de cada un deles:
- Colaborar en proxectos de investigación contra o cancro.
ASOTRAME destina todos os anos unha parte dos seus fondos a colaborar en diferentes proxectos de investigación. Algunhas destas contribucións destináronse a campañas como FIDIS (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela) para o desenvolvemento de formación e investigación no ámbito da hematoloxía levada a cabo no CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela), a “fábrica de células imparables” posta en marcha pola Fundación Josep Carreras, un proxecto de investigación pioneiro en España contra a leucemia e o “proxecto Adhiante”, que pretende contribuír á toma de decisións sobre o mellor tratamento para cada paciente, en base á acumulación de datos clínicos de miles de pacientes (big data).
- Informar e sensibilizar ó conxunto da poboación sobre a doazón de medula ósea.
Unha das máximas da nosa asociación e levar a todos aqueles lugares onde existan potenciais doantes unha información veraz e realista sobre o proceso de doazón e transplante. Para isto, son numerosas as actividades que realizamos ao longo do ano en diferentes contextos e para diferentes tipos de beneficiarios. Charlas de sensibilización en colexios e institutos, universidades ou en empresas; mesas informativas; galas solidarias; elaboración de material divulgativo; son exemplos das nosas actividades.
- Proporcionar información, asesoramento e soporte emocional a pacientes con cancro hematolóxico e ós seus familiares.
Como toda asociación de pacientes, en ASOTRAME, a nosa máxima é estar a carón do paciente e da súa familia tanto durante como despois da enfermidade. Para isto, puxemos en marcha unha serie de servizos, orientados a complementar o traballo que se realiza desde o sistema sanitario, e que busca mellorar a calidade de vida tanto do paciente como do seu entorno máis próximo.
Para isto, temos en marcha varios proxectos:
- Servizo de atención psicosocial:Ofrecemos unha intervención psicosocial profesionalizada e asesoramento educativo a menores en etapa escolar, onde proporcionamos información e apoio tanto a pacientes como familiares.
- “Como en Casa”: Vivenda de Estancia Temporal para Pacientes Oncohematolóxicos e Familiares: Trátase dun servizo gratuíto que permite a familiares e pacientes dispoñer dun apartamento situado moi preto do CHUAC, onde poder aloxarse e descansar durante os seus ingresos e tratamentos.
- "Apoio entre iguais": Se te acaban de diagnosticar, ou estás en tratamento dun cancro hematolóxico, ponte en contacto con nós. Contamos cun grupo de persoas que pasaron pola túa situación e están dispostas a escoitarte e axudarte.